18 de outubro de 2018

Informe especial Decreto MIFID

Aprobada a transposición da Directiva Europea 65/2014 da MiFID

O Goberno desaproveita a oportunidade para poñer couto aos escándalos da banca

O pasado 28 de setembro o Goberno do Estado aprobou o Real Decreto Lei 14/2018 polo que se realiza a transposición da MiFID, que entrou en vigor o 10 de outubro de 2018. A MiFID supón unha reconversión en toda regra, que ten un gran impacto en todas aquelas persoas que traballamos no sector financeiro.
Os problemas da MIFID non son só as complexas e inútiles formacións
Os problemas da MiFID non son só as complexas e inútiles formacións.

 

DESPOIS dos sucesivos escándalos comerciais protagonizados pola banca e ante un novo modelo bancario máis especulativo, que bebe do modelo da banca de investimento e que pretende transformar aos aforradores e aforradoras en investidores, dende a CIG Banca viñamos demandando a adaptación desta normativa e entendemos que era unha obriga sindical prestar especial atención a este Real Decreto (RD).

Houbo que agardar a que a Comisión Europea interpuxese unha demanda contra o Reino de España no Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), por non ter realizado a obrigatoria transposición desta norma, para que o novo Goberno decidira aprobala a través dun RD.

No ano 2016 advertiamos que o mantemento dun tipos de xuros artificialmente baixos levaba a un estreitamento das marxes financeiras, polo que os bancos estaban levando adiante agresivas políticas comerciais, para derivar os aforros da clientela cara a produtos financeiros de investimentos que devirían en perdas para os aforradores e aforradoras, garantíndose os bancos o cobro de comisións.

Hoxe o tempo deunos a razón, a maior parte dos fondos de investimento acumulan rendibilidades negativas (perdendo a clientela minorista parte dos seus aforros). A contratación deste tipo de produtos, das propias entidades, non responde a unha demanda da clientela senón a unha oferta agresiva por parte da banca.

Unha vez analizado o RD, elaboramos un que vos facemos seguir ao tempo que o presentamos en rolda de prensa para denunciar que nos sobrecarga de burocracia, nos obriga a certificacións inútiles nas que sacrificamos o noso tempo, asumimos responsabilidades polas políticas comercias (malia que somos vítimas delas), e sen que todo isto sirva para protexer á clientela.

Nos vindeiros días daremos novos pasos con actuacións a distintos niveis, para denunciar o que supón esta normativa para o persoal dos bancos, e para demandar dos distintos gobernos modificacións e toma en consideración de cuestións que non foron abordadas e resultan cruciais polo noso ben e seguridade no día a día, e polo ben da nosa clientela.

Os bancos cambian, as direccións tamén, e o que todas e todos queremos manter é a confianza da clientela, que é a que nos dá de comer traballemos na entidade que traballemos, nos mande quen nos mande, e fagamos rico a quen fagamos.


Políticas comerciais:
A orixe dos escándalos no sector financeiro


Concentración da CIG contra as políticas comerciais que padecen os cadros de persoal.
Concentración da CIG contra as políticas comerciais que padecen os cadros de persoal.

 

MENTRES en determinados sectores, coma nas eléctricas, debátese a posible prohibición das agresivas políticas comerciais porta a porta, a transposición da MiFID non achega nada novo para poñer couto as políticas que están na orixe de todos e cada un dos escándalos vividos nestes anos.

A Directiva Comunitaria 65/2014 prohibe no seu artigo 24.10, que se establezan obxectivos de ventas que podan ser un incentivo para colocar un determinado produto, algo que a banca incumpre todos os días; a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) non está nin se lle espera.

O Goberno fixo un corta e pega deste artigo sen desenvolvelo, sen medidas que avancen na prohibición do modelo de traballo por obxectivos na banca e, sen estas medidas, a MiFID carece de valor e credibilidade á hora de defender á clientela e aos propios cadros de persoal. Si que aborda os modelos retributivos variables asociados ás vendas de produtos, pero dun xeito que consideramos menos rigoroso que o propio regulamento da Autoridade Europea de Valores e Mercados (ESMA) que, nalgúns casos, permitiría prohibilos.

A CIG demanda a prohibición das retribucións asociadas á colocación de produtos financeiros que a clientela non demanda.

Neste mesmo senso a definición de «asesoramento independente» prevista no Real Decreto Lei (RD) 14/2018 beneficia claramente ás entidades de creto, malia que o persoal das redes comerciais que traballa por conta allea e depende xerarquicamente das entidades, coloca produtos seguindo instrucións da propia empresa.



Produtos complexos, non complexos e a self-placement

O Real Decreto (RD) establece un decálogo dos produtos complexos e non complexos. En contra do afirmado polo Executivo, a normativa considera, con carácter xeral, non complexos os depósitos estruturados, agás en casos concretos. Isto cando xa a propia regulación actual numérica de niveis de risco realizada pola CNMV (Comisión Nacional do Mercado de Valores) e que non se revisou no Real Decreto, semella inadecuada, como se demostra día a día.

Considera as accións como produtos non complexos, como ata o de agora, pero non regula o selfplacement que está na orixe de escándalos coma o das preferentes e subordinadas, a saída a bolsa de , ou a ampliación de capital do .

Xa no ano 2014 a Autoridade Bancaria Europea (EBA) e a ESMA emitiron o informe «Placement of financial instruments with depositors, retail investors and policy holders (“sefl-placement”)» no que amosaban a súa preocupación polo self-placement, é dicir, cando as Entidades Financeiras, ante os novos requisitos de solvencia teñen que ampliar capital e utilizan as súas propias redes comerciais para colocar eses produtos.

O último caso sería a ampliación de capital do , pero anteriormente no Estado español Concentración da CIG contra as políticas comerciais que padecen os cadros de persoal. Vivíronse os casos das Preferentes e Subordinadas (colocadas en tramo minorista na rede comercial e que computaban como capital), a ampliación de capital de (colocada a través da rede comercial) ou as cotas participativas da CAM (colocadas a través da rede comercial co asesoramento de Luis de Guindos).

Este mesmo ano, a Comisión de Economía do Parlamento Europeo analizou esta cuestión nun informe denominado «Subordinated Debt and self-Placement, Mis-selling of financial Products».

Ao noso entender era necesario incluír na transposición un apartado específico que prohibise, ou cando menos regulase con maior rigor, a comercialización de produtos propios de capital a través das redes comerciais propias, dado o conflito de intereses e os precedentes dos bancos españois. Pero o Goberno ignorou esta posibilidade, malia as alertas europeas.

Cabe preguntarse se as reflexións contidas nos informes sobre self-placement, non son tamén válidas para a colocación de produtos propios a través das redes propias, cando o estreitamento das marxes ten levado incluso a grandes bancos a ter perdas no Estado español e os beneficios dependen das comisións que cobran pola colocación deses produtos.



Impacto laboral:
Non se atalla o modelo de organización por obxectivos

O problema da MiFID non se reduce a ter que realizar complexas e longas formacións fóra da xornada laboral, senón como se pretende derivar a responsabilidade dos bancos cara aos cadros de persoal, mentres se manteñen as agresivas políticas comerciais.
Traballar cumprindo o horario ou cumprindo os obxectivos?
Traballar cumprindo o horario ou cumprindo os obxectivos?

 

DENDE unha óptica laboral, o Goberno valida as actuacións realizadas ata este momento pola CNMV en conivencia coa banca.

Non atalla o modelo de organización de traballo por obxectivos que padece o persoal do sector, que o leva a colocar produtos que a clientela non demanda, seguindo instrucións e baixo as presións desmedidas por parte das estruturas comerciais todo poderosas nos bancos.

Será este Organismo quen decida as formacións esixibles ao persoal do sector, cando ten aprobado que elixan os propios bancos que formacións consideran válidas, deixando fóra a propia CNMV as formacións públicas (os grados universitarios, a formación profesional, ou as acreditacións por experiencia).

O persoal vese obrigado a realizar formacións moi complexas, que nada lle achegan no seu posto de traballo e que non supoñen valor engadido á clientela. Estas formacións teñen coma único obxectivo que os bancos podan cobrar por «asesorar» á clientela. Formacións que, ademais, se fan fóra da xornada laboral, realizando horas extras non pagadas, nin cotizadas.

E tamén consideramos que non contempla a responsabilidade única das empresas no caso de mala praxe e colocación indebida colectiva de produtos financeiros. É dicir, cando non haxa unha actuación dolosa individual por parte dun traballador ou traballadora e esteamos ante escándalos colectivos coma os vividos.

En contra do criterio da CNMV (Informe valores Santander), cando se trata de mala praxe estendida en numerosas oficinas por distintos puntos da xeografía, non estamos ante actuacións individuais, só a empresa ten a capacidade de organización e dirección imprescindibles para que unha mala praxe sexa colectiva. Malia que o artigo 1903 do Código Civil establece nitidamente a responsabilidade do empresario, as actuacións da CNMV fan que entenderamos que era necesaria unha maior concreción no Real Decreto Lei (RD) 14/2018.

Destacar que é positivo, malia que tampouco pode considerarse unha novidade, que o Real Decreto (RD) regule a protección, incluso no ámbito laboral, para as persoas que denuncien irregularidades.

En definitiva esta transposición, coma a propia MiFID, é unha norma claramente negativa que se centra en definir as actuacións que deben realizar as empresas, dende unha óptica da autorregulación, malia que este dogma liberal foi o que nos levou ao estoupido da crise financeira fai exactamente 10 anos. Ademais, permite á banca manter as súas cada vez máis agresivas políticas comerciais, caldo de cultivo para novos escándalos.

É por todo isto que a CIG considera que o novo modelo bancario que pretende exonerar aos bancos, e responsabilizar á propia clientela e ao persoal das entidades ante calquera reclamación, obriga aos sindicatos a mudar a súa actuación.

Se o sindicalismo estatal mantén unha liña continuista, acompañando as decisións das empresas a cambio de pequenos favores, desprotexerá ao persoal. O novo modelo bancario obriga aos sindicatos a combater as políticas comerciais agresivas que están detrás da mala praxe.

Deste xeito, a CIG rexeita reclamar «seguros de responsabilidade civil», xa que dará unha imaxe de falsa seguridade na colocación de produtos financeiros complexos (que é o que queren as Direccións), desvía as responsabilidades patrimoniais cara ao persoal (cando é das entidades) e, ademais, é dubidoso que estes seguros cubran, cando se trate de casos nos que a xustiza determine posibles responsabilidades de quen asesora ou informa en base a unha mala praxe.


Coa CIG somos máis forte! Loitemos polos nosos dereitos!




Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://ir.gl/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 181025 [.pdf • 4 MB]


Ningún comentario: