31 de xaneiro de 2023

Balance sindical

Catro anos de intenso traballo sindical e protestas fronte aos recortes e despedimentos

Ante as vindeiras eleccións sindicais, dende a CIG non queremos vir con falsas promesas e si cun compromiso de traballar para defender os postos de traballo e as condicións laborais con honestidade e entrega, cun modelo sindical de proximidade, feito aquí e para ti.
E farémolo, como mínimo, coa mesma intensidade con que o fixemos durante os catro anos do mandato que agora remata. Por iso tedes nas vosas mans o que pensamos é o noso maior activo, un resumo do traballo sindical

Vivimos

Vivimos tempos difíciles. A reconversión do sector impulsada contra a clientela e contra os traballadores e as traballadoras continúa, destruíndo milleiros de postos de traballo ano tras ano, pechando centros de traballo rendíbeis e deixando á clientela sen servizos financeiros.

Os EREs e os despedimentos son un síntoma desa transformación que chaman falsamente «dixitalización». Por iso, o traballo da CIG non se reduciu a actuar cando a empresa puxo despedimentos sobre a mesa, aproveitando unha lexislación inxusta.

Combatemos a destrución do emprego mobilizándonos e denunciando as restricións e peches de oficinas, petamos as portas das distintas Administracións para reclamar medidas e apoio fronte as actuacións da empresa. As delegadas e delegados da CIG somos o maior activo na defensa do emprego.

Pero en paralelo a ese proceso de reconversión antisocial, vivimos un proceso de recortes e modificacións nas condicións laborais, tanto vía convenio, coma utilizando expedientes colectivos que modifican as condicións de traballo.

Hai un modelo sindical esgotado consistente en acompañar e permitir as decisións laborais dos bancos, que só conseguiu que esteamos peor que hai 4 anos: hoxe traballamos máis horas, con horarios totalmente desregulados e case individuais, cunha carga de traballo enfermiza que medra ano a ano e trimestre a trimestre, e cobramos menos.

Fronte a todo isto a CIG ten outro modelo sindical: non somos cómplices do banco, non aceptamos recortes salariais nin ampliacións dos horarios.

Somos a resistencia e, como fixemos no ERE, organizamos a resistencia das bancarias e dos bancarios que traballamos no BBVA fronte a todas as medidas inxustas, en defensa dos postos de traballo, do teu salario, dos teus horarios e da túa saúde.

En todo caso, isto non son só palabras que leva o vento, nin un falar en campaña electoral. Valora ti o traballo que fixemos ao longo dos últimos 4 anos. Para iso poñemos a túa disposición este resumo.

2019, o ano no que a CIG conseguiu o rexistro de xornada
2019

A CIG conseguiu que fora obrigatorio o rexistro de xornada e outros aceptaron falsealo

O ano 2019 frutificou unha longa loita da CIG para conseguir que a banca tivera que rexistrar a xornada laboral, unha conquista que finalmente foi baleirada de contido polos de sempre, coma sempre.

Queremos lembrar que foi a CIG quen demandou ao BBVA para puxese en marcha o rexistro. Cando o Tribunal Supremo español fallou en contra dos traballadores e traballadoras, non cesamos no empeño. A CIG propuxo aos grupos do Congreso unha modificación legal que finalmente foi aceptada polo Pleno.

O Real Decreto Lei 8/2019 estableceu a obriga empresarial de rexistrar a xornada. A banca resistiuse a implantalo buscando baleiralo de contido no convenio e establecendo un modelo de rexistro fake grazas á complicidade dos de sempre.

Diante do incumprimento da lexislación, o 10 de xuño de 2019 concentrámonos na sede do BBVA na Coruña, esixindo a posta en marcha do rexistro. Tamén protestamos contra a suba dos obxectivos, para reclamar o dereito a desconexión dixital e a igualdade real efectiva entre mulleres e homes.

O 22 de xuño tivo lugar unha manifestación nacional na que centos de traballadores e traballadoras de banca reclamaron o cumprimento dos horarios e a posta en marcha do rexistro de xornada. Todo o traballo da CIG foi baleirado pola sinatura duns rexistros fake por parte da AEB con CC.OO, UGT e ACB, tamén no BBVA.

2020, o ano da Covid e as loitas contra as restricións de caixa
2020

O ano das medidas preventivas Covid, da loita contra as restricións de caixa, ou do conflito polo horario do Nadal

Xa dende o inicio da pandemia e malia o escaso coñecemento científico sobre a , centrámonos no traballo de Prevención, para preservar a vosa saúde e a das vosas familias.

Tivemos unha actitude proactiva, anticipándonos incluso nas nosas propostas. A xeito de exemplo, foi a CIG quen propuxo a instalación de pantallas protectoras nas oficinas, por iso o BBVA foi das primeiras empresas en poñelas.

Pero o banco aproveitou a pandemia para restrinxir servizos de caixa e pechar oficinas. Advertimos que esa política levaría a destrución de emprego e comezamos cun proceso de mobilizacións.

Ao tempo, presentamos conflito colectivo contra estas restricións na Audiencia española que ditou sentenza a favor do banco, facéndose eco dos seus argumentos indicando que «melloraría o servizo a clientela», feito que logo desmentirían as mobilizacións da clientela, nomeadamente das persoas maiores.

No que si nos deu a razón a xustiza foi no Conflito Colectivo que presentamos feito para manter o horario do Nadal que o banco pretendeu eliminar.

Por último, sinalar que a CIG foi o único sindicato que se mobilizou contra a intención da AEB de recortar salarios e dereitos durante a negociación do convenio de banca.

2021, o ano das mobilizacións contra o ERE salvaxe
2021

O ano do ERE salvaxe, e das folgas nas que a CIG tivo un especial protagonismo en Galiza

Dende o primeiro momento o escenario era claro: a Dirección sabíase cuestionada e buscaba dar unha imaxe de firmeza, cun ERE no que a maioría das saídas serían despedimentos (máis baratos que as prexubilacións), procurando así contentar aos grandes fondos de investimento maioritarios no accionariado do banco. Estaban dispostos a sacrificar 3.800 persoas para amarrarse á poltrona e aos privilexios, en medio dos escándalos.

Ante esta situación, a CIG puxo en marcha unha campaña de resposta e concienciación, con pegadas de carteis e mobilizacións ao longo de toda Galiza.

Xa durante a negociación a empresa non cedía, polo que tentamos unha convocatoria de folga unitaria que inicialmente foi imposible porque os sindicatos «maioritarios» non quixeron sumarse.

Foi entón cando os sindicatos alternativos convocamos unha folga que a nivel galego recaeu basicamente sobre a CIG. Unha folga que foi un éxito, cun seguimento de practicamente o 100% dos traballadores e traballadoras do BBVA na Galiza. Éxito que se visualizou na manifestación que fixemos polas rúas da Coruña. Aquela folga marcou un antes e un despois no sector, pero tamén na negociación.

Os sindicatos que non apoiaron a folga, víronse obrigados a entrar na unidade de acción e uníronse as novas convocatorias pero, desgraciadamente, cun ollo posto no bolígrafo. Rapidamente aceptaron despedimentos inxustos e a modificación das condicións laborais, sen consultar en ningún momento ao cadro de persoal.

Daquel conflito hai que extraer dúas leccións:

Se nalgún momento os traballadores e as traballadoras do BBVA precisan mobilizarse para defenderse do banco, necesitan que a CIG sexa maioritaria a nivel galego para que sindicalmente teñamos a forza e a lexitimidade para facelo.

Non se pode confiar en sindicatos non democráticos e absolutistas, que tratan aos traballadores e traballadoras coma se fósemos nenos e nenas.

2022, a loita pola suba salarial
2022

Ano da campaña para reclamar a revisión dos salarios conxelados polo Convenio

O IPC subiu en Galiza un 13,6 % en dous anos. Nese período os salarios subiron o 0,25 % (2021) e o 1 % (2022). Unha perda do 12,5 % que se consolidará para o resto da nosa vida laboral, no salario e nas cotizacións a Seguridade Social. A suposta suba adicional do 3,25 % é unha esmola da AEB para tratar de salvar aos seus sindicatos, pero tamén un novo recorte encuberto.

A CIG non asinou o convenio, advertindo que se traduciría nun recorte salarial. Cando comezou a escalada dos prezos, a CIG dirixiuse ao BBVA para reclamar unha actualización dos salarios, xa que a situación do banco, con beneficios récords no primeiro trimestre, permitíao. Ao tempo, tamén nos diriximos as patronais bancarias para reclamar a apertura dunha negociación.

Tivemos a calada por resposta e a CIG comezou un proceso de mobilizacións ao longo de todo o ano 2022 que nos levaría a manifestarnos polas cidades galegas (A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo), concentrándonos en máis de 70 oficinas bancarias.

Mentres a CIG (que non asinou) se mobilizaba, o resto de sindicatos nada fixo, nin os asinantes dos recortes (CC.OOUGTFINEACB), nin outros sindicatos de ámbito estatal (como a CGT que tampouco se mobilizou).

Pero as nosas mobilizacións abriron o debate, e o malestar do cadro de persoal medrou. Malia todo, o resto, en vez de unirse ás mobilizacións, optaron por tratar de desmobilizar falando durante meses dunhas negociacións que non existían.

Finalmente, dun xeito moi descarado, en plena precampaña das eleccións sindicais de banca, a AEB decidiu saír ao rescate dos que sempre lle asinan os despedimentos, recortes, ou empeoramento dos horarios.

Se alguén non se pode permitir a caída electoral de CC.OO, UGT, FINE, e ACB son os Bancos. De aí a esmola que presentaron coma un gran logro, pero que enmascara un novo recorte.

Pactaron un mes antes das eleccións sindicais unha suba adicional do 3,25 %, cando a perda acumulada de poder adquisitivo é do 12,5 %. Sen que percibamos atrasos e sen actualización en táboas, consolidando a perda para o resto da vida laboral nos salarios e nas cotizacións a Seguridade Social.

En xaneiro deste ano, o BBVA anuncia o maior reparto de dividendos da historia… Non é que non se poida, é que non queren.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]





Balance Sindical 2019—2022 [.pdf • 5'94 MB]



Ningún comentario: