O pasado día 2 de xullo unha representación da CIG reuniuse coa Subdirectora Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo, co fin de abordar a situación creada polo denominado Plan de Innovación e Transformación que ten en marcha o BBVA e que se traduciría na destrución de 400 empregos na Galiza.
Nesta reunión á que asistiron os compañeiros da Sección Sindical da CIG no BBVA Luciano Luxilde e Teresa Richard, xunto co Secretario da Federación Clodomiro Montero, denunciouse que gran parte da carga de traballo que realizaba o persoal do banco está sendo subcontratada a unha empresa participada ao 100 % polo propio Banco chamada OP Plus, que implantouse no Parque Tecnolóxico de Málaga recibindo subvencións da Junta de Andalucía para a apertura do centro así como para a formación deste persoal. Segundo o Banco OP Plus Málaga que iniciou a súa marcha con 200 persoas podería chegar até as 5.000 persoas de aquí ao 2010, coa conseguinte redución de persoal do Banco no resto do Estado, incluída Galiza.