Fronte á propaganda do PP de que a crise está superada e de que todo vai ben, a realidade é que celebramos este 1º de Maio nunha situación de enorme dificultade para amplos sectores da clase traballadora galega. A situación só vai ben para aqueles que son os responsábeis desta crise económica, os banqueiros/as, os especuladores/as, os oligarcas españois amigos/as do PP.
A realidade que a Xunta de Galiza e o Goberno español, coa colaboración dos grandes medios de comunicación de masas, manipulan e ocultan todos os días, se por algo se caracteriza é por un forte retroceso en dereitos laborais e sociais e en calidade de vida, para amplos sectores da sociedade, até o extremo de levar a miles de persoas a una situación de pobreza e de exclusión social, acompañado todo isto dunha forte política represiva e de recorte das liberdades públicas.
Galiza perdeu 195.300 postos de traballo desde o ano 2007; situámonos en cifras históricas de desempregados/as cun total de 275.800 persoas no paro; estamos a perder poboación activa en idades entre 20 e 39 anos, que marcha, unha vez máis, camiño da emigración a producir riqueza noutras partes do mundo; perdemos emprego fixo e a xornada completa e está a ser substituído por emprego temporal e a tempo parcial; redúcense os salarios da clase traballadora mentres se fai una política fiscal que favorece ás rendas máis altas, ás grandes empresas e aos defraudadores/as; o crecemento económico de Galiza é inferior á media do Estado; destrúese unha parte importante do noso tecido produtivo en sectores básicos como o agrogandeiro, pesqueiro, naval ou eólico e nos últimos anos incrementáronse as desigualdades sociais, cunha forte concentración da riqueza nas grandes fortunas.
Esta é a dura realidade que a día de hoxe padecemos a clase traballadora galega e que se empeña en ocultar ese experto manipulador e vendedor de fume que preside a Xunta, o señor Feijóo. Esta situación é consecuencia dunhas políticas económicas e laborais promovidas desde a Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional, executadas obedientemente no Estado español polo PP, e que teñen como finalidade afondar no actual sistema capitalista neoliberal, favorecer o incremento de beneficios do capital e a concentración de riqueza e do poder en mans da oligarquía financeira.
O 1º de Maio simboliza a loita que historicamente levou adiante, e segue a levar, o proletariado de todo o mundo por rematar coa explotación de clase e facer realidade unha sociedade máis xusta, democrática, libre e igualitaria no económico e social.
A CIG e a clase obreira galega sentímonos parte activa desa loita internacionalista e solidaria e a ela queremos contribuír coas manifestacións que celebramos por toda Galiza neste data, así como coas loitas que levamos adiante diariamente na defensa dos nosos dereitos, na mellora das nosas condicións de vida e de traballo e pola conquista da plena soberanía para a nosa nación.
Participa na manifestación do 1º de Maio, participade nas nosas manifestacións:
- A Coruña: praza de Vigo, 12 h.
- Compostela: Praza Roxa, 12 h.
- Ferrol: Av. de Esteiro, 12 h.
- Ribeira: praza do Peixe, 12 h.
- Lugo: ronda da Muralla, 12 h.
- Viveiro: Estación de FEVE, 12 h.
- Ourense: Pavillón dos Remedios, 12:30 h.
- Pontevedra: praza da Ferrería, 11:30 h.
- Cangas: praza do Concello, 18 h.
- A Estrada: praza do Mercado, 12 h.
- Vigo: Cruce da Doblada con Urzaiz, 11:30 h.
- Vilagarcía de Arousa: casa do Mar, 12 h.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario