En relación aos despedimentos disciplinarios comunicados por BBVA o pasado mércores a 14 compañeiras e compañeiros, e dada a GRAVIDADE DA SITUACIÓN, desde a Sección Sindical da CIG no BBVA queremos informar á afiliación de:
Trátase dunha acción coordinada e premeditada, sen precedentes no banco. As compañeiras e compañeiros afectadas e afectados pertencentes ás 7 DD.TT (2 despedimentos na Territorial Noroeste, ningún deles en Galiza) recibiron directamente, o mesmo día, carta de despedimento por «diminución continuada e voluntaria do rendimento do traballo», acusados de seren autores de faltas moi graves («deficiente actitude, baixo desempeño e baixo rendemento»).
Entréganselles directamente cartas de despedimento. Non hai apertura previa de expedente, polo que tampouco se dá audiencia aos sindicatos dos que son afiliadas e afiliados as compañeiras e compañeiros, para limitar aínda máis as súas posibilidades de defensa.
Desgraciadamente, na CIG coñecemos de primeira man precedentes no sector. En entidades como Santander ou Abanca, xa se veñen producindo despedimentos por baixa produtividade e, onde inicialmente comezou como un goteo, actualmente é un chorreo. Nada xustifica estos despedimentos inxustos.
As compañeiras e compañeiros que hoxe están na rúa, despedidas e despedidos mesquiñamente, son «cabezas de turco». O obxectivo da empresa é claro: atemorizar a toda a rede comercial.
O banco quere crear terror, amedrentar a toda a rede comercial, co fin de conseguir submisión total ante presións por cumprimento de obxectivos, que os desproporcionados obxectivos se cumpran sí ou sí, do modo que sexa, custe o que custe (roubo do noso tempo, saúde…).
A política do medo no traballo, dos que se lles enche a boca falando de ética.
A CIG non vai ficar calada, por moito que non houbera ningún despedimento por baixa produtividade na Galiza (polo momento).
Desde o mesmo día en que tivemos coñecemento dos despedimentos (xoves 9) puxémonos en contacto co resto da representación sindical demandando unha RESPOTA UNITARIA, CONTUNDENTE E RÁPIDA, é por iso que levamos días mantendo conversas. Desde a comunicación (comunicado a toda a plantilla) ás posíbeis actuacións (concentracións, paro…); todo conxunto.
Motivo polo que aínda non se enviou comunicado algún ao cadro de persoal por ningún sindicato. Ante un ataque deste calado hai que deixar as diferencias a un lado, non caben excusas.
Lamentábelmente, hoxe o sindicato maioritario a nivel estatal informounos ao resto de que eles enviaron hoxe un comunicado a toda a plantilla sobre o acontecido.
Aínda asi, desde a CIG seguiremos apostando firme e decididamente pola UNIDADE SINDICAL, co obxectivo de reforzar a resposta ante este gravísimo ataque sen precedentes da empresa. Máis se non hai unidade a nivel estatal ou galego, o que non agardamos nin desexamos, levaremos adiante as actuacións conxuntas que consideremos con quen se queira sumar, sen ningún tipo de exlusións, e en último caso, se fora necesario, en solitario como noutras tantas veces, pero desde logo a CIG non vai ficar sen dar unha resposta contundente ante esta situación.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario