Os recentes despedimentos simultáneos de catorce compañeiros e compañeiras en todo o Estado español (8 de xuño), supoñen un antes e un despois nas políticas laborais do BBVA. A gravidade dos feitos non deixa outra opción que interpretalos como unha agresión á totalidade do cadro de persoal e, máis concretamente, á rede comercial. Cada caso é diferente, pero en todos eles engádeselle, como coletilla final, a escusa, ruín e irreal, do «baixo desempeño».
Os feitos adquiren maior gravidade pola forma en que se realizaron os despedimentos (ao igual que os centenares de cartas de apercibimento), sen previo aviso, sen permitir a presenza de representantes sindicais no caso de estar afiliados/as (art. 55 ET e art. 10.3.3 LOLS), sen opción ao prego de descargos por parte da persoa afectada para poder defenderse das acusacións recibidas, etc.
Isto non enmascara o verdadeiro motivo deste ataque premeditado no que todos e todas saímos perdendo. Catorce persoas perden o seu posto de traballo e o resto do persoal, perdemos a confianza e o respecto ante unha empresa que actúa violentando a lexislación laboral, tratando de deixar ás persoas afectadas sen amparo sindical, nun acto sen precedentes polas formas e polo fondo, co que se pretende a total submisión do cadro de persoal mediante unha especie de «aviso a navegantes», por non chamalo simple e sinxelamente «ameaza».
Este é o Talento e a Cultura que quere impoñer a Dirección de Recursos Humanos? Unha planificación fría e cruel para xogar coas nosas condicións de vida nunha especie de «ruleta rusa» laboral? O 8 de xuño de 2016 marcará un punto de inflexión nas relacións laborais no BBVA se non reaccionamos. Este non é o respecto e a política laboral que merecemos as e os traballadores. A política do medo, o «terrorismo de empresa», nunca axudará a que sexamos mellores nin máis produtivos/as.
Unha resposta sindical unida e contundente é, nestes momentos, inescusable e obrigada. O persoal ao que representamos necesita saber que a defensa dos seus intereses, dos seus postos de traballo, está por riba das siglas e deixar as nosas diferenzas de lado. Esíxenolo claramente e é a nosa responsabilidade estar á altura.
Dende os grupos sindicais que subscribimos este comunicado, queremos brindar a man ao resto da Representación Sindical do BBVA, para afrontar unha resposta sindical unitaria para loitar pola readmisión destes compañeiros e compañeiras e para pechar o paso a políticas laborais que nos retrotraen a épocas feudais. A nosa unión é a nosa forza e aquí sumamos todos e todas. Sabémolo nós, sábeo o persoal e este é o momento de que o saiba a Dirección.
CIG · ELA · Intersindical-CSC · LAB ·
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario