31 de xaneiro de 2022
O Goberno é cómplice da marxinación financeira da poboación por un proceso de dixitalización excluínte
24 de setembro de 2021
Concentracións da CIG en Lugo contra os PECHES de oficinas

O 22 de setembro mobilizámonos de novo contra os peches de oficinas do BBVA, desta volta en San Cibrao e en Ferreira do Valadouro.
Nesta ocasión acompañáronnos veciños e veciñas prexudicadas pola decisión do Banco de pechar estas oficinas e deixar sen servizo á clientela, traspasándoa, no caso da oficina de San Cibrao á oficina de Burela, e a da oficina de Ferreira do Valadouro á oficina de Mondoñedo, cos prexuízos e dificultades que isto supón para a clientela, especialmente no caso das persoas maiores.
Xa anunciamos, cando se pechou a negociación do ERE inxustificado, que as súas consecuencias non acababan co peche desa negociación, senón que ao longo deste ano comprobaríamos como o banco segue coa destrución de postos de traballo e as presións sobre o persoal que continúa no banco.
7 de xullo de 2021
Concentracións en Vigo contra os PECHES de oficinas
A CIG mobilizouse en Vigo, o 7 de xullo, contra os peches de 3 oficinas: Urzáiz 99, Florida 4 e a da rúa Coruña.
Peches que, como todos e todas sabedes, son a xustificación para despedir. A Dirección pretende prescindir da rede de oficinas, da atención presencial, para trasladar a carteira de particulares á atención en remoto, e iso ten un gravísimo impacto sobre o emprego. Moito nos tememos que este ERE non será o último.
Mentres nós seguimos combatendo o ERE, hai quen fai publicidade nos medios do número de persoas que solicitaron acollerse, como unha demostración da bonanza dos despedimentos, cando o ERE non foi aprobado en referendo polo persoal afectado que, por se fose pouco, participou activamente nas mobilizacións e nas folgas.
Concentración na Consellería de Economía contra as subvencións á banca
O pasado 29 de xuño a CIG concentrouse na Consellería de Economía para protestar polas subvencións a bancos para instalar caixeiros automáticos (en locais públicos) e contratar axentes. Os primeiros 3 millóns de euros serán para localidades onde pecharon as oficinas das antigas caixas galegas, cando a entidade estivo baixo control público e polo tanto en mans do propio PP.
As localidades nas que a banca recibirá subvencións da Xunta de Galicia non deparan sorpresas: nalgunha había incluso 2 oficinas das antigas caixas, que foron pechadas estando a entidade nacionalizada e polo tanto en mans dos Gobernos do PP. Agora Feijóo «O fusionador» subvencionará a instalación de caixeiros automáticos e a contratación de axentes financeiros en localidades que eles mesmos deixaron sen servizos bancarios. Pero esta primeira liña de subvencións, en plena reconversión do sector, non será a única e para a CIG terá un efecto chamada.
29 de xuño de 2021
Manifesto por un Sistema Financeiro ao servizo da cidadanía
O sistema financeiro dun país é un piar fundamental para o seu desenvolvemento económico e social.
Por iso é preciso que o mesmo sexa equilibrado, solvente, e que garanta a prestación de servizos a todos os sectores da sociedade, especialmente aos colectivos máis vulnerables e con máis dificultades de acceso.
O modelo que está impulsando o Estado español, marcadamente oligopolistico, non responde as necesidades colectivas, senón que está ao servizo dos grandes accionistas (en moitos casos, fondos de investimento americanos) das principais entidades do sector, que reclaman rendibilidades de dous dixitos sen reparar nos medios para acadar ese obxectivo. Un fondo de investimento americano, BlackRock, é o accionista maioritario dos grandes bancos españois (Santander e BBVA), e con participación moi importante no resto de entidades do sector.





