A grande oportunidade perdida para pór fin á discriminación do colectivo
Despois da celebración con fogos de artificio dos sindicatos asinantes, cómpre pór en perspectiva as demandas de TODOS os sindicatos e o finalmente acordado para o colectivo de Zona Contigo.
O punto de partida: sen dúbida o peor acordo asinado co banco por ACB–CC.OO–UGT como anexo ao do ERE en 2021 (inxusto e inxustificado ERE), sen ningún tipo de negociación. Acordo que incluso empeoraba o de Contigo de 2018 (reducindo á metade a xornada de verán, por exemplo). Así validaban a creación dunha nova categoría de traballadoras/es no banco: de 1ª, de 2ª, de 3ª… e os/as da Zona Contigo (CSE's).
Toda a RLPT levamos anos reclamando a equiparación das condicións ao resto de colectivos con xornadas partidas en todos os foros posíbeis (reunións con T&C, reunións coa Dirección do banco, nas Xuntas de Accionistas…) para rematar coa discriminación xerada polo acordo asinado.
E por fin o banco convocou a Mesa de Negociación para revisar as infames condicións do colectivo. Convocatoria que coñecemos polos comunicados dos asinantes do acordo de 2021, antes de que recibísemos a convocatoria formal (até aí chega a falta de respecto do banco) e sen agochar as conversas que estaban a manter con parte da RLPT por fóra da Mesa de Negociación.
Até a última reunión, TODA a RLPT estivemos en sintonía nas demandas de equiparación que puxese fin, dunha vez por todas, a discriminación que levaban anos sufrindo —era de xustiza— e que basicamente eran: xornada de verán de 15 de xuño ao 15 de setembro (igual que o resto de colectivos con xornada partida) e reducir o tempo mínimo de comida a ½ hora (incluído no plan de igualdade de 2023 para todos os colectivos con xornada partida excepto para Contigo). Alén doutras que entendíamos tamén importantes: establecer algunha marxe de tempo na entrada e saída para atención ás chamadas entrantes, mellora da carreira profesional sen exclusións, mellora do complemento (actualmente en 196,99 € /mes), xornada continuada as vésperas de festivos ou mellora do teletraballo. No caso dos sindicatos con representación en territorios con idiomas propios, que se garantise á clientela a atención neles.
Os resultados: NON á xornada continuada de 15 de xuño a 15 de setembro (só ampliación no mes de xullo) e NON á redución do tempo mínimo de comida a ½ hora. As 2 principais demandas coas que toda a RLPT comezamos esta negociación.
Os avances son moi cativos (nada que ver coas pretensións iniciais): incremento do complemento en 11,34 € /mes; non haberá cómputo trimestral no teletraballo e só aumentará 1 día ao mes; exclúese da carreira profesional ao persoal con nivel XI (o persoal máis novo e de recente ingreso), que seguirá tendo que agardar 4 anos para ascender a nivel X (por convenio)…
O banco seguirá apostando cada vez máis pola atención remota á clientela, forzándoa a entrar nese modelo e deixándoa sen servizo nas oficinas (ao que nos opoñemos totalmente a CIG), o que implicará a apertura de máis centros e o traspaso continuo e forzoso de clientela e persoal.
Este, de novo, mal acordo, que a CIG non asinou, consolida a discriminación co resto de persoal con xornada partida e será de aplicación por moito tempo e cada vez a máis persoal (e con funcións cada vez máis especializadas).
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
http://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]Folla
http://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario