24 de marzo de 2025

Intervención da CIG 
Xunta xeral de accionistas 2025

Xunta Xeral de Accionistas BBVA 2025

Velaquí tedes o contido da nosa intervención na pasada xeral de accionistas do BBVA · 2025


Moi bo día señoras e señores accionistas. Membros do Consello de Administración, Sr. Presidente, Sr. Conselleiro delegado, buenos días, egun on.


Son Carmen García portavoz da Confederación Intersindical Galega (CIG), o sindicato maioritario e máis representativo de .

Veño contarlles que 2024 foi un ano moi complicado, por moitos motivos. E algúns teñen moito que ver coa súa xestión. Porque mentres non se aclara o futuro da súa OPA hostil, o presente do seu persoal vese comprometido pola falta de solución aos seus problemas cotiáns.

Quero contarlles a situación de homes e mulleres que cada día viaxan polas estradas da miña terra, que non son fáciles, co fin de poder abrir a porta da súa oficina e prestar un servizo a clientela e a sociedade. Persoal a quen non só non se sobe o soldo por iso, senón que se lle termina a axuda de mobilidade e chegan facer 1.500 km. ao mes, cubrindo un destino complicado polos seus propios medios. Sen que ninguén lles dea unha solución nin se preocupe da súa pegada de carbono.

Fálolles de homes e mulleres con familia, con fillos e fillas pequenos aos que se lles ten na estrada durante anos e anos. De todas esas compañeiras e compañeiros que non poden enfermar. Nin eles e elas, nin as súas familias, porque sosteñen oficinas dunha ou dúas persoas, nun modelo territorial de infradotación extrema que alguén decidiu no pasado, e que elas e eles soportan desde entón.

Con ausencia dun equipo volante ou de asociados, suficiente para cubrir estas e outras situacións, con nivel de convenio, poderes ou perfil suficiente para poder afrontar o seu traballo.

Este, o seu Modelo, que deixou unha ringleira de baixas de longa duración con diversas CBC en situación crítica, aínda que a dalgunha diga o contrario, a base de ir pedindo puntuacións ou ausencia de respostas, para que as medias oculten a verdade.

Un modelo onde SS.MM autoriza unha cadeira por ter problemas de costas, e pasa un ano e a cadeira non aparece. Ou onde o persoal especialmente sensible dependa de que o xestor, o seu DZ, considere necesario autorizar as medidas de adaptación propostas.

Sr. Presidente, ten ao seu persoal de máis idade, con máis antigüidade que vostede no banco, rogando para que retomen un plan serio de prexubilacións, do mesmo xeito que vemos noutras entidades. Mentres que aquí, vostedes descártanas por caras.

E pola contra, está a xente que entra. A que queda, claro, porque marchan demasiadas persoas antes sequera de chegar a un centro de traballo, ás veces na outra punta do Estado. Sen idea do noso idioma, e onde reclamamos que se corrixa o agravio comparativo de cobrar ±5.000   en función do mes en que che contrataran.

Ou o persoal asignado a Zona Contigo, onde o que impera é a presión comercial e de tempos. Onde se obriga/recomenda coller vacacións en Semana Grande ou agosto, primando o interese da empresa sobre as necesidades do seu persoal, que demanda un período estival como o do resto de unidades. Como ocorre tamén co persoal de Consumer Finance.

Un modelo onde o «ranking» (iso que vostede di que non existe pero que lle achego en acta ao señor notario) é o que manda. Igualando realidades diversas cando nin os recursos, nin a clientela son semellantes. Esquecendo que somos persoas e asimilándonos a calquera outro recurso produtivo. Forzando tal presión comercial sobre a Rede, que agora máis parecemos unha empresa aseguradora que ofrece servizos financeiros.

E onde, se tes a valentía de denunciar os malos tratos do teu xefe, atópaste cun protocolo de acoso inútil e baleiro de contido. E a resposta é que te adaptes ao estilo de liderado, culpabilizando a vítima e amparando unhas formas do século pasado.

Porque todo isto que lles veño contar, non está pago na súa xusta medida, nin tampouco habería diñeiro que o pagase. Empeñados en compensar e absorber os nosos salarios coma se non tivesen outra opción. Porque non ven o traballo diario dun patio de oficina. Onde a atención presencial debería ser un plus en moitos sentidos e non algo que xa é a excepción.

Non quero deixar atrás seguir reclamando unha información que nos permita chegar á verdade no que se refire á brecha salarial de xénero. Nin a reivindicación dunha maior presenza de mulleres en todos os niveis de responsabilidade. Ou que os dereitos en medidas de conciliación se poidan exercer sen medo a comprometer a túa carreira.

E tampouco quero despedirme sen solicitar que se cumpra a e se comece a medir nos territorios endémicos, como é Galiza, tal e como se está a facer noutras entidades e empresas, sen ningún tipo de escusas, nin máis demoras.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]





Comunicado 250324 [.pdf • 161 kB]



Ningún comentario: