
Máis outro ano, volvemos denunciar a subxectividade e arbitrariedade do Proceso de Avaliación do Desempeño que, lonxe de desaparecer, aumentan.
Se subxectivo e arbitrario é que o/a responsábel responda dentro da súa percepción ás preguntas de «Cumprimento de obxectivos» e «Como vive os valores do Grupo» das persoas avaliadas, totalmente perverso é o que está a acontecer: DCBC's… indican a directores/as de oficina e directores/as comerciais a puntuación que teñen que poñer ao persoal avaliado segundo a cualificación feita previamente polos/as DCBC's («best performer», «good performer» ou «bottom performer»), PERSOAS coas que nin sequera teñen un contacto directo. Unha farsa e falta de respecto absoluta que lles pode carrexar graves consecuencias.
Estas clasificacións e listaxes, ordenadas pola alta dirección do banco (Modelo de incentivación corporativo), teñen como único obxectivo poñer no punto de mira aos denominados «Bottoms» (máis seguimentos e presión, incorporacións futuras en pools de baixo desempeño,…), o de menos é non cobrar o bono.
Este é o xeito real de xestión das PERSOAS pola dirección do BBVA: converter a subxectividade e a arbitrariedade en máis presión e medo (canto peor, mellor). Ante esta forma de actuar, á CIG sempre nos terán en fronte, outros miran de lado. Mentres, membros da alta dirección do Banco (anteriores e actuais) están imputados por feitos con graves repercusións para a entidade. Mais nada cambiou na entidade, a vella forma de actuar de sempre.
É importante lembrar que A AVALIACIÓN É O NOSO EXPEDIENTE LABORAL , polo que:
- A entrevista explicativa da avaliación é obrigatoria.
- Non aceptes unha avaliación que non se corresponde coa realidade, en ningún caso. Se non estás de acordo coa túa avaliación, indícao por escrito dende o primeiro momento, solicitando a súa modificación.
- Contacta con nós. Ante calquera discrepancia, reclamación… da avaliación, conta e contacta con nós, para iso estamos.
Demandas da CIG contra o BBVA
Ante a falta absoluta de actitude negociadora por parte de T&C, temos interposto recentemente demandas de conflito colectivo reclamando:
- Nivel 6 para Director/a Comercial Contigo dende o primeiro día de desempeño de funcións. Ademais de ser unha gran inxustiza comparativa, consideramos que non se axusta a legalidade que os/as directores/as comerciais de Contigo teñan que agardar seis meses na función para ter o Nivel Técnico 6 (o/a director/a de oficina percibe as retribucións dese nivel desde o primeiro día de desempeño de funcións). O máis lamentable é que así se estableceu no nefasto Acordo de Contigo que CC.OO–UGT–ACB lle asinaron ao Banco.
- Horarios reducidos dos días 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro. Ao non estar contemplado no Acordo de Rexistro de Xornada (asinado por CC.OO–UGT–ACB) o adiantamento na hora de saída deses días vésperas de feriados de Nadal, que se veu facendo historicamente igual que no resto de entidades, T&C non o autorizou o pasado Nadal. Consideramos que isto é un dereito adquirido para todos e todas nós, polo que pelexaremos nos xulgados para que en vindeiros anos poidamos seguir desfrutando del.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario