O vindeiro 13 de febreiro as traballadoras e os traballadores do BBVA temos a oportunidade de elixir as persoas que nos van a representar nos próximos catro anos, e pedimos o teu apoio nas urnas para seguir traballando na defensa dos dereitos de todos e todas nós. Velaquí a nosa folla de ruta:
- Estabilidade no emprego e condicións xustas de traballo:
- Loitamos contra o peche de oficinas e a amortización de postos de traballo, denunciando a destrución de postos estruturais. Defendemos unha formación de calidade, presencial e dentro da xornada.
- Igualdade:
- A conciliación e a promoción paritaria son cuestións irrenunciables. Reclamamos un Plan de Igualdade que recolla as demandas do persoal. 8 de Marzo e 25 de Novembro son datas senlleiras, pero a nosa loita é todo o ano. Somos un sindicato feminista.
- Xornada regulada:
- Loitamos contra as horas extras nas rúas e nos xulgados. A conciliación real pasa por rematar coas prolongacións de xornada e as reunións fóra de hora.
- Saúde e seguridade
- Demandamos a correcta avaliación e posterior erradicación dos riscos psicosociais. No CESS trasladamos a situación real e promovemos iniciativas concretas. Vixiamos o estado da seguridade nos centros de traballo, actuando con inmediatez ante situacións de risco.
- Contra a sobrecarga de traballos e as presións:
- Esiximos unha dotación axeitada de persoal e o fin das presións e da arbitrariedade dos procesos de avaliación; e loitamos contra os «semáforos» e «pool de baixo desempeño», tamén ante a xustiza.
- Somos a voz sindical próxima:
- Traballamos ao teu carón nas oficinas e vivimos a realidade do día a día. Trasladamos as reivindicacións do persoal á Xunta Xeral de Accionistas, e nos nosos comunicados. Somos un modelo sindical participativo e asembleario no que contamos todos e todas!
O noso único interes é o teu, e por iso esperamos conseguir unha posición forte de cara á próxima negociación do Convenio, do Plan de Igualdade e de todos os retos que están por vir.
- Porque facemos que a túa voz chegue á negociación do convenio.
- O 10 de xaneiro constituíse a mesa negociadora do Convenio Colectivo de Banca, na que a CIG ten representación. A presenza do sindicalismo galego, sabendo que o resto de sindicatos non contan con delegados/as de Galiza na mesa, é a mellor garantía para todos os traballadores e traballadoras galegas. Non delegaremos a negociación das nosas condicións laborais en terceiros, defenderémolas e achegaremos solucións aos problemas específicos que vivimos no sector en Galiza
- Porque nos mobilizamos contra a destrución dos postos de traballo.
- Defender os postos de traballo é a primeira responsabilidade de calquera sindicato e, para a CIG, se as empresas despiden, hai conflito. As sucesivas reformas laborais implantaron o despedimento libre e cada vez máis barato, o cal está sendo utilizado pola Banca no proceso de reconversión salvaxe do sistema financeiro impulsado dende Europa.
Estamos ante unha concentración bancaria sen precedentes, dúas entidades concentran o 60 % do mercado galego, o que ten graves consecuencias tamén no nivel do emprego. Cada día somos menos traballando e traballamos máis, máis horas (non pagadas) e temos máis carga de traballo. A produtividade dispárase a conta da nosa vida e da nosa saúde. - Porque denunciamos a fraude na xornada laboral que se fai na banca.
- Foi a CIG que presentou conflitos colectivos para esixir o rexistro de xornada na maior parte das entidades. Tamén foi a CIG quen presentou unha iniciativa lexislativa que prosperou no Congreso dos Deputados e Deputadas. E traballaremos para que o Proxecto de Lei do Rexistro de Xornada, xa aprobado, sexa posto en marcha polo Goberno.
- Porque demandamos a regulación da carga de traballo e a prohibición de obxectivos.
- A CIG reclama a regulación das cargas de traballo e o cumprimento da prohibición dos obxectivos prevista na MiFID. Fixémolo hai 4 anos no convenio e vímolo reclamando nas distintas empresas. Os teus problemas son os nosos.
- Porque loitamos contra a desigualdade de xénero no sector financeiro.
- As mulleres, maioría nas empresas, cobramos menos e temos un teito de cristal na nosa carreira profesional (discriminación indirecta). Traballaremos para modificar o actual Convenio, anticuado e rancio que consagra a desigualdade, ao non contemplar medidas reais e efectivas para igualar as condicións laborais entre mulleres e homes.
Hoxe, máis que nunca, é necesario o modelo sindical combativo, reivindicativo e democrático que representa a CIG. Agardamos o apoio de todas e todos vós, para conseguir unha ampla representación que nos permita mellorar as nosas condicións na próxima negociación do convenio (2019) e avanzar cara ao Convenio Galego!
Loitemos polos nosos dereitos. Vota CIG
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario