17 de xuño de 2021

Presentada denuncia na CNMC contra os bancos, para que se investigue un posible pacto nas restricións de servizo

O ano pasado e con carácter previo á pandemia, diversos bancos comunicaron á representación sindical a súa intención de restrinxir os servizos de caixa á clientela, coincidindo incluso nos horarios de atención. Trátase dunha restrición dun servizo que ten a consideración de básico conforme á lexislación europea e española e que continúa tendo demanda, sobre todo en amplos segmentos da poboación que ten máis dificultades para facer uso das novas tecnoloxías.

A CIG–Banca presentou denuncia ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) para que investigue se as restricións do servizo de caixa por parte das entidades financeiras, posta en marcha practicamente ao unísono e cos mesmos horarios (de 8 a 11), responde a un pacto entre elas. As denuncias afectan a bancos asociados á AEB (Asociación Española de Banca) e á CECA (Confederación Española de Cajas de Ahorros).

Entendemos que era unha obriga social e laboral pero tamén legal, xa que tendo os representantes dos traballadores e traballadoras comunicación desas restricións, calar nos tería convertido en cómplices. Ademais está moi claro que, coma outras empresas, utilizaron a pandemia para forzar cambios nos hábitos da clientela.

As políticas comerciais dos distintos bancos son idénticas: as cláusulas nos contratos tombadas pola xustiza, eran practicamente idénticas; as subas de comisións se producen case simultaneamente; e o mesmo sucede agora coas actuais restricións dun servizo básico asociado ao contrato das contas.

Estas restricións son dobremente antisociais. Por unha parte, restrinxen os servizos ás persoas que teñen dificultades para usar os caixeiros automáticos ou a banca electrónica. Neste senso cabe lembrar que un 38 % da clientela non é usuaria da banca electrónica. Incluso hai bancos que estableceron comisións e cobran ás persoas, fundamentalmente de idade avanzada, por retirar por caixa o seu propio diñeiro da conta.

Por outra banda, esta restrición de servizos está sendo utilizada nos informes técnicos que os propios bancos están utilizando para tratar de xustificar os Expedientes de Despedimentos Colectivos, é dicir, para despedir ao persoal que tradicionalmente atendía as caixas. Un posible pacto anticompetitivo, argumenta despedimentos colectivos.

Non estamos ante unha baixada da demanda, que debería ser analizada caso por caso, segundo a tipoloxía da oficina, a súa situación (non é o mesmo no rural, que nun polígono empresarial) e a tipoloxía da clientela. Os bancos restrinxiron, sospeitosamente, ese servizo, ao mesmo tempo, e co mesmo horario.

Ao longo dos últimos meses numerosos colectivos están protestando contra os peches das oficinas bancarias e as restricións de servizos, neste senso a CIG porá a súa disposición un modelo de denuncia, entre todos e todas debemos forzar á CNMC a investigar. Basta de abusos bancarios.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 210617 [.pdf · 143 kB]



Ningún comentario: