16 de maio de 2025

OPA hostil BBVA-Banco SABADELL

Hoxe remata o prazo establecido polo Goberno español da consulta pública sobre a OPA.

Xuntanza BNG—CIG no Congreso dos Deputados
De esquerda a dereita: Sefi Romero, Néstor Rego, Miguel Lis e Xosé M. Fernández

A federación de Banca da CIG, mantivo onte, 15 de maio, unha xuntanza co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, na que participaron os secretarios das seccións sindicais da CIG nas dúas entidades, ademais da secretaria da federación, para trasladarlle a nosa firme posición contraria a esta operación e os nosos argumentos para rexeitala. O deputado comprometeuse a presentar unha iniciativa no Congreso para abordar o impacto desta operación, despois da reunión coa CIG.

Se se permite a OPA, suporá unha nova destrución de emprego no sector financeiro, que xa sufriu unha dura reconversión, sabendo que as fusións rematan sendo unha demolición das entidades absorbidas, destruíndose a curto prazo emprego equivalente ao persoal destas.

Neste sentido, a CIG—Banca levamos anos advertindo sobre que a lexislación penaliza as saídas brandas (prexubilacións), polo que, de autorizar calquera fusión, sería necesario que o Goberno habilitase procedementos extraordinarios para facilitar prexubilacións. Doutra forma os EREs poden ser duros, centrándose no despedimento de persoas de 40 a 50 anos que, con carácter xeral teñen cargas familiares e difícil recolocación no mercado laboral.

Considerando que o sector financeiro é estratéxico para a economía e que no Estado ten características de oligopolio, a aprobación de calquera fusión, incluída a OPA, profundaría nesa liña. Hai que subliñar que a suba de intereses do BCE non repercutiu na clientela (subiron os intereses dos préstamos, pero non a retribución ao aforro) e que a política de préstamos é a mesma, obrigando á contratación de produtos que a clientela non demanda, encarecendo o financiamento a empresas e particulares.

Ademais, as entidades comparten accionistas maioritarios, fondos de investimento de EE.UU, nun escenario de incerteza nas relacións entre a UE e EE.UU. Calquera fusión só beneficiaría a eses accionistas, sen que a CNMV, que só pide medidas temporais durante 3 anos, valorase como afecta á competencia que a gran banca española comparta accionistas maioritarios (, …). A maiores, a fusión permitiría ao BBVA desgravar inxustamente pagos dos impostos sobre futuros beneficios.

En Galiza, onde o sistema financeiro presenta un alto grao de concentración bancaria, coa OPA quedaría unha cota superior ao 90 % en 5 entidades. E preocúpanos especialmente que a fusión reduza a rede de oficinas no rural e barrios das grandes cidades, onde reside unha poboación moi envellecida que demanda atención presencial.

Finalmente, se o Goberno autoriza esta OPA hostil, a CIG estaremos manifestando o noso rexeite público na rúa, e loitaremos para manter os postos de traballo no noso país, coma xa temos feito en procesos anteriores.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!






Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Convenio Galego Xa!
Comunicado 250516 [.pdf · 171 kB]



Ningún comentario: