Hoxe a CIG presentou demanda de Conflito Colectivo contra o BBVA, na que reclamamos a implantación dun rexistro da xornada efectiva que realiza o persoal e, por conseguinte, rematar coa impunidade na fraude das horas extras que deberían ser comunicadas á representación sindical. Non temos nada que perder e moito por gañar, a propia Audiencia Nacional acaba de ditar sentenza (relativa a outra entidade financeira) deixando claro o dereito a que se rexistre a xornada efectiva e a comunicación das horas extras.
Un dos maiores problemas que padecemos, un escándalo maiúsculo, son as incontables horas extraordinarias non pagadas ou compensadas, non cotizadas, polas que non se tributa e que superan o límite máximo de 80 anuais que establece a lexislación. As horas que facemos, poñen en perigo empregos, tamén o teu.
Temos levado adiante numerosas iniciativas, pero a actual xurisprudencia ao respecto, favorable aos traballadores e ás traballadoras, permítennos albergar a esperanza de pór fin a esta fraude.
A lexislación establece que as horas extras son voluntarias, pero a falta de persoal e a sobrecarga de traballo, os obxectivos comerciais unilaterais inalcanzables e tamén as presións dos e das superiores fan que se realicen milleiros de horas de balde.
Agardamos que o BBVA se ateña dunha vez a implantar o rexistro da xornada efectiva realizada e a comunicar as horas extraordinarias, tal e como establece a lexislación. Polo pronto xa temos presentado no SIMA a nosa demanda.

➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario