
Outro ano máis temos diante nosa a enquisa Gallup. Un cuestionario moi importante para a empresa porque valora a propia organización a través das respostas do seu persoal.

Confunde a empresa intencionadamente a definición de compromiso (que vos animamos a consultar no dicionario), e que nada ten que ver cun vínculo emocional, agás na acepción relativa a aceptación de matrimonio, e aínda isto último estaría suxeito a debate. Compromiso como tal, no uso común do termo, si que ten o cadro de persoal coa obriga contraída tanto coa empresa como coa súa clientela. En termos de deber e responsabilidade. Diso non nos falta.
A enquisa Gallup valora a propia organización e debemos contestar honestamente ao que se nos pregunta para que BBVA sexa un mellor lugar para traballar. Non á interpretación interesada da empresa, seguida da ameaza permanente dos plans de acción se a cousa non sae como debe, ou das instrucións tipo «para non poñer un 5, mellor non facela» que xa trasladan desde setembro. Quen che pide un 5 para a enquisa, dácho con tanta facilidade nas túas avaliacións?
Na Rede será moi agradecida a nova pregunta sobre as «Conversas para poder atender mellor á clientela», cando o debate cotiá é o contrario (como me desfago de quen se lle ocorra acudir sen cita á sucursal?). Porque hai que chamar si ou si a unha clientela que non ten motivos para visitarnos e o máis importante da mañá xa non é a facturación, senón acadar citas do plan comercial porque así di o banco que vendemos máis e mellor. Pero o que non di é todo o negocio que se perde botando fóra á clientela ou derivado da escaseza de persoal.
Temos os medios para traballar adecuadamente? Tendo en conta que nós somos os medios humanos… a resposta volta ser negativa, porque as baixas longas son recorrentes e moi elevadas nas chamadas zonas críticas. A pesar dos malabarismos que fagan as compañeiras e compañeiros que danzan entre sucursais, asumindo funcións que nin lles corresponden nin se lles compensan, só por solidariedade entre o persoal. Pero a solución real nunca chega. E menos en modo OPA.
Que somos un equipo non o dubidamos porque o compañeirismo segue a existir, e o persoal é o mellor que ten o banco. Pero temos un modelo perverso que nos «rankiniza» meténdonos nunha especie de xogos da fame onde só conta o primeiro «tercil». Que non ten en conta as circunstancias das oficinas, as baixas prolongadas non cubertas ou cubertas con persoal sen formación nin experiencia en tempos de obxectivación indefinidamente crecente, que nin se corrixe nin se suspende. Porque nin se reforza a equipa de «Asociados» nin se forma unha equipa volante de persoal con experiencia.
Lembrámoslle á empresa o compromiso real que ten coa saúde das persoas traballadoras e pedimos unha reflexión seria sobre a infradotación das oficinas e o número de baixas na REDE.
Compañeiras, compañeiros, é o momento da verdade. Non nos deixemos manipular, contestemos á enquisa con honestidade e de acordo coa realidade.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
http://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
http://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario