3 de xullo de 2017

Comunicado xullo

Valoración estilos de liderado

Tendes no correo o que é unha das enquisas máis importantes do ano. Pregúntasenos polo estilo de dirección que ten o noso ou a nosa responsable. Hai quen refregaba as mans pensando que este ano non lle ía tocar pero… aquí está.
Neste proceso participarán as persoas con responsabilidade que teñan, como mínimo, tres colaboradores ou colaboradoras directas, debendo responder todos e todas. Coma sempre, a nosa recomendación é a participación honesta na enquisa para que a foto do que é o noso día a día sexa o máis fiel posible.


Última mobilización da CIG na Coruña contra o exceso de xornada

O verán ven coma sempre… ou peor

Dende hai xa moito tempo, observamos como se pon a énfase na necesidade dun descanso adecuado polo propio persoal, sacralizando as xornadas de vacacións. O que reflicte isto, é o estado de esgotamento do cadro de persoal que, no caso das oficinas, no mellor dos casos (é dicir, aquelas tempadas nas que non hai baixas e ninguén está de vacacións) xa están por debaixo dos mínimos.

  • Non hai cobertura das baixas (xa non falemos das vacacións!), e a esixencia para o resto é a mesma que se estivese a oficina ao completo. Non hai presuposto, din, pero a obxectivación non se corrixe.
  • En Galiza, o 10% do censo está composto por eventuais e temporais, e xa non é raro atopar persoal eventual nun posto de xestión.

Non falamos xa das funcións de caixa, nas que persoa que se xubila, posto fixo que o banco elimina. Porque a empresa segue coa teima de ver a función de caixa coma un lastre, pero só hai que ver o resultado das oficinas que deixaron de ofrecer este servizo nunha experiencia piloto: a oficina afundida e posteriormente pechada. O público trae negocio? SI.

Esta estratexia tamén ten efectos colaterais na saúde do persoal porque, de facto, bloquea a saída de quen xa non é capaz de aturar o brutal ritmo comercial que se nos esixe actualmente.

Por desgraza, a empresa parece que prefire ter postos cubertos de xeito precario inda por anos, no canto de darlle unha saída minimamente digna a moitas persoas que xa non están (moitas con doenzas derivadas da presión exacerbada) para ocupar segundo que tipo de postos comerciais. E nun escenario falto de opcións de prexubilación, as expectativas son sombrías.


O maltrato ao cadro de persoal coma «modus operandi»

Falando con compañeiros e compañeiras de recente incorporación á empresa e, cos seus ollos novos, salientan dous puntos transcendentais: o alongamento ilegal da xornada ordinaria coma algo habitual e, por outra banda, o mal que se trata en xeral ao persoal. E para exemplo, un dedal. Hai un tempo, comunicouse a venda de BBVA AutoRenting. E non é unha venda calquera, porque co negocio venderon o persoal, 70 persoas coas que ninguén falou nin lles deu razón de cal vai ser o seu futuro laboral. Non semella o mellor xeito de fomentar a imaxe da marca BBVA.

Respecto aos alongamentos de xornada nin cotizados nin pagados, a Inspección de Traballo, coas actuais sentenzas en vigor, segue a sancionar unha e outra vez subliñando a masiva fraude nas cotizacións á TXSS. A CIG xa deu os pasos para comezar o camiño de mudar a presente lexislación. A loita continúa.


Xubilarme eu? Pois depende

Tendo en conta o retraso da idade legal de xubilación, agora mesmo e coa lei na man, pódese dar o caso de que non queiramos marchar aos 65 anos, pois non temos porqué e a opción de alongar á vida laboral supón atractivas vantaxes económicas compatíbeis coa cobranza da pensión máxima. Se tes interese en coñecer en detalle as túas opcións, contacta co teu delegado ou delegada da CIG e informarémoste.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 170703 [.pdf • 618 kB]


Ningún comentario: