16 de decembro de 2014

Clima laboral mellorable

A sondaxe sobre a satisfacción do cadro de persoal de BBVA vén de dar a razón á demanda que desde o sindicato levamos reiterado, por activa e por pasiva: é preciso acomodar o abusivo horario de traballo á necesidade vital de conciliar vida profesional, familiar e persoal. Ademais, entre os considerados focos de mellora, evidénciase tamén o descontento polo sistema retributivo variable que non compensa o esforzo realizado e carece de transparencia.
Iso, e moito máis aínda.

apunta
A enquisa dista moito de constituír un método fiel para coñecer a dimensión real das demandas de mellora no ámbito laboral.
enquisa 2014

Aínda así, é significativa do estado de ánimo que expresan o conxunto de compañeiras e compañeiros, especialmente nas chamadas preguntas abertas.
A presión sobre o logro dos obxectivos fixados na comercialización de produtos e captación de novo negocio, os aspectos relacionados coa promoción de carreira profesional e traslados, a tardanza na resposta aos problemas, propostas e consultas efectuadas a outras unidades ou departamentos, xunto cos diferentes modos de dirección soportados, constitúen o abano de queixas. Porén, destacan especialmente as referidas á prolongación irregular da xornada e as relativas ao sistema retributivo, pouco transparente e manifestamente inxusto e arbitrario. Cuestións fundamentais na acción sindical, para CIG BBVA.

Esa é a realidade do clima laboral, por moito que a consultora presente indicadores, emocionais e racionais, feitos á medida do interese en mostrar a finxida paixón polas persoas que declara BBVA, como modelo de xestión corporativa.
É de lóxica elemental saber que «queremos traballar aquí por moito tempo» ou que existe un grande compañeirismo entre a xente do cadro de persoal. Mesmo que «fago esforzos adicionais para superar os meus obxectivos». Nada novo.


Prexubilacións, cuestión invisible na enquisa

O banco vén desenvolvendo unha extensa política de prexubilacións, sumada á calada práctica de baixas incentivadas e segregación da actividade coa xestión externa de servizos propios, co obxectivo non declarado de minguar o cadro de persoal á procura de inflar a ratio de eficiencia que multiplique o valor da acción. Actuación consentida pola autoridade bancaria e fiscal que se executa de forma arbitraria e unilateral, fuxindo do necesario acordo social que regule este proceder con transparencia, obxectividade e igualdade de oportunidades. Cos sindicatos acomodados mirando para outro lado, non é de estrañar que sexa tema tabú. CIG BBVA reclama unha negociación para regular este proceso voluntario.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 141216 [.pdf • 539 kB]


Ningún comentario: