27 de xaneiro de 2020

Á patronal non lle interesa negociar

Negociación XXIV Convenio Colectivo AEB


O pasado 22 de xaneiro tivo lugar a 18ª reunión da do Convenio, vencido dende decembro de 2018. O propósito era tratar as materias dos catro primeiros capítulos, mais finalmente a reunión concretouse nunha vaga exposición de ideas centrais sen afondar nas cuestións nin entrar a debater a súa concreción. Unha vez máis a patronal segue a enredar na mesa, esgotando convocatorias, agardando á proximidade do remate da prorroga da ultractividade o 30 de xuño de 2020, para tentar acadar pola porta de atrás un á súa medida. Así pois reafirmámonos na frase do título, porque unha vez asinado un acordo de rexistro de xornada, que claramente responde aos seus intereses, semella que non teñen intención de perder o seu tempo en contrastar, debater e negociar propostas.


Así e todo, nós expuxemos as nosas propostas, que van encamiñadas á supresión de aspectos que, tal e como advertimos no seu día, son claramente lesivos para as persoas traballadoras, ao tempo que propoñemos a inclusión de cláusulas que garantan a calidade no emprego:

  • Supresión do artigo 5 do Convenio: Cláusula xeral de Compensación e Absorción.
  • Supresión do nivel de acceso á profesión recollido no artigo 11 que, en contra dos argumentos da patronal, non contribuíu a crear emprego no sector, se non a precarizalo aínda máis, e ten carácter discriminatorio porque crea traballadoras de primeira e de segunda nos bancos.
  • Eliminación da utilización de ETT's e o seu uso indiscriminado en postos estruturais; creación dunha bolsa de contratación para as persoas que nos últimos anos foron contratadas por medio desta modalidade, para a súa incorporación ao cadro de persoal.
  • Ampliar a aplicación do Convenio ás persoas que, interna ou externamente, están a desenvolver traballos bancarios de xeito presencial ou a distancia para os bancos. Como medida para atallar a exteriorización masiva e abusiva de traballos bancarios que o sector fixo na última década.
  • Prórroga automática do Convenio ao seu vencemento, recuperando a súa ultractividade . Aspecto suprimido na maioría dos convenios estatais, pero que a nivel galego nos sectores e empresas onde a CIG é maioritaria, segue a manterse.
  • Establecemento dunha clasificación de oficinas e postos de traballo uniforme para o sector, acorde coa nova regulación en materia de requisitos de formación.

A resposta da patronal foi a agardada: non teñen sentido estas supresións e modificacións porque son aspectos que están a ser moi útiles para as empresas.

A próxima reunión será o 11 de febreiro e nela tratarase o relativo ás retribucións.

Como xa dixemos nun comunicado anterior, non imos quedar de brazos cruzados ante esta nova farsa. A patronal ten o papel principal, e hai algúns interpretando papeis secundarios que seguen o guión preestablecido sen saltarse unha coma.

Pero o verdadeiro protagonismo está en vós, traballadoras e traballadores honestos que non vedes recompensado o voso esforzo cotián, e do que as cúpulas sacan rédito para repartilo en forma de dividendos nas súas xuntas xerais.

Pois ben, vai sendo hora de saír a escena e reclamar os nosos/vosos dereitos. Nós non imos seguir o guión.





➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Convenio Galego Xa!
Comunicado 200127 [.pdf • 112 kB]


Ningún comentario: