Quen traballamos nun banco sabemos ben que sobran os motivos para secundarmos a FOLGA XERAL deste mércores 11 de NOVEMBRO.
Ninguén mellor que nós coñece a situación laboral que padecemos: mentres os bancos acadan beneficios históricos e reparten suculentos dividendos, as traballadoras e os traballadores –artífices da xeración deses beneficios– seguimos perdendo poder adquisitivo (cada vez nos custa máis chegar a fin de mes). O acoso comercial implantado como forma de xestión, a sobrecarga de traballo convertida en rutina, os malos modos, os requirimentos constantes de cumprimento de obxectivos…
Os bancos continúan desvalorizando o noso traballo como estratexia, nunca dámos o suficiente, nunca cumprimos o suficiente… nunha política de humillación e maltrato cotián, para que sintamos/pensemos que «non valemos» para este traballo.
Mais agora chegou o momento de amosarlles que as traballadoras e os traballadores da banca tamén temos dignidade, que nos merecemos infinitamente máis do que recibimos e que somos moito máis que monicreques ao servizo dos que cobran cuantiosos bonus. Que non nos resignamos a continuar nesta situación e que imos loitar decididamente para cambiala.
O momento é agora. Pola dignidade das nosas condicións laborais. Pola dignidade das nosas vidas. Este mércores secundemos a Folga Xeral e participemos nas mobilizacións convocadas. De nós depende.



