Onte, 18 de setembro, a CIG, sindicato maioritario e máis representativo de Galiza, NON asinou o acordo de medios proposto pola empresa na mesa de relacións laborais en Madrid. Este acordo, cociñado co amparo dos sindicatos estatais e feito á medida deles cunha clara intención: repartirse o pastel sindical e deixar fóra aos sindicatos nacionalistas, históricos representantes dos pobos Galego, Vasco e Catalán, historicamente tamén máis belixerantes coa empresa e coa independencia de criterio como bandeira, primando os intereses das persoas as que representan, vós, fronte os da empresa.
Lembro a frase dun empresario… «que doado sería traballar se non existisen os sindicatos»… Seica botaba en falla os sindicatos verticais de tempo atrás. Pois semella que ese día xa chegou a BBVA. Onte CC.OO, UGT, Cadros e CGT veñen de perpetrar unha das maiores accións antisindicais da longa historia desta empresa, asinando a renuncia expresa á liberdade de actuación, á liberdade de expresión, mediante a aceptación formal da inxerencia da empresa en asuntos que non lle son da súa competencia. E non porque o digamos nós, senón porque así o estipula a Lei vixente, a Lei Orgánica de Liberdade Sindical e o Estatuto dos Traballadores, que defenden a independencia dos sindicatos como única garantía destes para poder representar e defender os intereses dos traballadores e das traballadoras.
Se o banco ten que dar a súa aprobación a quen é ou non é representante sindical… que garantía tendes vós, compañeiros e compañeiras, de que as persoas elixidas van ter posta a súa prioridade nos vosos intereses? Credes que pasarán a criba as máis críticas? NON; xa se encargarán de darlle o paso aos palmeiros, aos manipulables, aos peóns que lle sirvan os seus propósitos e lle fagan máis doada a súa folla de ruta.
Se se acepta a supervisión, o control do banco no ámbito da comunicación co cadro de persoal… á hora de pasar esta CENSURA, canto do que vos interesa vai quedar escurecido polo ánimo do censor? Canto quedará na propia autocensura de quen redacta?