9 de maio de 2023

BBVA e o Plan de IGUAL-DÁ

Cartaz protesta Olan de Igualdade no BBVA

O 5 de maio de 2010 asinouse o do BBVA. Un acordo a 4 anos que segue vivo a base de renovacións tácitas ano a ano e cunha cláusula de compensación e absorción que deixa en nada todo avance acordado. Dende a CIG reclamamos a apertura da Mesa repetidamente, pero até o 2020 non houbo suma de vontades para iso.

Desde entón, con pandemia e ERE polo medio, levamos dúas diagnoses e máis de 22 xuntanzas, e non vemos data de remate clara nin avance substancial que xustifique a tardanza.

Cun ERE que foi a oportunidade perfecta (se é que dun ERE se pode sacar algo bo) para corrixir a ausencia de paridade, despois da segunda diagnose, xa nos quedou claro que o problema é practicamente o mesmo. Unha oportunidade perdida.

Mobilización polo Plan de Igualdade na Coruña o 9 de maio de 2023
Manifestación polo Plan de Igualdade na Coruña o 9 de maio de 2023

Entre a primeira e a segunda diagnose, ademais do ERE, entrou en vigor unha nova normativa relativa a Plans de Igualdade e Igualdade Retributiva. Outra oportunidade para sacar unha foto menos pixelada da realidade da empresa, concretar a Fenda Salarial e atopar os porqués e as medidas para corrixir este insulto ás mulleres traballadoras desta empresa. A Lei dábanos a ferramenta e a obriga pero…

A sinatura desta segunda diagnose, cunha auditoría retributiva tolleita e coas eleccións sindicais ás portas supuxo un novo suma e segue no saco do desencanto colectivo. A CIG non asinou ningunha das dúas porque non se acredita a fenda salarial real na empresa, non se facilita a información económica que revele as diferenzas retributivas entre homes e mulleres, e non se informa sobre a correlación entre os postos de igual valor e o organigrama.

A cousa debía ser tan gorda que o Banco mudou o organigrama, polo que os postos de igual valor en BBVA son chamados, os postos «Wally» pola dificultade de atopalos. E tamén dedicou presuposto a un proceso de revisión salarial «dixital» (o dedo do Zona decidiu)… Ule a «chamusquina»…!

Entremedias, a empresa deixou claro que non está pola labor de ir moi lonxe nas medidas que estamos a acordar e que, outra vez, quedarán en nada pola inminente aprobación e desenvolvemento da Lei de Familias, por non falar da nomeada Lei Trans. Reducións de xornada con melloras pírricas, e nada de concrecións de xornada tendo máis de 60 horarios diferentes…

O persoal si é consciente da importancia de acordos como o Plan de Igualdade, que sentan as bases do día a día na convivencia do traballo e a conciliación, con todo o que isto supón para o clima laboral e a saúde mental. Que reforzaría e daría fe do “suposto compromiso” da empresa para cambiar aquilo que está a trabar o acceso da muller a postos de responsabilidade. Mudando unha realidade androxénica que basea na mobilidade o factor decisivo nas promocións. E que sería unha garantçia indiscutible da igualdade salarial entre homes e mulleres.

Hoxe, 9 de maio, reclamamos na rúa o que vós demandades: que o Plan de Igualdade do BBVA non quede nun Plan de Igual–Dá. Que a empresa mova ficha e asine o seu compromiso con avances reais e reflexo do que xa é a realidade do cadro de persoal.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]





Comunicado 230509 [.pdf • 448 kB]



Ningún comentario: