Camiñamos cara ao 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, coa necesidade de tomar as rúas para esixir un cambio real e profundo nas políticas executadas coa escusa da crise, porque segue a medrar a precariedade e a pobreza laboral e continúa a perda de poder adquisitivo da clase traballadora galega.
As novas formas de explotación laboral introducidas coas reformas laborais están a fomentar un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e un incremento das discriminacións de xénero, ao que se lle suma o desmantelamento da nosa industria, os ERE, os peches e a deslocalización de empresas.
O Goberno español do PSOE demostrou que non tivo intención real de cambiar as políticas impostas polo PP, mantén basicamente o modelo económico e de relacións laborais nacido das reformas laborais aprobadas no 2010 e no 2013, e que ten significado un verdadeiro «golpe de Estado» aos dereitos laborais, sociais, da negociación colectiva, das liberdades públicas e do sistema público de pensións.