Neste 16 de marzo, membros da Sección Sindical da CIG no BBVA acudiremos de novo a Bilbao para achegar o noso discurso na Xunta de Accionistas. Amosaremos a realidade do banco en Galiza nese foro onde, cando menos nesta data, o Presidente e o resto de integrantes do Consello de Administración non poden evitar escoitar o verdadeiro retrato do que son as condicións de traballo reais nesta empresa.
A compañeira Carmen García fará lectura do discurso que vos achegamos e no que trasladaremos a Francisco González do que estimamos é o seu legado, nestes longos anos da súa Presidencia.
A negativa evolución da acción versus o aumento inmoral e inxustificado das súas retribucións. Até un máximo de 125 millóns de euros vanse reservar para un colectivo de 238 persoas privilexiadas.
A situación laboral no banco, cunha política permanente de destrución de emprego e peche de oficinas. Con despedimentos por unha falsa «baixa produtividade», todos recoñecidos improcedentes, e o medo como bandeira na xestión RR.HH.
Salientaremos a presión comercial na Territorial Noroeste, insoportable e interesada, onde a obsesión polo Ranking só obedece a obxectivos particulares, mantendo a rede comercial nun particular torneo en todos contra todos que fixo do pasado exercicio e do comezo deste, os peores tempos que lembramos en termos de clima laboral nesta Territorial.
Do constante desprezo a un cadro de persoal que fai moi ben o seu traballo e que ano tras ano, segue a cumprir. Pero como recompensa aos seus esforzos, este ano o único que recibe son labazadas. Unha pola formación MiFID e outra pola «compensación» do bonus. Levamos estes asuntos, a instancias da CIG, coma non pode ser doutro xeito, perante os Xulgados.
Para cando a negociación do horario do colectivo BBVA Contigo?
Reclamaremos cambios reais no eido da Conciliación e Igualdade, cambios polos que a sociedade berrou alto e forte nas rúas galegas este histórico 8 de Marzo.
Desde esta Sección Sindical queremos agradecervos as vosas delegacións de votos que fan posíbel de novo a nosa presenza nesta Xunta. Presenza que, queremos aclarar, sempre foi sufragada con medios propios. Non estendemos este agradecemento a Relacións Laborais do Banco, que facendo un uso discriminatorio dos recursos da entidade, segue a facilitar a presenza en Bilbao a unhas organizacións sindicais e a outras, non.
De seguido, tedes a intervención lida pola nosa compañeira Carmen.