27 de xullo de 2021

Aquí non pasa nada… ou si?

Despedimentos no BBVA

Nestas últimas semanas pecháronse os prazos de adscrición ás baixas no ERE do BBVA. Non foi un proceso doado, nunca o é. E moito menos un proceso «voluntario».

O banco logrou que lles asinasen o primeiro ERE do Estado que non está motivado por unha fusión. Non había necesidade, se sobraba persoal ben se podía ter comprometido un proceso de prexubilacións voluntario, pero o banco tiña outros plans e houbo quen lle asinou un cheque en branco.

Agora, os asinantes «laméntanse» das consecuencias: despedimentos forzosos, traslados forzosos a centos de quilómetros dos seus domicilios, adscricións forzosas a postos de CSE e Task–Force con modificación das súas condicións de traballo… Están a producirse todas as casuísticas que empresa e asinantes afirmaban que non se producirían, a pesar de que as solicitudes de saídas foron moi superiores ás ofertadas pola empresa, o que, por si mesmo, é un claro indicativo do enorme malestar e a inquedanza do persoal polo seu futuro no caso de seguir traballando.

Mesmo houbo compañeiras e compañeiros que se viron forzados a aceptar un traslado ao recibir unha carta (un venres), á que debían dar resposta no prazo inapelable de 48 horas baixo ameaza de que, se non contestabas, entendían que estabas conforme co traslado.

En Galiza, os postos afectados con extinción de contratos foron principalmente as persoas que estaban no servizo de atención de caixa (actualmente cuberto por ETT’s), xestores/as de atención á clientela (con asignación forzosa a CSE e Task–Force) e directores/as de oficinas (chama poderosamente a atención que directores con menos de 50 anos pedisen a saída voluntaria para quedar no desemprego).

O persoal que queda está sendo sometido a unha brutal carga de traballo ao ter que atender á clientela que provén doutras oficinas que pechan e tamén porque estamos en período de vacacións e cunha absoluta carencia para cubrir esas ausencias. Todo isto leva a un aumento das baixas por estrés e ansiedade, que á súa vez, tampouco se substitúen.

E nesta situación, as persoas que resisten traballando, aínda teñen que aturar que Onur Genç emita comunicados falando de «proxecto ilusionante» e dicindo que «non teño palabras para agradecer ao persoal afectado pola reestruturación todo o que aportou ao banco e a enorme contribución para construír o BBVA que é hoxe en día e axudar a crear as bases do que será no futuro». Velaí o agradecemento da entidade para ese persoal que a construíu, que soportou o descrédito pola mala xestión do Consello de Administración, unha pandemia e milleiros de horas de dedicación. Palmada nas costas e adeus moi boas!

Este é o resultado da política inhumana e cruel do BBVA. Sen esquecer a inestimábel colaboración dos que teñen o bolígrafo listo para asinar destrución de emprego. E por suposto, a inacción do Goberno que o permite!

A Sección Sindical da CIG non deixará de denunciar as tremendas consecuencias dun acordo que tiña por bandeira a «voluntariedade» para todo. De novo, non nos equivocamos. Seguiremos na rúa loitando por cada posto de traballo.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]





Comunicado 210727 [.pdf • 143 kB]



Ningún comentario: