FOLGA O 26 DE MAIO
Ante a ameaza de 3.798 despedimentos no BBVA, respondemos con MOBILIZACIÓNS e
DEFENSA DOS POSTOS DE TRABALLO
Os sindicatos enriba asinantes, ademais de ter mostrado na Mesa a nosa rotunda OPOSICIÓN á ameaza dos despedimentos e impulsado as mobilizacións de todo o cadro de persoal, agora puxémonos de acordo para responder, de forma urxente para facer parar todos os despedimentos que a empresa pretende e queremos chamar ao conxunto do persoal a que respondamos coa mellor arma que temos: A FOLGA.
Cremos necesario mostrar o enfado colectivo existente e debemos dicirllo ao Banco, non podemos esperar máis, se non respondemos agora e plantamos cara a todos os despedimentos pode que sexa tarde, o risco de que se chegue a algún acordo aceptando, como mal menor, boa parte dos mesmos e/ou unha modificación substancial das condicións de traballo do persoal, como ten ocorrido noutras entidades financeiras, é cada vez máis certo e NON PODEMOS PERMITILO.
É un verdadeiro escándalo que mentres o BBVA continúa obtendo miles de millóns de beneficios, presumen diso na Xunta de accionistas e alardean de estar á cabeza en rendibilidade, aumento de clientela etc. e, ademais, a alta Dirección cobra soldos e pensións de escándalo, planeen DESPEDIMENTOS MASIVOS para o cadro de persoal, algo que non podemos admitir.
A FOLGA está xa convocada, tanto para Catalunya onde máis poden sufrir as consecuencias do ERE, para os ías 25 e 26 de maio, e tamén para Galiza e Euskal Herria para o día 26. Queremos facer coincidir todas e todos o día 26 para obrigarlle á empresa a que non despida a ninguén e se aveña a negociar saídas voluntarias, como se vén facendo ata agora mediante prexubilacións, se fose necesario ampliando os anos de posible acceso.
O impacto do ERE cébase especialmente na rede catalá, pero o ERE afecta a todas e todos, debemos estender o conflito, unha resposta masiva do cadro de persoal é o que pode obrigarlle a rectificar ao Banco e abandonar a vía do Despedimento Colectivo. Por iso temos decidido a convocatoria de folga o 26 de maio en Galiza e Euskal Herria, que xunto á dos días 25 e 26 en Catalunya sirva para dar a resposta que esta ameaza de despedimentos merece. Unha convocatoria aberta á que esperamos poder seguir sumando apoios nos próximos días.
Defendemos a unidade sectorial de todos os traballadores e traballadoras dos bancos, fronte á reconversión e para reclamar tamén ao Goberno Central que actúe. Empezando pola derrogación das reformas laborais que permiten ERE’s en empresas con beneficios multimillonarios, investigando a existencia dun posible cartel e garanta os dereitos da poboación aos servizos financeiros.
As pretensións do BBVA de impoñer un ERE salvaxe, despedimento de milleiros de compañeiras e compañeiros, lévanos a solicitar unha resposta contundente de TODO o persoal e a necesidade de conseguir o máximo apoio posible ás convocatorias.
LOITAR MERECE A PENA, DE NON FACELO XA PERDEMOS E MOITO PERSOAL SERÁ DESPEDIDO.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario