O «Pool» de baixo desempeño
Dende primeiro de ano, as direccións de oficina, CBC, Zonas e RR.HH, están incorporando ao nomeado como «pool» de baixo desempeño a aqueles traballadores e traballadoras que, baixo os criterios da empresa, non teñan a actitude ou a aptitude axeitada para o desenvolvemento da súa función.
E citamos:
«O que non quere e pode, o que non pode (ACTITUDE): empregados con actitudes negativas cos xefes, compañeiros ou clientes. Que non colaboran, non se preocupan polos obxectivos, non aplican os protocolos de atención… Con baixo nivel de desempeño e compromiso.
O que quere pero non pode (APTITUDE): empregados que teñen unha boa actitude, fan o que poden pero non conseguen os obxectivos nin cumprir cos requirimentos do posto.
Tras un máximo dun ano en seguimento trimestral con comunicación a RR.HH do resultado, o protocolo prevé o estudio das alternativas e a comunicación ao afectado da decisión adoptada»
E o que nos poden tentar vender como protocolos obxectivos, para conseguir un aumento da produtividade, para reaxustar aos antes cualificados coma desaxustados ou desaxustadas, parte da base do pruo subxectivismo. Como senón se explica a inclusión de, alguén que conseguiu os seus obxectivos neste colectivo? Se temos a sorte ou a desgraza de pertencer a unha CBC que permanentemente estea por, riba deste famosos «rankings», o feito de non seguir o ritmo dos demais, fainos menos aptos?
O «pool» de baixo desempeño non é outra cousa que unha ferramenta máis para o incremento da presión sobre un cadro de persoal desbordado, co criterio do medo como acicate e, como tal, tan só merece o rexeitamento de toda a representación sindical por desproporcionado, arbitrario e carente de xustificación.
Se estás neste colectivo, animámoste a que contactes con nós, para tomar medidas sobre este asunto de incuestionable importancia para o teu presente e futuro laboral.
Presión comercial, falta de persoal e prolongacións ilegais da xornada laboral
Onde se valora o tempo dedicado a tarefas que non se trasladan á produtividade? Para cando o axuste da puntuación de todo alquel ou aquela que pasa horas, días ou semanas en caixa, porque o posto non está cuberto? Cantas veces, vemos que é o propio director ou directora que cubre a caixa para non perxudicar ao resto da oficina? Mesmo responsables de CBC (!). Que vai pasar cando chegue o período estival ou se esgote o presuposto para contratacións de persoal eventual ou ETTs?
Onde está a orixe do problema? Claramente, a empresa non prové ás oficinas dos recursos humanos e materiais suficientes para atender a carga de traballo actual que non é sumible.
E onde está a solución? En ir de madrugada á oficina para que non nos leve por diante o tsunami? Instalar un microondas para quentar a comida que se trae da casa e así saír a unha hora prudente (mínimo dúas horas por riba do fin da xornada, sen remunerar, claro)? Traballar todas as tardes, todas, fóra de horario? …Vivir na oficina? NON. A solución está en cumprir o horario establecido e facer o traballo de acordo coa normativa interna do banco. Non en alongar a xornada illegalmente e colaborar co banco na defraudación masiva á Facenda Pública e á Seguridade Social por horas extraordinarias non declaradas nin cotizadas.
Recortes no persoal de oficinas e departamentos; peches de oficinas coa súa absoción na máis próxima; recortes nos salarios vía retribución variable, cun incremento exponencial da obxectivación e a presión para acadala, rebaixando complementos variables alí onde se poida. Somos menos a traballar, cobramos menos e, cunha carga de traballo que aumentou dun xeito significativo, as horas, para lograr que o traballo saia para adiante, son innumerables…
Este primeiro semestre vai estar marcado polo RBA, que hai que cimprir si ou si, pero que nos fai empregar un tempo que non temos e que, na maioría dos casos, obriga a ampliar as xornadas de traballo até límites nunca vistos para tentar chegar a todo. Cunha informática que non da máis de si e cunha desorganización manifesta coma no caso das contas con persoas falecidas, que vai obrigar a facer un dobre traballo que non ten xustificación ningunha, e vai provocar un aluvión de incidencias nas que, coma sempre, terán que salvar e dar a cara os e as de sempre.
Coa factura que máis tarde ou máis cedo pagaremos en saúde, en desmotivación, en empeoramento do clima laboral, de incapacidade de conciliación da vida persoal e familiar.
Factura que paga cada un e cada unha de nós, pero tamén a nosa familia, a nosa parella, os nosos fillos e fillas… non o esquezamos nunca porque á empresa sáelle de balde.O soldo pechado, o céntimo da discordia
O persoal, está vivir con preocupación o tema do soldo pechado. Fontes da empresa dan distintas versións dun tema que, cando menos, xera incerteza pola falta de claridade das respostas.
Inicialmente, a concepción do soldo pechado viña derivado da obtención duns emolumentos que estaban por riba dos mínimos conseguidos polo acordado no convenio colectivo e, en tempos, tíñase que asinar a aceptación deste sistema, mentres que agora se nos traslada case como unha opción da empresa, semellando que non temos nada que facer ao respecto.
A empresa informa deste xeito:
«O empregado non pode elixir estar na modalidade de salario aberto ou pechado. O cambio de salario aberto a pechado ou viceversa, é unha decisión da empresa que afecta a determinadas funcións e cuxa decisión adóptase dende a unidade de xestión de RR.HH correspondente.
Para esta decisión, téñense en conta criterios relacionados con:
- Valoración da función
- Nivel Retributivo
- Data de Ingreso.
As revisións salariais no soldo pechado, fanse sobre a totalidade do salario en función da política de Revisión Salarial marcada para cada ano. Sen embargo, no soldo aberto, as revisións aplícanse só aos conceptos regulamentarios e cos incrementos propostos polo Convenio Colectivo que sexa de aplicación.
Segundo a empresa, o peche do soldo non ten ningún carácter negativo. E se o soldo pechado é superior ao do convenio, a diferenza entre o importe do soldo pechado e as retribucións regulamentarias de convenio reflectiríanse nun complemento voluntario persoal.»
Por que o persoal que ten un soldo de convenio non pode elixir ter soldo aberto?
Cales son as funcións ás que afecta o salario aberto ou pechado?
Por que a valoración da función e a data de ingreso son factores a ter en conta?
Que propósito cumpre engadir o xa famoso céntimo na nómina?
Actualmente, non é posible consultar se o noso soldo é aberto ou pechado. Antes, o acceso era a través do «Dossier do Empregado». Por que? É a maneira da empresa de clamar a incerteza, ou de agochar un posible problema futuro?
Tantas preguntas ao redor dun tema do que non hai unha resposta única e clara, ao final, o que nos levan a pensar e que si debe ter relevancia inda que dende RR.HH lla negan. O que está claro é que o feito de non ter agora acceso á información, icrementa a confusión e a sensación de escurantismo que vive o cadro de persoal. Pola nosa banda, ficaremos atentos a que realmente non teña incidencia nas nóminas dos compañeiros e compañeiras que non preciben conceptos retributivos extra-convenio-acordos colectivos.
Recomendamos facer consulta ao SAE para determinar cal é a vosa situación e, se non estades de acordo, poñédeo no noso coñecemnto e darémosvos as pautas a seguir.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario