O 7 de marzo o noso compañeiro Clodo Montero (traballador de Abanca) estaba citado para comparecer na Comisión de Investigación da crise financeira do Congreso dos Deputados/as.
A Comisión ten coma obxectivo investigar o que aconteceu, pero tamén avaliar que medidas hai que tomar para evitar novas crises e novos escándalos. Foi nese punto onde a CIG fixo maior fincapé.
Imaxe: CIG (cc) BY-NC-SA
O pasado día 7, ás 18 horas, a voz dos traballadores e traballadoras dos bancos chegou ao Congreso dos Deputados/as. A CIG comezou a súa intervención lembrándose dos traballadores e traballadoras que foron vítimas da crise financeira, pero que en demasiadas moitas ocasións foron presentados como culpábeis, nomeadamente pola colocación de produtos financeiros tóxicos.
A comparecencia tivo dúas partes. Houbo unha exposición inicial por parte da CIG explicando as causas da crise e o papel do sindicato ao longo do proceso, centrando as críticas na actuación dolosa dos xestores, nas normativas laxas e nos supervisores.
A Comisión estuda as medidas de protección da clientela e, neste eido, a CIG foi especialmente crítica coas políticas comerciais da Banca, pasadas e presentes.
Con posterioridade, os portavoces dos grupos políticos presentes na Comisión (PP, PSOE, Unidos Podemos, Ciudadanos, Grupo Vasco e Grupo Catalán), formularon as súas preguntas.
As contestacións centráronse no papel do BE, da CNMV, do Goberno Central, da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo, durante a crise e no proceso de fusión. Na súa intervención a CIG solicitou que se investigue a venda de activos das Caixas, ou os contratos a dedo a determinadas empresas/consultoras.
MiFID: Prohibición obxectivos comerciais.
Por outra parte, despois da intervención inicial na que a CIG alertou das agresivas políticas comerciais dos bancos, os grupos se interesaron por coñecer como son, polo que se detallou o seu funcionamento.
Explicouse que o artigo 24 da Directiva 65/2014, prohibe os obxectivos comerciais, e as retribucións variables vinculadas a aqueles. Por iso a CIG demandou que na trasposición á lexislación española deberían desenvolver o artigo 24 para poñer coto ás políticas comerciais dos bancos, que os cadros de persoal sufren en primeiro termo e son un risco para a clientela. Ademais foi moi crítica coa CNMV, que na resposta ás alegacións presentadas pola CIG contra a Guía 4/2017, contestou que o persoal afectado pola MiFID pode ter obxectivos comerciais, una interpretación máis que cuestionable da lexislación europea.
Así mesmo, explicouse que os bancos impoñen obxectivos crecentes, desentendéndose do tempo que se tarda en conseguilos, xa que non pagan as horas extras. E demandouse que se modifique a lexislación para que sexa obrigatorio o rexistro de xornada, lembrando a proposta da propia CIG remitida ao Congreso en xuño de 2017.
Dende a CIG Banca agardan que esta comparecencia marque un punto de inflexión, e que se lexisle para frear as agresivas políticas dos bancos.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario