Como en anos anteriores, a CIG acudirá a Xunta Xeral de accionistas do BBVA, en representación tanto da sección sindical como das compañeiras e compañeiros que nos delegaron o seu voto.
O venres 13 de marzo, trasladarésmoslle ao Consello de Administración e resto do accionariado da Entidade, a nosa visión a respecto da problemática laboral que sufrimos a cotío nos nosos postos de traballo, ademais da visión sobre a situación da Entidade derivada do proceso xudicial aberto.10 de marzo de 2020
2 de marzo de 2020
Dez meses… «negociando»
Negociación XXIV Convenio Colectivo AEB
A actual mesa de negociación do Convenio Colectivo de Banca constituíuse formalmente o pasado 2 de abril de 2019. Como sabedes, o Convenio está vencido dende o 31 de decembro de 2018, e a súa ultraactividade foi prorrogada, por acordo da mesa, até o 30 de xuño de 2020.
A negociación do rexistro de xornada e o tempo investido para chegar a un acordo nesa materia, produciu unha gran demora até que se comezaron a abordar os temas propios de convenio, o que foi no mes de outubro.
Dende aquela data e até hoxe, cada parte deu a coñecer á outra as súas propostas, sen que exista ningún avance concreto. Cando menos, dende a parte social se están formulando propostas concretas sobre materias que preocupan, e moito, a persoal do sector, pois inciden negativamente nas súas condicións de vida e de traballo.
25 de febreiro de 2020
A Inspección de Traballo require ao BBVA polas denuncias da CIG sobre o Pool de baixo desempeño
Desde o ano 2018, esta Sección Sindical veu formulando denuncias contra o BBVA perante as Inspeccións de Traballo das catro provincias galegas, polo coñecido como Pool de Baixo Desempeño e a colección de desmáns, abusos e illegalidades cometidos contra o persoal que o Banco ía metendo nesta listaxe negra (ver comunicado de data 2-11-18)
Mantivemos distintas reunións, tanto na IT da Coruña como na de Madrid a onde finalmente o asunto foi trasladado por entenderse de ámbito estatal. En Madrid, o 12-11-19, tivemos a oportunidade de explicarlle ao inspector que é o POOL, e como o Banco o usa como ferramenta de terrorismo psicolóxico co persoal. Co que xa está dentro e co que está fóra por medo a entrar. Tivemos a inestimábel axuda de compañeiras e compañeiros da Rede de Oficinas de Galiza que, dentro das nosas visitas, nos contaron os seus casos e entregaron diversa documentación, na que podía comprobarse que o abuso e a arbitrariedade eran notorias. Incluso unha compañeira prestouse a facer un escrito describindo os 4 anos que levaba no Pool para entregalo en Madrid, e así o fixemos.
Queremos salientar expresamente a colaboración destas compañeiras e compañeiros. Esta vitoria é sobre todo vosa. Xente valente, de cara e sen medo a poñer freo a esta inxustiza.
Porque hai escasos días o Organismo Estatal da Inspección de Traballo veu de contestar a estas denuncias da CIG e deunos a razón, obrigando ao BBVA a que no prazo de 3 meses avalie as condicións de carácter psicosocial das traballadoras e traballadores adscritos ao Pool de Baixo Desempeño ou en Seguimento (data saída do oficio 05-02-20). Estaremos vixiantes do cumprimento polo Banco deste requirimento.
14 de febreiro de 2020
As cartas sobre a mesa… ningunha sorpresa
Negociación XXIV Convenio Colectivo AEB
Tal e como anticipara a Patronal ao inicio do proceso, cando presentou os seus obxectivos para a negociación deste convenio, na pasada reunión do 11 de febreiro, expuxo de xeito claro e concreto as súas pretensións:
- Supresión da antigüidade, condicionando unha posible suba salarial á eliminación definitiva de todas as referencias a este concepto no convenio. Iso si, respectando os dereitos adquiridos hasta o momento polo persoal en activo… GRAZAS!!
3 de febreiro de 2020
Avaliacións 2019: aumentan a arbitrariedade e inxustizas
Máis outro ano, volvemos denunciar a subxectividade e arbitrariedade do Proceso de Avaliación do Desempeño que, lonxe de desaparecer, aumentan.
Se subxectivo e arbitrario é que o/a responsábel responda dentro da súa percepción ás preguntas de «Cumprimento de obxectivos» e «Como vive os valores do Grupo» das persoas avaliadas, totalmente perverso é o que está a acontecer: DCBC's… indican a directores/as de oficina e directores/as comerciais a puntuación que teñen que poñer ao persoal avaliado segundo a cualificación feita previamente polos/as DCBC's («best performer», «good performer» ou «bottom performer»), PERSOAS coas que nin sequera teñen un contacto directo. Unha farsa e falta de respecto absoluta que lles pode carrexar graves consecuencias.