Negociación XXIV Convenio Colectivo AEB
A patronal bancaria segue inmutable na súa postura e apela á «responsabilidade» das organizacións sindicais con presenza na mesa para que se aveñan aos seus postulados.
O novo argumento para reforzar as súas pretensións de recortes, é a crise económica derivada da pandemia que estamos a sufrir. Cando a CIG, aludindo a esa mesma crise, propón unha compensación económica para todo o persoal do sector que estivo en primeira fila arriscando a súa saúde, a patronal responde que xa recoñeceu publicamente o esforzo e bo traballo feito no sector e non é de recibo a compensación que demandamos.
A AEB deu resposta a nosa plataforma e a do resto de organizacións, rexeitando calquera mellora substancial no que respecta as retribucións e, aínda máis, insistindo no anacronismo dos trienios e a súa supresión, negando a perda de poder adquisitivo derivada dos últimos convenios, e mantendo a cláusula xeral de compensacións e absorcións que pedimos eliminar.
Preocúpalle á patronal o noso optimismo respecto das nosas propostas retributivas, esquecendo a situación delicada que vivimos, remitíndonos á publicación dos resultados semestrais do sector. Esquece mencionar que algunhas entidades (nomeadamente Santander e BBVA), xa falan dun posible reparto de dividendos para 2020.
Os dous últimos convenios, marcados por outra crise, a provocada polo sector financeiro, tamén apelaron á moderación salarial. Non así no caso da retribución ao accionariado, que foi incrementándose notablemente desde o ano 2014.
Estes son os datos publicados na páxina da AEB dos dividendos entregados polas entidades máis representativas do sector, con presenza na mesa de convenio:
Entidades | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 |
Santander | 908.412 | 1.497.034 | 2.308.074 | 2.665.220 | 3.117.644 | 3.772.565 |
BBVA | 826.075 | 879.488 | 1.598.648 | 1.697.853 | 2.106.868 | 2.147.099 |
Sabadell | 40.115 | 21.172 | 159.981 | 280.113 | 392.087 | 56.270 |
Bankinter | 90.077 | 206.215 | 189.453 | 224.500 | 258.406 | 264.661 |
Igualmente, remitiu moitas das nosas propostas á negociación no ámbito de cada empresa, cuestión que obedece a estratexia de baleirar de contido o convenio para deixar a regulación das relacións laborais a criterio de cada Banco.
Unha vez máis estamos ante unha imposición por parte da patronal bancaria, que NON unha negociación. Non abonda cos sacrificios feitos polas traballadoras, ERE’s (a moderación salarial do convenio en vigor buscaba preservar o emprego), incremento exponencial da carga de traballo, obxectivos inalcanzables, aumento das prolongacións de xornada, incremento elevado dos riscos sociais e das baixas asociadas… non abonda.
Debemos dar unha resposta contundente fóra da mesa, con mobilizacións na rúa denunciando a situación das persoas traballadoras en Banca, e as pretensións da patronal de continuar afondando nos recortes e precarización do traballo das bancarias.
A próxima reunión da mesa será o 10 de setembro.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario