Conforme se agravan as políticas de recorte e agresión contra os dereitos das clases populares, asistimos tamén á reiterada criminalización da resposta social, especialmente a de carácter sindical. É tamén crecente a represión contra todas aquelas persoas e movementos sociais que, no libre exercicio de dereitos fundamentais, se opoñen ás políticas antisociais do goberno, esixen respecto aos seus dereitos e demandan condicións de vida e de traballo dignas.
Os sindicatos CIG, CC.OO e UGT convocamos folgas para reivindicar a mellora das condicións laborais e durante estas sucedéronse denuncias contra moitas das persoas que participaron nestas accións reivindicativas. No ano 2008, durante a negociación do Convenio Provincial de Transporte de Mercadorías da provincia de Pontevedra, no 2010, nas negociacións do Convenio Galego de Instalacións Deportivas, e no 2012, no transcurso da folga xeral do 14 de novembro.
Debido a estas denuncias, varias persoas foron sometidas a xuízo. Como resultado, houbo compañeiros e compañeiras inxustamente condenados a tres anos de cadea. É o caso de Serafín e Carlos, traballadores do transporte de marcadorías ou de Ana e Tamara, traballadoras do sector de instalacións deportivas. Os recursos presentados contra estas sentenzas foron rexeitados, así como a primeira solicitude de indulto de Serafín e Carlos. Nestes momentos está solicitado o indulto para Ana e Tamara e un segundo indulto para os outros dous compañeiros.
Os casos de Ana, Tamara, Serafín e Carlos non son illados: no noso país xa houbo máis, pero tamén no resto do Estado, a día de hoxe hai preto de 40 casos similares. Repítense sempre as mesmas pautas, así como as condenas que solicitan as Fiscalías: penas desproporcionadas, inxustas e abusivas que pretenden amedrentarnos e debilitar a nosa capacidde de resposta como clase. Unha vez máis, vemos como os tribunais, ditando estas sentenzas inxustas, colaboran na máis brutal represión contra a clase traballadora, convertendo nun delito a defensa dos seus dereitos, a loita por condicións de vida e de traballo dignas.
Mentres se actúa con esta dureza, por parte do poder, contra a clase traballadora, a Fiscalía e os tribunais manteñen unha actitude de total pasividade diante dos empresarios e empresarias que ameazan, coaccionan e vulneran todos os días os dereitos dos seus empregados e empregadas. Queda de manifesto, unha vez máis, a que intereses responden o Código Penal e o aparato xudicial responsabel de aplicalo.
Toda esta grave situación ten un culpabel directo e claro, o Goberno do PP, que coa súa política elitista e represiva, de confrontación co movemento obreiro e recorte das liberdades públicas, retrotráenos en moitos aspectos ao franquismo: nin sequera nos últimos anos da ditadura se pedían penas de prisión tan elevadas por defender os dereitos da clase traballadora.
Os executivos presididos por Rajoy e Feijóo, como bos Gobernos de dereitas, aproban medidas servís aos insaciables intereses das grandes fortunas, da patronal ou dos mercados financeiros; manteñen unha actitude de total permisividade a respecto da corrupción e de delitos que cometen as súas amizades ou mesmo do se partido.
Non podemos calar: temos que defender os nosos dereitos! Non podemos permitir que a loita sindical e a contestación social se vexan limitadas por estas actuacións ou polas novas reformas lexislativas que o PP está a por en marcha, como é o caso da reforma do Código Penal ou a mal chamada Lei de seguridade cidadá, a través das que se pretende acometer un ataque brutal a dereitos e liberdades fundamentais como son a folga e a expresións de contestación social que debe salvagardar calquera sociedade democrática.
Por todo isto, chamamos a toda a clase traballadora e o pobo galego a responder contra esta inxustiza e a rexeitar a persecución penal da liberdade sindical, instando o Goberno do Estado a anular calquera orde de ingreso en prisión para Tamara, Ana, Serafín e Carlos; que lles conceda o indulto, petición que facemos extensible a calquera compañeiro ou compañeira que se poida atopar na mesma situación.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario