

Nos últimos anos, paralelamente á socialización das reivindicacións do movemento feminista, a maquinaria do capitalismo vense apropiando da loita das mulleres, ideando un novo relato que exalta unha figura de «supermuller» totalmente desvinculada da revindicación feminista de clase. Unha realidade que comenza no momento en que se elimina a palabra «traballadora» do nome do día.
O 8M non pode seguir desvinculado da compoñente obreira que lle deu orixe nin das reivindicacións e denuncias polas que foi creado. Na actualidade as mulleres seguen a exixir TRABALLO, IGUALDADE E SALARIOS DIGNOS que lles permitan vivir dignamente. Porque a pesar da evolución en materia de dereitos formais conseguios durante os últimos séculos, o certo é que a lexislación en igualdade non serviu para reducir e eliminar a fenda salarial, nin garantir unha valoración xusta dos traballos feminizados, nin unhas retribucións iguais para traballos de igual valor.
A fenda salarial situouse no 18,4 % en 2023, o que implica que, de media, unha muller ingresou 4.687 € brutos anuais menos que un home. Incrementar o SMI, segundo recomenda a Carta Social Europea, até o 60 % do salario medio —13.20,04 € mensuais, 18.480,56 € ao ano— é imprescindíbel para reducir a fenda, xa que as persoas traballadoras de menores ingresos son maioritariamente mulleres.
Son varios os factores que causan a fenda salarial de xénero, entre estes: máis parcialidade e temporalidade na contratación, maior uso dos dereitos de conciliación, maior presenza nas actividades e categorías profesionais peor remuneradas. Se as mulleres traballasen a tempo completo e durante todo o ano, a diferenza de salario entre mulleres e homes situaríase no 7,7 % segundo dados da Axencia Tributaria. Por tanto, o que eleva a fenda salaril é o 18,4 % (10,7 puntos máis) é a temporalidade e a parcialidade, formas de contratación precaria que non fixeron máis que aumentar no colectivo feminino despois das últimas reformas laborais.
Todas as desigualdades que sufrimos as mulleres ao longo da nosa vida laboral derivan en que a fenda nas pensións ascenda até o 33,6 %, cobrando de media 421,88 euros menos que os homes. Unha situación que non vai mellorar se non se derroga a perversa reforma das pensións, que ten como obxectivo non só dificultar, aínda máis, o acceso á pensión, senón tamén reducir as súas contías.
Por outra banda, as modifcacións legais dos permisos de corresponsabilidade conseguiron afianzar o uso de permisos retribuídos por parte dos homes e recoñecer o dereito das persoas proxenitoras con independencia do seu xénero, mais supuxeron unha conxelación nos dereitos das mulleres. Sumando ao anterior, a demora na transposición de directivas europeas, unha incorrecta interpretación ou mesmo a negativa a aplicalas &mash;caso do permiso parental de 8 semanas sen retribuír&mash; impide o dereito de conciliar traballo con responsabilidades familiares, obrigando as mulleres traballadoras a facer uso de permisos sen soldo, reducións de xornada e mesmo excedencias, sufrindo os conseguintes prexuízos económicos e laborais.
O cada vez maior empobrecemento das mulleres traballadoras é o caldo de cultivo para o acoso laboral, unha situación de violencia no traballo que a pesar da obriga legal de prevelo, actuar e sancionalo, pola contra segue a medrar, co impacto que este ten na saúde das traballadoras que o padecen, alén da vulneración de dereitos que supón.
Hai catro grandes partidas que consumen o importe dos salarios: a alimentación, a conciliación, a educación e a vivenda. O incremento do coste da vida é moito maior que a suba salarial, polo que nestes tempos ser muller asalariada non é garantía para sair da pobreza.
Por iso desde a CIG instamos os gobernos da Xunta de Galiza e do Estado español a adoptar as seguintes MEDIDAS:
- Reducir a temporalidade e a parcialidade na contratación para rematar coa desigualdade de xénero, especialmente entre a mocidade.
- Garantir que as auditorías retributivas e os plans de igualdade identifiquen as causas das fendas salariais e as discriminacións laborais e implantar sistemas de control que recollan accións reais e efectivas para reducilas e eliminalas.
- Reforzar o papel fiscalizador da Inspección de Traballo na aplicación destas normas. Así mesmo, activar un especial control da Administración Pública no cumprimento normativo dos convenios colectivos co obxectivo de incorporar medidas que camiñen na eliminación das desigualdades e discriminacións.
- Unha clasificación profesional adecuada ao valor real do labor desempeñado polas persoas (na inmensa maioría mulleres) que realizan tanto traballos de limpeza como traballos de coidados, cunhas retribucións maiores ás percibidas actualmente neste tipo de servizos, garantindo estes dereitos a través da negociación colectiva de ámbito galego.
- Ampliar a duración dos permisos relacionados coa lactación natural e o nacemento biolóxico, optar por fórmulas retribuídas no caso do permiso as 8 semanas, fortalecer o dereito á adaptación do horario de traballo sen redución, así como equiparar os dereitos das familias monomarentais/monoparentais que poidan beneficiarse dos permisos como cando existen dúas persoas proxenitoras.
- Garantir a existencia de servizos de xestión pública suficientes e acordes coas necesidades da poboación para que as persoas traballadoras poidan compatibilizar traballo remunerado e coidados.
- Sancións exemplarizantes ante os casos de discriminación, acoso e outras situacións de violencia laboral. A mellor prevención é a tolerancia cero.
- Que a contía mínima das pensións sexa igual ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e se revaloricen conforme o IPC acumulado a final de ano.
A mobilización é o único camiño para conseguir TRABALLO, IGUALDADE E SALARIOS DIGNOS. Os nosos dereitos non foron concesións, foron conquistas sociais logradas tras intensificar os conflitos. Por iso chamamos as desempregadas, estudantes, asalariadas, xubiladas, a que acudan ás concentracións e manifestacións convocadas pola CIG na mañá do 8 de marzo, e pola tarde nas mobilizacións do feminismo galego.
Lugares e horarios das mobilizacións do 8 de marzo convocadas pola CIG ás 12 h.
- A Coruña: no Obelisco.
- Carballo: na praza do Concello.
- Cee: na praza 8 de marzo.
- Ferrol: no local da CIG
- As Pontes: na entrada do Mercado Municipal.
- Compostela: na praza Roxa.
- Lugo: na praza Maior
- Burela: na praza do Concello.
- Ourense: no local da CIG.
- Pontevedra: na Peregrina.
- Cangas: na praza do Concello.
- A Guarda: na praza As de Copas.
- Vigo: no cruce da Dobrada.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
http://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
http://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario