2 de novembro de 2018

Denunciamos ante Inspección o Pool de baixo desempeño

Ante a continuidade na opacidade e o perverso emprego desta «ferramenta estratéxica» de xestión de RR.HH, temos presentado á Dirección da empresa varias solicitudes para que se dea por rematado o devandito «Plan de Mellora». Dado que non tivemos contestación, interpuxemos denuncias ante a Inspección de Traballo das distintas provincias.

A Representación Legal dos Traballadores e Traballadoras nunca foi informada, e a constatación da inclusión no «Pool» de persoal con doenzas graves, persoas que cumpren os obxectivos, mulleres con redución de xornada, persoal que concatena a súa inclusión por varios anos (ate catro seguidos) orixinándolles baixas psicolóxicas…, levounos a solicitar o amparo á Autoridade Laboral.

Demandamos tamén a eliminación dos «Semáforos», por ser un elemento de elevado estrés para o cadro de persoal. Requirimos que o BBVA inclúa nas avaliacións de riscos laborais a medición dos ritmos de traballo/carga de traballo en todos os postos, sen que se poida incrementar a carga de traballo en tanto non se realice esta avaliación, así como a realización de medicións de tempos coa participación sindical, para garantir que a carga de traballo de cada posto poda ser realizada dentro da xornada laboral e dos horarios pactados.

E lembrámoslle á Dirección que as convocatorias de reunións, comités, obradoiros e formacións, teñen que ser dentro da xornada laboral.


Peche de sucursal por risco estrutural grave

Recentemente, a empresa viuse obrigada, ante a actuación deste sindicato, ao peche dunha sucursal da cidade herculina.

Tras o coñecemento dun problema estrutural grave no inmoble no que está localizado unha das nosas sucursais, informamos a RR.LL e Prevención de Riscos, solicitando o traslado das compañeiras que estaban alí traballando. E así se fixo. A empresa xa tiña encargado un informe para avaliar a situación dunha consultora externa. Ate aquí todo correcto.

Pero a decisión de volver abrir a oficina, despois de ter apuntalado o despacho de dirección e parte da zona de arquivos, con ordes verbais de non acceder ao mesmo, pero con obrigado paso pola zona traseira da oficina (caixa forte, aseos, cuarto da limpeza, arquivo), levounos a solicitar novamente o traslado das compañeiras, por entender que a zona non era segura para traballar. Reclamamos á empresa o preceptivo informe asinado por un técnico superior e visado en base á normativa que certificara a seguridade do centro de traballo.

Dado que non se nos trasladaba información algunha, denunciamos ante a Inspección de Traballo, quen, dada a gravidade, xira visita inmediatamente co acompañamento dun Técnico do ISSGA. Tras requirir o Informe da Consultora, que agora si apareceu, Inspección abre Dilixencia contra BBVA obrigando a pechar e balizar a zona afectada e confirmando os nosos temores.

E ao día seguinte, a pesar de todo o anterior, a oficina volve a abrir. Iso si, sen ter acceso á caixa forte, aseos ou ao cuarto de limpeza para coller auga, nin por suposto ao despacho de dirección. E, de novo, solicitamos amparo da Inspección.

O resultado: as compañeiras son novamente trasladadas e a oficina pechada indefinidamente por un período de entre un a dous meses máis o que tarde a licenza do Concello para facer uns traballos de seguridade nun local en aluguer, que leva anos dando problemas de humidades, roedores/hellip;

A Inspección de Traballo esixe ao BBVA, Informe Técnico asinado e visado conforme a Normativa Española de Seguridade Estrutural para poder reabrir a sucursal.

Por que o BBVA non entrega ese Informe que lle require a Inspección? Supoñemos que o motivo é que nin existiu nin existirá até o remate das obras. A gravidade deste asunto pon de manifesto o desamparo do persoal, nunha organización que se permite poñer en risco a súa integridade física para que a máquina de facturar non pare. E o resto de sindicatos, coñecedores da situación polo noso informe ao provincial, caladiños (só un deles se presentou na reunión coa Inspección).

Agora mesmo, as compañeiras están traballando en mesas prestadas, atendendo as queixas da clientela polo peche da oficina e sen que teñan coñecemento do que virá no seu futuro próximo. A improvisación que non cesa!





➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 181102 [.pdf • 390 kB]


Ningún comentario: