

Neste momento no que o mundo laboral se transforma a pasos axigantados, os sindicatos que subscribimos este comunicado sabemos da intención do BBVA de seguir introducindo a intelixencia artificial en todos os seus procesos, tamén nos referentes á selección de persoal.
Non podemos obviar a realidade á que nos enfrontamos desde que se desmantelou o anterior organigrama e modelo de TyC: nas últimas contratacións, as linguas cooficiais, euskera, galego e catalán, quedaron relegadas a un segundo plano. Esta omisión non é só un erro administrativo, senón unha falta de respecto cara á nosa identidade e ás nosas comunidades. En Euskal Herria, Galiza e Catalunya, isto tivo consecuencias tanxibles: o coñecemento dos nosos idiomas converteuse nun requisito invisible.
A desconexión coa sociedade na que vivimos e operamos é palpable. En localidades onde as nosas linguas son o zume que nutre a comunicación cotián, afástanos da realidade. Pero esta perda de conexión vai máis alá do cultural; tamén repercute no noso negocio. Mentres BBVA se afasta, competidores como Kutxabank, Abanca, Caixabank, Banco Sabadell, Caja Laboral ou Caixa Rural cóidano ao detalle e están coméndonos cota de mercado. Realmente queremos seguir o camiño que o Banco Santander xa recorreu e perder a nosa relevancia nos nosos territorios?

As plataformas remotas comerciais e de atención á clientela, ben sexan atendidas aínda por persoas ou polos cada vez máis presentes chatbots, a miúdo tamén ignoran a necesidade dunha parte da clientela a ser atendida nun dos seus idiomas propios, o que non só é unha mostra de respecto e consideración, senón que tamén debe considerarse un dereito legal.
A política masiva de fusións e absorcións do BBVA, nas que finalmente (e en contraposición ao anunciado cada vez) parecería que só se priorizaron obxectivos de negocio, contribuíu a esta perda de contacto co territorio ao que si mostraban maior sensibilidade outras entidades. E moito nos tememos que esta físgoa (ou gap) continuará crecendo no caso de que a fusión co Banco de Sabadell remate por materializarse.
É hora de que a intelixencia artificial sirva para algo máis que para automatizar procesos e obter o máximo rendemento económico. Debe poder actuar coma unha ponte que achegue as persoas ás nosas oficinas, que facilite a integración de quen chegou aos nosos territorios desde outras partes do mundo e que respecte as preferencias lingüísticas das nosas comunidades. Este sería un paso cara un futuro onde a diversidade non só se tolere, senón que se celebre. Nesta liña tamén debería regularse a mobilidade xeográfica acorde aos intereses do persoal para contribuír de maneira efectiva á conciliación familiar e laboral.
Facemos un chamamento á dirección do BBVA: reconsideren o seu enfoque nos procesos de selección e no desenvolvemento das súas ferramentas de interface «intelixente» coa clientela. Valoren a riqueza que aporta a diversidade lingüística á nosa organización. É un paso vital para que o BBVA non sexa só un banco, senón un verdadeiro reflexo da sociedade na que nos encontramos. Non deixemos que as nosas voces se apaguen no eco de decisións que nos afectan profundamente. O futuro do BBVA debe ser inclusivo e, sobre todo, auténtico. Estamos aquí, unidos e unidas, para defender os intereses dos e das traballadoras do BBVA e os da nosa clientela.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
http://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
http://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario