Negociación XXIV Convenio Colectivo AEB
A actual mesa de negociación do Convenio Colectivo de Banca constituíuse formalmente o pasado 2 de abril de 2019. Como sabedes, o Convenio está vencido dende o 31 de decembro de 2018, e a súa ultraactividade foi prorrogada, por acordo da mesa, até o 30 de xuño de 2020.
A negociación do rexistro de xornada e o tempo investido para chegar a un acordo nesa materia, produciu unha gran demora até que se comezaron a abordar os temas propios de convenio, o que foi no mes de outubro.
Dende aquela data e até hoxe, cada parte deu a coñecer á outra as súas propostas, sen que exista ningún avance concreto. Cando menos, dende a parte social se están formulando propostas concretas sobre materias que preocupan, e moito, a persoal do sector, pois inciden negativamente nas súas condicións de vida e de traballo.
Pero a patronal, escudándose nas modificacións lexislativas que aparentemente se aveciñan en materia laboral: anuncio do Goberno do Estado da elaboración dun novo Estatuto dos Traballadores (ou tímidos cambios no existente), transposición de directivas europeas en materia de conciliación, ditames xudiciais, etc., non quere abordar ningunha das propostas, alegando que descoñecemos o punto de partida en tanto non se concreten esas modificacións. E ese é o conto de nunca acabar.
Porque o que non lles interesa abordar son os puntos nos que se propoñen melloras para o persoal (porque non saben o punto de partida din); pero si teñen moi claro as cousas que queren suprimir ou recortar. Para esas non teñen problema en tomar medidas concretas, independentemente de que algún cambio posterior veña a recoñecelas por Lei.
Non hai vontade por parte da AEB en negociar. Dixémolo no anterior comunicado e repetímolo neste. Non hai ningunha novidade no xeito de negociar, e por se non o teñen claro, podemos repasar a lección, pero que non nos veñan con contos. Sabemos que a súa pretensión é baleirar de contido a norma xeral para ir cara a negociacións empresa por empresa e/ou individuais.
Dende a CIG facemos un chamamento a todas as traballadoras e traballadores da Banca para unir as nosas forzas e reivindicar un convenio xusto que responda as necesidades actuais, que garanta a igualdade efectiva entre mulleres e homes, e que poña en valor as persoas, que son as que co seu traballo diario fan que as empresas continúen ano tras ano acadando e repartíndose beneficios millonarios.
Dende a CIG seguiremos loitando, na mesa e, se é preciso na rúa, por mellorar o convenio actual. Para actualizar non podemos retroceder en dereitos, actualizar avanzando en dereitos SI!!!
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario