Amosando publicacións coa etiqueta demanda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta demanda. Amosar todas as publicacións

3 de febreiro de 2020

Avaliacións 2019: aumentan a arbitrariedade e inxustizas 

Máis outro ano, volvemos denunciar a subxectividade e arbitrariedade do Proceso de Avaliación do Desempeño que, lonxe de desaparecer, aumentan.

Se subxectivo e arbitrario é que o/a responsábel responda dentro da súa percepción ás preguntas de «Cumprimento de obxectivos» e «Como vive os valores do Grupo» das persoas avaliadas, totalmente perverso é o que está a acontecer: DCBC's… indican a directores/as de oficina e directores/as comerciais a puntuación que teñen que poñer ao persoal avaliado segundo a cualificación feita previamente polos/as DCBC's («best performer», «good performer» ou «bottom performer»), PERSOAS coas que nin sequera teñen un contacto directo. Unha farsa e falta de respecto absoluta que lles pode carrexar graves consecuencias.

15 de xaneiro de 2018

Sen trienios durante 18 meses e o seguinte no aire

O artigo 22 do Convenio Colectivo establece o pago de trienios no Grupo de Técnicos, fixando unha cantidade anual, a última que fixaron foi a de 2016.

No XXIII Convenio de Banca 2015—2018, AEB (patronal), CC.OO e UGT estipularon na denominada Disposición Final Segunda, abrir un proceso de negociación para buscar un novo sistema de cálculo. Paralelamente acordaron non pagar medio trienio (do 1/7/2016 ao 31 /12/2017), en tanto non se negociaba un novo sistema.

Finalmente non negociaron nada, simplemente o persoal perdeu a parte proporcional do trienio durante eses 18 meses.

Malia que a CIG está presente na Mesa Negociadora do Convenio, decidiron deixala fóra da negociación do novo sistema de pago dos trienios. Deste xeito primou a opacidade: Non sabemos se realmente houbo negociación, se fixeron reunións (nin cantas, nin cando), se houbo propostas das empresas e cales foron; nin se houbo contrapropostas sindicais e se no camiño chegaron a aceptar algún recorte máis.

Pero ademais o seguinte trienio comeza a computar a partir do 1/1/2018, pero non se fixaron os importes que se percibirán dentro de tres anos. O futuro trienio queda no aire.

UGT fai referencia ao Convenio de Aforro, pero naquel pactouse o abono de medio trienio (18 meses) a 30 de xuño de 2019 e a cantidade a pagar. Ese non é o noso caso.

Conflito Xestores Comerciais

No Convenio Colectivo desapareceu o ascenso por capacitación até nivel VIII, un dos motivos polos que a CIG non o asinou. Houbo quen dixo que se garantía que o persoal con funcións comerciais tivera como mínimo nivel VIII, pero no BBVA non é así.

Por iso a CIG decidiu adherirse ao Conflito presentado polos compañeiros e compañeiras do SEC. As persoas con posto de xestión comercial deben ter como mínimo o nivel VIII.


16 de novembro de 2017

A CNMV non considera válida ningunha das titulacións das Universidades galegas para poder traballar nun banco

A CIG — Banca denuncia que o organismo invade competencias educativas da Xunta de Galiza

A lexislación europea obriga ás entidades financeiras a formar ao persoal cara a venda de produtos financeiros. A Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) non atendeu as distintas alegacións formuladas pola CIG e finalmente considerou que ningunha titulación impartida polas universidades galegas terá validez. Desde o sindicato demándase unha actuación inmediata da Xunta de Galiza ante unha decisión que a central sindical entende que invade as competencias educativas do noso país.

A CNMV publicou unha lista das titulacións que considera válidas para poder traballar nunha entidade financeira vendendo produtos. Unha función que, segundo a CIG — Banca, realiza o 90% do persoal.

Aínda que, segundo ten denunciado en sucesivas ocasión a , os sucesivos escándalos pola colocación indebida de produtos financeiros «son froito de políticas de empresa tras da que se agochan as agresivas políticas comerciais», a maior parte das sentenzas alegaban unha falta de información por parte dos traballadores e traballadoras da banca á clientela. Unha estratexia á que para a CIG se recorreu «para non facer fronte a devolucións colectivas e masivas, individualizando as demandas das persoas afectadas».

18 de outubro de 2017

O Congreso dos Deputados aproba a iniciativa demandanda pola CIG para que o rexistro de xornada sexa obrigatorio

Primeiro paso para evitar a extensión ilegal da xornada

A CIG remitiu o 13 de xuño unha proposición aos Grupos do Congreso dos Deputados, agora o pleno aprobou unha proposición de lei coa abstención de «Ciudadanos» e o voto en contra do PP.

O pasado 13 de xuño a CIG remitiu aos Grupos do Congreso dos Deputados unha proposición de lei establecendo a obrigatoriedade de rexistrar a xornada laboral para combater as horas extraordinarias. Aos dous días o PSOE presentaba unha iniciativa e uns días despois EH Bilbu outra. Agora o Congreso dos Deputados debaterá a modificación legal, tal e como demandaba a CIG.

 
Manifestación da CIG pola Coruña o 8/05/2017

    Manifestación en maio da CIG—Banca polos Cantons da Coruña.
    Imaxe: CIG (cc) BY-NC-SA