As seccións sindicais da CIG no BBVA e no Banco Sabadell reuníronse hoxe para analizar a situación creada despois do falido intento de fusión e o anuncio de OPA do BBVA sobre o Banco Sabadell.
En primeiro lugar, manteñen o seu rexeite a esta nova reestruturación do sector, polas implicacións que terá na destrución de milleiros de postos de traballo e novo peche de oficinas bancarias, que virá a aumentar, nun chanzo máis, as dificultades da clientela no acceso a servizos bancarios, con redución da competencia e máis atrancos ao creto, tanto para particulares como para empresas, etc.
En segundo lugar, porque xa nas dúas entidades está producíndose un aumento da presión sobre o persoal e sobre carga de traballo, por varias vías:
No BBVA incrementáronse os obxectivos para o 2º cuadrimestre do ano, precisamente nunha época na que comezan as vacacións do persoal. Se ata o de agora xa tiñan moitas dificultades para o cumprimento destes obxectivos, con esta suba de entre un 25 e un 90 % dependendo dos produtos a colocar, a pretensión da entidade de que o traballo de 4 meses se faga en 3, fai aínda máis inviable a súa consecución, para chegar a conseguir un cumprimento que retribúa ao persoal polo seu esforzo. Con esta medida a dirección do banco pretende gabarse (aínda máis) dos seus resultados para convencer á Xunta de Accionistas da súa boa xestión e de que a OPA contribuirá aínda máis a conseguir incrementar eses obscenos beneficios de dúas cifras que xa fixeron públicos este ano.




