Amosando publicacións coa etiqueta enquisa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta enquisa. Amosar todas as publicacións

23 de outubro de 2025

Un día para lembrar: Adeus BBVA-PSICO

Durante o día de onte, mércores 22 de outubro, tivo lugar unha sesión histórica do CESS (Comité Estatal de Seguridade e Saúde) do BBVA.

Despois de moitos, moitos anos, nos que reclamamos un sistema de avaliación de riscos psicosociais que considerásemos válido en canto a metodoloxía e resultados, o banco finalmente anunciou que, a partir de agora, o método que vai a empregar para este fin será o FPSICO. Un método validado polo INSST (Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo), considerado unha ferramenta neutral con recoñecido prestixio institucional. O banco indicou que van a facer unha enquisa a todo o cadro de persoal para evitar demoras indebidas. Previamente, teremos unha xuntanza monográfica relativa a metodoloxía. E non haberá que agardar moito.

Deixaremos atrás un sistema fabricado «ad hoc» para BBVA, no que durante a súa existencia, tivo a maior logro ter acreditado CERO resultados en riscos psicosociais no cadro de persoal.

8 de outubro de 2024

Gallup – 2024: O compromiso de facer a enquisa

Outro ano máis temos diante nosa a enquisa Gallup. Un cuestionario moi importante para a empresa porque valora a propia organización a través das respostas do seu persoal.

Enquisa Gallup

Confunde a empresa intencionadamente a definición de compromiso (que vos animamos a consultar no dicionario), e que nada ten que ver cun vínculo emocional, agás na acepción relativa a aceptación de matrimonio, e aínda isto último estaría suxeito a debate. Compromiso como tal, no uso común do termo, si que ten o cadro de persoal coa obriga contraída tanto coa empresa como coa súa clientela. En termos de deber e responsabilidade. Diso non nos falta.

27 de outubro de 2023

Proceso participativo: ti traballas, ti decides!

Elabora as propostas sindicais cara a negociación do Convenio

Quen traballa todos os días es ti, o que está en xogo é como traballas e como se retribúe o teu esforzo, para iso está a negociación colectiva. Por iso, dende a CIG cremos que as propostas sindicais que defendamos na Mesa Negociadora, temos que decidilas conxuntamente.

Poñemos en marcha un proceso participativo, aberto a todo o persoal a nivel galego e anónimo (non precisamos os teus datos). Queremos coñecer cales son os problemas que te preocupan, aos que o Convenio debería dar resposta.

O convenio anterior, como era previsíbel, engordou os beneficios empresariais e recortou inxustamente os nosos salarios. Por outra parte, normas beneficiosas do convenio, coma os horarios, non se aplican. As empresas impoñen sen oposición horarios que, dende unha óptica presencialista, ordenan as Direccións Comerciais.


Podes encher en liña a devandita ou ben, se a fas en papel, a podes entregar a calquera delegada ou delegado da CIG, ou remítila á Sección Sindical da CIG por correo electrónico ou postal.
Agradecemos moitísimo a túa participación e compromiso.


13 de setembro de 2023

Satisfacción e Compromiso do persoal na era da postverdade (Enquisa Gallup)

Cada ano, o BBVA marca varios fitos para o persoal, sendo un deles a ENQUISA que, en breve, teremos que realizar voluntariamente todas e todos nós.

A través dos resultados destas enquisas, BBVA converteuse desde O mellor lugar para traballar, a Un lugar de traballo excelente para, logo dun ERE moi traumático para o persoal, buscar o compromiso perdido non seus equipos.

As preguntas que nos farán nesta ocasión serán sobre a empresa na que traballamos. Pero, ben máis cedo que tarde, comezarán a soar nas nosas cabezas voces insistentes que nos dirán que a quen estamos a valorar é aos nosos/as responsables, e non é certo!

20 de xullo de 2020

Nova reunión de Convenio sen avances

Negociación XXIV Convenio Colectivo AEB

Na última reunión de convenio (a vixésimo cuarta), celebrada o pasado xoves 16 de xullo, despois de que a Patronal e as distintas representacións sindicais presentaran as súas plataformas de propostas, comentadas ao longo dos pasados meses de negociación, as organizacións sindicais de carácter estatal, CC.OO, UGT e FINE (ASINANTES DO ACORDO DE REXISTRO DE ) presentaron unha proposta conxunta da que invitaron a participar o resto de representacións. Analizaremos esta proposta e faremos a nosa valoración.

16 de abril de 2019

Convenio de Banca: TI traballas, TI decides!

Participa coa CIG na elaboración da platafroma para a negociación do convenio

Quen traballa todos os días es TI, o que está en xogo é como traballas e como se retribúe o teu esforzo, para iso está a negociación colectiva. Por iso dende a CIG cremos que as propostas sindicais, o que defendamos na Mesa Negociadora, temos que decidilas conxuntamente.

Para isto poñemos en marcha un proceso de participación, aberto a todo o persoal a nivel galego e anónimo (non precisamos os teus datos). Queremos coñecer cales son os problemas que te preocupan e que aspecto é máis importante para TI.

Non podemos esquecer que o sector está en plena reconversión que afecta ao emprego e as condicións laborais, pero tamén a como traballamos. Esa reconversión sectorial, á que hai que engadir a irrupción da intelixencia artificial, fai que sexa necesaria unha revisión profunda do Convenio na que falemos das PERSOAS.

Queremos que ti, que sofres a cotío as presións comerciais, a imposición de obxectivos desmedidos e inalcanzables, as faltas de respecto e as xornadas interminables, nos deas a túa colaboración para a elaboración da nossa plataforma.

Cubre a que te achegamos e entrégalle a calquera delegado/a da CIG ou envíaa por correo electrónico. E se hai algún aspecto ou cuestión non contemplado na mesma que consideres de interese, indícao cando a cubras.

Ligazón relacionada:
Formulario enquisa (en liña): http://ir.gl/enquisa

27 de novembro de 2018

Skills 2018: Reunión de pastores…

O proceso de avaliación das persoas está a piques de rematar. Agora mesmo estamos na fase de calibración da que, a empresa só explica que é unha fase de axustes. Explicación moi pobre, despois do enorme esforzo de comunicación que fixo a empresa sobre o novo modelo.

E si. É a fase na que, de xeito vertical, «se revisan as avaliacións e se corrixen desaxustes».

manipulación

Temos coñecemento de que existen ordes para modificar as avaliacións, de modo que o resultado quede englobado nunha media predeterminada. Así, se nunha zona, CBCetc… o resultado está por riba da media, haberá que coller a tesoira e cortar onde sexa preciso.
As medias son diferentes para as distintas áreas avaliadas: directivos (así, en masculino, pois son practicamente todos homes), banca de empresas, rede comercial…

25 de outubro de 2017

Enquisa de feedback do/a empregado/a

Recentemente sorprendémonos ao coñecer que o BBVA figura como a segunda mellor empresa para traballar (dentro dunha lista na que figuran outras coma Coca—Cola, envolta en ERE’s declarados ilegais pola xustiza, incumprimentos de sentenzas e conflitos laborais abertos).

Houbo quen botou as mans á cabeza pensando que se esta é a segunda mellor, por aí fóra practícase o escravismo. A explicación é máis sinxela. Ese premio é outorgado por «Merco», da que é accionista a empresa «Grupo Análisis e Investigación» que oferta servizos de consultaría ou «Mistery Shopping», entre outros, a bancos. Pagar para que te adulen, non parece moi normal, pero para gustos hai cores (que pillabáns estes da Dirección).

Feedback

3 de xullo de 2017

Comunicado xullo

Valoración estilos de liderado

Tendes no correo o que é unha das enquisas máis importantes do ano. Pregúntasenos polo estilo de dirección que ten o noso ou a nosa responsable. Hai quen refregaba as mans pensando que este ano non lle ía tocar pero… aquí está.
Neste proceso participarán as persoas con responsabilidade que teñan, como mínimo, tres colaboradores ou colaboradoras directas, debendo responder todos e todas. Coma sempre, a nosa recomendación é a participación honesta na enquisa para que a foto do que é o noso día a día sexa o máis fiel posible.


Última mobilización da CIG na Coruña contra o exceso de xornada

28 de outubro de 2016

Presións, pools, rankings, semáforos… Así non!!!


- Detrás das persoas hai números!!! - Pois que se aparten!!!
Os retos inalcanzables, os seguimentos, pool, o control exhaustivo e interminábel, os semáforos, os formularios de cadre de forza de venda onde se comparten os datos da unidade á vista de todos e todas.
Presión e máis presión para que a rede comercial «non perda o ritmo nin baixe a intensidade comercial».

E, se todo isto falla, 14 despedimentos improcedentes (cando non nulos de pleno dereito), para que a mensaxe sobre o cadro de persoal quede impreso de xeito indeleble.

A cultura do medo é un camiño que xa percorremos con nefastas consecuencias, para o conxunto do persoal e para a empresa, vía conta de resultados. O medo á perda do posto do traballo, a incerteza, o temor a non chegar ós obxectivos… están na maioría das ocasións detrás de como e a quen se lle fan propostas de inversión inconvenientes, de «colocar» produtos sen ter en conta se a clientela os demanda ou necesita.

Sexamos rigorosos/as e non perdamos a perspectiva. Os seus desorbitados e inmorais bonus non xustifican todo.


2 de outubro de 2015

Cuestionario de satisfacción 2015

Cada certo tempo, os medios de comunicación publican os resultados dos premios das mellores empresas para traballar. Uns premios con trampa, xa que o «xurado» non é outro que unha consultora que traballa para as empresas premiadas: «Great Place to Work». Na nosa opinión, formar parte da lista de GPTW debería ser motivo de escarnio público e para mostra, un botón.

En 2014, figuraban na lista dos mellores sitios para traballar empresas como ATENTO, no sector dos Centros de Chamadas, coñecida de sobra pola súa permanente conflitividade laboral, despedimentos colectivos e persecución sindical; ou Coca-Cola, envolta no Estado nun ERE declarado ilegal e acusada de asasinar sindicalistas en América Latina…

En 2015, entre as premiadas están ING, banco que ten ao persoal subcontratado a través do Convenio de Centros de Chamadas; as ETTs Adecco ou Ranstad, ou Vodafone, que anunciou un novo ERE.

Nestes días, recibimos un correo da empresa co fin de cumprimentar a Enquisa de satisfacción 2015 e temos de prazo para facelo até o 16 de outubro. Traballo que, curiosamente, contratou a «Great Place to Work».

A nosa recomendación é que a fagamos dende a verdade e o rigor. Non facelo é agochar a nosa opinión e permítelle a empresa enmascarar o descontento con resultados ficticios. Aquí van algunhas das nosas respostas:

16 de decembro de 2014

Clima laboral mellorable

A sondaxe sobre a satisfacción do cadro de persoal de BBVA vén de dar a razón á demanda que desde o sindicato levamos reiterado, por activa e por pasiva: é preciso acomodar o abusivo horario de traballo á necesidade vital de conciliar vida profesional, familiar e persoal. Ademais, entre os considerados focos de mellora, evidénciase tamén o descontento polo sistema retributivo variable que non compensa o esforzo realizado e carece de transparencia.
Iso, e moito máis aínda.

29 de setembro de 2014

O momento da verdade é chegado
(Enquisa de insatisfacción)

Nestes días imos ter a oportunidade de cumprimentar a «Enquisa de satisfacción de empregado 2014» que persegue, segundo a empresa, que o BBVA siga sendo «o mellor lugar para traballar», e dende a CIG querémosvos pedir que a fagades. Pero non como nos están a pedir dende algúns ámbitos, senón coa verdade, de cara, con rigor… é o único xeito de facela. Non permitades que as vosas respostas sexan mornas, ou que ao non cubrila deixedes esta oportunidade de que a realidade brille no resultado. É responsabilidade de todos e todas que os problemas, que os hai e os coñecemos de sobra, saian á luz sen trabas.

Enquisa de (in)satisfacción

2 de outubro de 2012

Satisfacción

Nun entorno laboral cada vez máis confuso, nun sector a piques de ser reestruturado, o persoal da banca está a soportar a meirande parte do peso da mala xestión da Alta Administración dos bancos. Compartimos gastos, pero non capacidade de decisión. Compartimos responsabilidade, pero nos tempos de vacas gordas por máis que se pediu, non se compartiron beneficios extraordinarios.

BBVA busca o control de gasto na fusión con Unnim, pero É o único criterio a ter en conta? É a mellor solución facer un ERE extintivo no banco catalán? Tense considerado dende un punto de vista empresarial a idoneidade do persoal que quede tras a fusión para sacar adiante as oficinas? Téñense considerado as condicións laborais familiares e persoais para afectar aos dereitos de uns ou outros traballadores e traballadoras?

Aínda no caso de que non vexamos afectados os nosos dereitos laborais de xeito inmediato pola aplicación dun ERE en BBVA, Quen di que non vai sobrar persoal de procedencia BBVA no entorno dunha posible adquisición de outras entidades ou de parte delas? Temos información sobre como actuar? Coñecemos os nosos dereitos? A nosa impresión é que non. Nembargante, o noso consello é único e válido para calquera entorno posible: INFORMACIÓN e ASESORAMENTO.

22 de outubro de 2007

A enquisa da araña

Xa rematou o proceso de VBA. A pesar das nosas recomendacións, e dos avisos que mandaron desde RR.HH, moitas persoas non celebraron a entrevista.
É máis, polo que puidemos observar, case ninguén leu a guía onde se define cada concepto que ten que ser xulgado na enquisa. O problema é que se cadaquén entende unha cousa distinta e puntúa baseándose nese plantexamento, a «araña» obtida pode non ser a que se quería reflectir… E non esquezades que coa VBA se están a perfilar as nosas capacidades, as nosas necesidades de formación e pode que co tempo a nosa posibilidade de desenvolvemento profesional.