O sistema financeiro dun país é un piar fundamental para o seu desenvolvemento económico e social.
Por iso é preciso que o mesmo sexa equilibrado, solvente, e que garanta a prestación de servizos a todos os sectores da sociedade, especialmente aos colectivos máis vulnerables e con máis dificultades de acceso.
O modelo que está impulsando o Estado español, marcadamente oligopolistico, non responde as necesidades colectivas, senón que está ao servizo dos grandes accionistas (en moitos casos, fondos de investimento americanos) das principais entidades do sector, que reclaman rendibilidades de dous dixitos sen reparar nos medios para acadar ese obxectivo. Un fondo de investimento americano, BlackRock, é o accionista maioritario dos grandes bancos españois (Santander e BBVA), e con participación moi importante no resto de entidades do sector.
Este modelo, impulsado desde Europa, é especialmente lesivo para o conxunto da sociedade, crea exclusión financeira para amplos sectores da poboación, suprime servizos e encarece notablemente os que permanecen, a través dun incremento exponencial das comisións repercutidas a clientela. Todo isto nunha situación de limitación da competencia, dada a concentración bancaria impulsada por Europa e adoptada polos sucesivos gobernos do Estado español.
Para acadar os seus obxectivos de rendibilidade, o sector, usando a escusa dun entorno de tipos de interese baixo que repercute na súa marxe financeira, argumenta que a necesaria redución de custos solo é posible pola vía da diminución dos gastos de persoal. Isto leva a unha profunda reestruturación do sector, sen que ninguén faga unha análise real sobre a súa necesidade e, en caso de concluír que fose necesaria, requirir que sexa de forma ordenada atendendo as necesidades de servizo da clientela e a perda de postos de traballo no sector.
Como freo a esta situación demandamos do Ministerio de Traballo e do propio Goberno do Estado a necesidade de lexislar de forma urxente aspectos como:
- A derrogación da Reforma Laboral que permite a grandes empresas con beneficios coma os bancos, despedir sen límite milleiros de persoas traballadoras.
- Permitir a xubilación anticipada sen penalización. A maioría dos traballadores e traballadoras do sector financeiro acumulan máis de trinta anos cotizando polas bases máis altas, contribuíndo notablemente ao sistema de pensións.
- Lexislar para garantir a clientela a liberdade de elección na prestación de servizos, co establecemento dun mínimo legal de atención presencial que evite a exclusión financeira dos colectivos máis vulnerables ou con máis dificultades de acceso as novas tecnoloxías.
- No caso de ser necesario acometer un proceso de reestruturación do sector financeiro, obrigar legalmente a que este pase por acordos de prexubilacións, de forma que as persoas que abandonen o sector sigan cotizando a Seguridade Social coma se estivesen en activo, até poder exercer o acceso a xubilación anticipada. Soportando as entidades a totalidade dos custes da reordenación do sector, evitando así a aplicación do actual modelo de baixas incentivadas, que pon o foco no persoal menor de 50 anos que, polo xeral, non abandona o seu posto de traballo de forma voluntaria. Un sistema propiciado pola reforma laboral de 2012, que supón unha carga para a Caixa da Seguridade Social, xa que o Estado asume o pago da prestación por desemprego durante dous anos e as cotizacións a Seguridade Social durante ese período (no caso de esgotarse). Sen esquecer que, se volven ao mercado laboral, estas persoas seguramente cotizarán por bases máis reducidas.
Rexeitamos esta reconversión do sector, impulsada desde Bruxelas e apoiada polos distintos gobernos que pasaron por Moncloa, que impulsa un modelo de grandes bancos ineficientes, dependentes de axudas públicas, que ademais non prestarán servizos financeiros a boa parte da poboación.
Un modelo que é máis custoso para as arcas públicas (con inxeccións de liquidez, exencións de impostos, avais do ICO,…) que anticipar a idade de xubilación de todas as traballadoras e traballadores, incluído o persoal das entidades do sector financeiro.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario