Concentración da CIG–Banca en 2017 contra a fraude das horas ilegais.
Imaxe: CIG (cc) BY-NC-SA
O BBVA incumpre reiteradamente os horarios pactados, os sindicatos non deberiamos aceptar excepcións aos horarios cando estes non se cumpren, pero aínda menos propoñer medidas que podan facilitar a fraude.
O modelo de traballo por obxectivos (prohibido pola MiFID cando se trata de produtos complexos) e sen que se realicen as preceptivas medicións da carga de traballo de cada posto (que garantan que podan ser realizadas dentro da xornada laboral), leva á realización de milleiros de horas extras.
As horas non son voluntarias cando se asigna un traballo imposible de realizar dentro da xornada e os obxectivos son de obrigado cumprimento. Este é o problema de horarios no BBVA.
Moito máis se a empresa desregula a xornada, implantando horarios flexibles, sen que exista un rexistro da xornada efectiva, o que incluso impide a labor das Inspeccións de Traballo. Algúns sindicatos nin sequera piden a implantación do rexistro de xornada.
Pero ademais, manteñen a xornada anual de 1.700 horas. Como a realización do horario xeral pactado é inferior a ese tope, o BBVA alega que non hai horas extras mentres non se superen as 1.700 horas/ano, o que sumado á falta de rexistro, é a xustificación do BBVA ante as Inspeccións, impedindo que estas podan demostrar a existencia de horas extras.
Dende a CIG sempre defendemos que os horarios deben ser pactados a nivel sectorial. Advertiamos que, doutro xeito, se abriría unha guerra de horarios na banca que sería nociva para o persoal, e así está sendo.
A lexislación, incluído o convenio, obrigan a negociar de xeito colectivo os horarios, a utilización da «negociación» individual amparada nunha mais que falsa voluntariedade é unha manobra de pouco recorrido.
Non hai demanda do persoal, nin da clientela para abrir ás tardes.
PROPOSTAS DA CIG PARA UN ACORDO MARCO HORARIOS
Que o BBVA inclúa nas avaliacións de riscos laborais a medición dos ritmos/carga de traballo posto a posto, sen que se poda incrementar a carga de traballo en tanto non se realice esta avaliación.
Que se realicen medicións de tempos, coa participación sindical, para garantir que a carga de traballo de cada posto poda ser realizada dentro da xornada laboral.
Implantación dun rexistro da xornada efectiva que realizan diariamente os traballadores e traballadoras. Calquera exceso sobre o horario diario terá a consideración de horas extras. Unha cláusula que defina que o «horario flexible» será unha opción do traballador/a co único obxectivo de conciliar a vida laboral e familiar.
Estas propostas teñen como obxectivo cumprir a lexislación laboral, nomeadamente a Lei de Riscos laborais, e que se cumpran os horarios.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario