1 de xullo de 2015

Unha lei para amordazar a loita obreira

A , do 30 de marzo, de protección de seguranza cidadá (LOSC, xa coñecida popularmente como «Lei Mordaza») introduce un catálogo de faltas ou infraccións que non pondera as circunstancias especiais que concorren no exercicio dos dereitos fundamentais de liberdade sindical e folga, o que pode producir efectos contrarios á propia .
En resumo, a «Lei Mordaza» converte os conflitos laborais en conflitos de orde pública.

A represión da protesta social mediante o dereito administrativo sancionador adoita presentarse como máis leve ou benévola que a puramente penal. Porén, a contrapartida é a drástica redución das garantías xurídicas que caracteriza o dereito administrativo: a Administración actúa como xuíz e parte, os seus actos son executivos e gozan de presunción de acerto e legalidade e a impugnación xudicial das sancións en vía contencioso-administrativa convértese moitas veces nun calvario lento e custoso.


Unha visión policial da orde pública que vai contra os dereitos fundamentais

O Tribunal Constitucional, en numerosas setenzas, recoñeceu as particularidades do exercicio dos dereitos de liberdade sindical, folga e adopción de medidas de conflito colectivo:

«Cando unha conduta constitúa, inequívocamante, un acto axustado ao exercicio regular do dereito fundamental, respondendo polo seu contido, finalidade ou medios empregados ás posibilidade de actuación ou resistencia que o dereito outorga, non resultará constitucionalmente lexítima a imposición dunha sanción penal»

O exercicio da liberdade sindical e a folga non implica só o dereito a deixar de traballar para paralizar a produción, senón que:

«afecta á publicidade do propio feito de folga, das súas circunstancias ou dos atrancos que se opoñen ao seu desenvolvemento, para os efectos de expor a súa posición sindical, demandar a solidariedade de terceiros ou superar a súa oposición»
«o dereito de folga implica o de requirir doutros a súa adhesión e a participar, dentro do marco legal, en accións conxuntas dirixidas a tal fin»
«a actividade do chamado piquete de folga, coas súas funcións de información, propaganda e persuasión aos traballadores para que se sumen á folga ou disuasión aos que optasen por continuaren o traballo, integra o dereito recoñecido polo da Constitución».


Como vai afectar a LOSC nos conflitos laborais?

As infraccións da nova «» son especialmente gravosas para os traballadores e traballadoras dos denominados «servizos básicos para a comunidade», mais poden atinxir potencialmente a calquera persoa que exerza os dereitos de folga e liberdade sindical en espazos públicos e mesmo nos respectivos centros de traballo, pois chegan a tipicarse sancións vinculadas á protección da propiedade privada.


Artigo 35.1 LOSC. Infracción moi grave:

«As reunións ou manifestacións non comunicadas ou prohibidas en infraestruturas ou instalacións nas que se prestan servizos básicos para a comunidade ou nas súas inmediacións, así como a intrusións nos recintos destas, incluído o seu sobrevoo, cando, en calquera destes supostos, se xere un risco para a vida ou a integridade física das persoas.
No caso das reunións e manifestacións serán responsábeis os organizadores ou promotores».

O exercicio do dereito de folga, e mesmo as xuntanzas de carácter sindical nas intalacións en que se prestan servizos básicos para a comunidade ou na súa contorna, poden producir, como efecto consubstancial ao dereito fundamental, un prexuízo para o seu funcionamento normal, o que na lóxica de xendarme que orienta a LOSC podería interpretarse como un «risco para a vida ou a integridade física». Isto podería supor a aplicación directa da infracción moi grave, con sancións que poden oscilar entre 30.001 e 600.000 euros. Ademais, existe unha regra de atribución de responsabilidade aos organizadores ou promotores (sindicatos, comités de empresa e delegados de persoal, seccións sindicais e mesmo a asemblea de traballadores), que pode conducir doadamente á súa asfixia económica.

A delimitación deste tipo de instalacións refírese a sectores como a enerxía, comunicación, subministracións, telecomunicacións, etc.


Artigo 36.2 LOSC. Infracción grave:

«A pertubación grave da seguranza cidadá que se produza con ocasión de reunións ou manifestacións diante das sedes do Congreso dos deputados, o Senado e as asembleas lexislativas das comunidade autónomas, aínda que non estivesen reunidas, cando non constitúa infracción penal».

Incorpórase unha norma específica para facilitar a represión das concentracións diante do Parlamento, cunha finalidade claramente disuasoria. Converte o conflito social en materia de orde pública, que pode ser sancionada con multa de 601 a 30.000 euros.


Artigo 36.3. Infracción grave:

«Causar desordes nas vías, espazos ou establecementos públicos, ou obstaculizar a vía pública con mobiliario urbano, vehículos, colectores, neumáticos ou outros obxectos, cando en ambos os casos se ocasione unha alteración grave da seguranza cidadá».

A indeterminación da lei sobre o que sexan desordes ou obstáculos que alteren gravemente a seguranza cidadá abre a porta a sancionar todo tipo de condutas de ocupación do espazo público, aínda que non se produza ningún tipo de risco para as persoas ou para os bens. Até agora, o uso de barricadas só era puníbel se supuña un perigo para as persoas.


Artigo 36.4 LOSC. Infracción grave:

«Os actos de obstrución que pretendan impedir a calquera autoridade, empregado público ou corporación oficial o exercicio lexítimo das súas funcións, o cumprimento ou a execución de acordos ou resolucións administrativas ou xudiciais, empre que se produzan á marxe dos procedementos legalmente establecidos e non sexan constitutivos de delito».

Permítese a sanción de calquera acto de obstrución no desenvolvemento das funcións ou labores de calquera empregado público. O artigo está claramente concibido para reprimir a solidariedade en casos de despexos. Porén, unha interpretación ampla permitiría incluír tamén o labor informativo dos piquetes, aínda que se limiten a cominicaren aos empregados públicos os obxectivos e fins dunha folga. A norma non define o que se entenda por acto de obstrución e é unha fonte de inseguranza xurídica nos caos de folgas no sector público.


Artigo 36.9 LOSC. Infracción grave:

«A intrusión en infraestruturas ou instalacións en que se prestan servizos básicos para a comunidade, incluíndo o seu sobrevoo, cando se produza unha interferencia grave no funcionamento».

Sanciónase a intrusión en instalacións de servizos básicos para a comunidade, cando afecte gravemente ao funcionamento da instalación. Ábrese a porta con isto á sanción pola mera presenza de traballadores ou representantes sindicais que é consubstancial aos dereitos de folga e liberdade sindical, cando se afirme que esta presenza provoca interferencias no funcionamento do servizo, concepto xurídico indeterminado de concreción difícil.


Artigo 37.1 LOSC. Infracción leve:

«A celebración de reunións en lugares de tránsito público ou de manifestacións, incumprindo o preceptuado nos artigos , , , e da , do 15 de xullo, cuxa responsabilidade corresponderá aos organizadores ou promotores».

Sanciona as concentracións espontáneas ou non comunicadas, na vía pública ou nos arredores da empresa; cando esta práctica é consubstancial ao exercicio da liberdade sindicical ou da folga. Ademais, imponse a responsabilidade ao sindicato ou representates dos traballadores e traballadoras que promoven o conflito.


Artigo 37.7 LOSC. Infracción leve:

«A ocupación de calquera inmóbel, vivenda ou edificio alleos, ou a permanencia neles, en ambos os casos contra a vontade do seu propietario, arrendatario ou titular doutro dereito sobre o mesmo, cando non sexan constitutivas de infracción penal».

A alusión á «ocupación» de calquera inmóbel en contra da vontade do seu titular permite convertela nunha cuestión de orde pública; porén, debe considerarse a presenza dos traballadores e traballadoras no centro de traballo como unha vía normal de expresión dos conflitos laborais.


Artigo 37.13 LOSC. Infracción leve:

«Os danos ou o deslucimento de bens móbeis ou inmóbeis de uso ou servizo público, ben como de bens móbeis ou inmóbeos privados na vía pública, cando non constitúan infracción penal».

O «deslucimento» de bens abre a posibilidade de sanción administrativa até 600 euros. É dicir, é sancionábel a mera colocación dun adhesivo nun ben público ou privado, sen necesidade sequera de denuncia do propietario; o que colide co dereito a difundir os conflitos laborais e as folgas.


Lei Mordaza. Imaxe: El Roto


O descarado obxectivo desta Lei é a represión e criminalización da resposta social, decatarnos que se as novas condutas sancionábeis nestas reformas son unha volta atrás sen precedentes para o exercicio de dereitos fundamentais e liberdades públicas, a súa aplicación práctica será, cando menos, da mesma dureza.

En todo caso, é unha Lei «a estrear» polo PP tan axiña como entre en vigor, o 1 de xullo, e se até o de agora estivemos vivindo situacións cada día máis represoras, é de agardar que vaian máis alá da propia letra na nova Lei.




As 44 condutas que se multarán na nova Lei de Seguridade Cidadá


Faltas moi graves
(Entre 30.001 e 600.000 euros de sanción)

  1. Manifestacións non comunicadas ou prohibidas ante infraestruturas críticas.
  2. Fabricar, almacenar ou usar armas ou explosivos incumprindo a normativa ou carecendo da autorización necesaria ou excedendo os límites autorizados.
  3. Celebrar espectáculos públicos quebrantando a prohibición ordenada pola autoridade correspondente por razóns de seguridade pública.
  4. Proxectar feixes de luz sobre os pilotos ou condutores de medios de transporte que poidan cegalos ou distraer a súa atención e provocar accidentes.

Faltas graves
(Entre 601 e 30.000 euros de multa)

  1. Perturbar a seguridade cidadá en actos públicos, espectáculos deportivos ou culturais, solemnidades e oficios relixiosos ou outras xuntanzas ás que asistan numerosas persoas.
  2. A perturbación grave da seguridade cidadá en manifestacións fronte ao Congreso, o Senado e asembleas autonómicas aínda que non estivesen reunidas.
  3. Causar desordes na rúa ou obstaculizala con barricadas.
  4. Impedir a calquera autoridade o exercicio lexítimo das súas funcións no cumprimento de resolucións administrativas os xudiciais. Este punto sancionaría, por exemplo, as concentracións para impedir a execución de desafiuzamentos.
  5. As accións e omisións que impidan ou obstaculicen o funcionamento dos servizos de urxencia
  6. A desobediencia ou a resistencia á autoridade, así como a negativa a identificarse a requirimento da autoridade ou dos seus axentes.
  7. Negarse a disolver xuntanzas e manifestacións en lugares de tránsito público cando o ordenen as autoridade competentes cando concorran os supostos do da Lei Reguladora do Dereito de Reunión. Entre estes supostos está «cando se produzan alteracións da orde pública con perigo para persoas ou bens», polo que podería empregarse esta infracción para sancionar os chamados escraches.
  8. Pertubar o desenvolvemento dunha manifestación lícita
  9. A intrusión en infraestruturas críticas (que prestan servizos esenciais para a comunidade) incluíndo o seu sobrevoo, cando se produciu unha interferencia grave no seu funcionamento.
  10. Portar armas prohibidas ou portar ou usar armas de modo neglixente e temerario ou fóra dos lugares habilitados para iso.
  11. Solicitar e gozar (por parte do demandante) de servizos sexuais en zonas de tránsito público, preto de lugares destinados ao seu uso por menores (colexios, parques…) ou en zonas que poida xerar un risco para a seguridade viaria.
  12. Fabricar, almacenar ou usar armas regulamentarias ou explosivos sen autorización así como a omisión ou falta de eficacia das medidas de seguridade ou prrecaucións que resulten obrigatorias.
  13. Negarse ás inspeccións en fábricas, locais, establecementos, embarcacións e aeronaves.
  14. O uso público e indebedido de uniformes, insignias ou condecoracións oficiais, ou réplicas destes do equipamento dos corpos policiais ou dos servizos de urxencia que poidan xerar engano.
  15. Non colaborar coas Forzas de Seguridade na pescuda de delitos ou na prevención de accións que poidan poñer en risco a seguridade cidadá.
  16. O consumo ou a posesión ilícitos de drogas, aínda que non estivesen destinadas ao tráfico, en lugares públicos, así como o abandono dos instrumentos empregados para iso.
  17. O traslado de persoas, con calquera tipo de vehículo, co obxecto de facilitar a estas o acceso a drogas (as «cundas»).
  18. Plantar e cultivar drogas en lugares visíbeis ao público.
  19. A tolerancia do consumo illegal ou o tráfico de drogas en locais ou a falta de dilixencia para impedilos por parte dos propietarios.
  20. A carencia dos rexistros previstos nesta lei para as actividades con transcendencia para a seguridade cidadá ou a omisión de comunicacións obrigatorias.
  21. Dar datos falsos para a obtención das documentacións previstas nesta lei.
  22. Incumprir as restricións á navegación regulamentariamente impostas ás embarcacións de alta velocidade e aeronaves lixeiras.
  23. O uso non autorizado de imaxes ou datos persoais ou profesionais de autoridades ou membros das Forzas e Corpos de Seguridade que poida poñer en perigo a seguridade persoal ou familiar dos axentes, das instalacións protexidas ou en risco o éxito dunha operación, con respecto ao dereito fundamental á información.

Faltas leves
(Sancións de 100 a 600 euros)

  1. A celebración de manifestacións sen comunicar ás autoridades, a responsabilidade das cales corresponderá aos organizadores.
  2. Exhibir obxectos perigosos para a vida e integridade física das persoas con ánimo intimadatorio.
  3. Incumprir as restricións de circulación peonil ou itinerario con ocasión dun acto público cando provoquen alteracións menores no normal desenvolvemento.
  4. As faltas de respecto e consideración que teñan como destinatario un membro das Forzas e Cospors de Seguridade no exercicio das súas funcións de protección da seguridade.
  5. Facer ou incitar a actos que atenten contra a liberdade e indemnidade sexual, ou executar actos de exhibición obscena.
  6. A proxección de feixes de luz, mediante calquera tipo de dispositivo, sobre membros das Forzas e Corpos de Seguridade para impedir ou dificultar o exercicio das súas funcións.
  7. A ocupación de casas e a venda ambulante non autorizada.
  8. Non denunciar a perda ou o roubo dunha arma.
  9. As irregularidades no cumprimento dos rexistros previstos nesta Lei con transcendencia para a seguridade cidadá.
  10. Non ter a documentación persoal legalmente esixida ou non denunciar o seu roubo ou perda.
  11. A neglixencia na custodia e conservación da documentación persoal legalmente esixida, considerándose como tal a terceira e posteriores perdas ou extravíos no prazo dun ano.
  12. Negarse a darlle a documentación á Policía.
  13. Causar danos a bens mobles ou inmobles de uso público ou privados que estean na vía pública.
  14. Gabear por edificios ou monumentos sen autorización cando haxa risco de que se ocasiones danos.
  15. A remoción de valados, encintados ou outros elementos fixos ou móbiles colocados polas Forzas e Corpos de Seguridade para delimitar perímetros de seguridade.
  16. Deixar soltos ou en condicións de causar danos animais feroces, así como abandonar animais domésticos en condicións en que poida perigar a súa vida.
  17. O consumo de alcol en lugares públicos cando pertube gravemente a tranquilidade cidadá.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Ningún comentario: