18 de xuño de 2024

Posición CIG OPA BBVA

CIG BANCA - Seccións Sindicais da CIG BBVA—SabadellGallego

As seccións sindicais da CIG no BBVA e no reuníronse hoxe para analizar a situación creada despois do falido intento de fusión e o anuncio de OPA do BBVA sobre o Banco Sabadell.

En primeiro lugar, manteñen o seu rexeite a esta nova reestruturación do sector, polas implicacións que terá na destrución de milleiros de postos de traballo e novo peche de oficinas bancarias, que virá a aumentar, nun chanzo máis, as dificultades da clientela no acceso a servizos bancarios, con redución da competencia e máis atrancos ao creto, tanto para particulares como para empresas, etc.

En segundo lugar, porque xa nas dúas entidades está producíndose un aumento da presión sobre o persoal e sobre carga de traballo, por varias vías:

No BBVA incrementáronse os obxectivos para o 2º cuadrimestre do ano, precisamente nunha época na que comezan as vacacións do persoal. Se ata o de agora xa tiñan moitas dificultades para o cumprimento destes obxectivos, con esta suba de entre un 25 e un 90 % dependendo dos produtos a colocar, a pretensión da entidade de que o traballo de 4 meses se faga en 3, fai aínda máis inviable a súa consecución, para chegar a conseguir un cumprimento que retribúa ao persoal polo seu esforzo. Con esta medida a dirección do banco pretende gabarse (aínda máis) dos seus resultados para convencer á Xunta de Accionistas da súa boa xestión e de que a OPA contribuirá aínda máis a conseguir incrementar eses obscenos beneficios de dúas cifras que xa fixeron públicos este ano.

Tamén, de cara á Xunta extraordinaria de ampliación de capital do BBVA do vindeiro 5 de xullo, a dirección do banco trasladou ordes expresas de que o persoal tiña que contactar con todos os e as accionistas para que fagan delegación dos seus votos no Consello de Administración; neste momento, esta tarefa ten a máxima prioridade. A CIG acudirá a esa Xunta coa delegación de voto dos traballadores e traballadoras para manifestar a súa posición desfavorable á OPA sobre o Banco Sabadell.

No Banco Sabadell a situación é semellante. Hai unha desmesurada presión para a venta de produtos financeiros e consecución de obxectivos que se incrementou nos últimos meses de xeito exponencial. Un cadro de persoal que xa, coa reestruturación acometida no ano 2021, viu como empeoraron as súas condicións laborais, con oficinas saturadas, escasas contratacións (as persoas que entran raramente quedan), e cun alto grao de baixas de enfermidade….

A toda esta situación particular de cada entidade, engádese a paralización que se está a producir na mesa de negociación do convenio colectivo, demorada e sen avances reunión tras reunión, e que cremos obedece a escuros intereses en non establecer unha suba salarial que poida influír nas futuras negociacións dun ERE se a OPA sae adiante.

Denunciamos, unha vez máis, o nefasto modelo de sistema financeiro impulsado dende Bruxelas e Madrid, que provoca que o único beneficio desta fusión sexa para os fondos de investimento especulativos estranxeiros (maioritariamente dos EE.UU) que son os maiores accionistas da banca española en xeral e do BBVA e Sabadell en particular.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]





Comunicado 240618 [.pdf • 133 kB]



Ningún comentario: