7 de marzo de 2023

8 motivos para un 8 de marzo combativo

A crise non a imos pagar as traballadoras 


8M 2023

  1. A última , baixo a pretensión de eliminar a temporalidade, tróuxonos un incremento da inestabilidade laboral a través da substitución dos contratos temporais polos fixos descontinuos. Esta medida estrela da reforma implantada polo goberno do PSOE e UP na práctica é perpetuar a precariedade, incluso permitindo este tipo de contratos por medio das ETT, que derivan nunha perda total de dereitos para as traballadoras. O auxe da parcialidade é outra forma de explotación das traballadoras. O 25 %  das mulleres temos contratos a xornada parcial, é dicer, 1 de cada 4 mulleres; no caso dos homes, só 1 por cada 16,5.
  2. No que atinxe aos ingresos económicos, persiste a forte fenda de xénero xa histórica, mais non por iso menos grave. A fenda salarial no ano 2021 situose perto do 19 %, o que, en termos monetarios, equivale a que as mulleres cobramos 4.238 euros brutos anuais menos que os homes.
  3. A carestía da vida, con subidas desorbitadas dos prezos de produtos e servizos básicos, empeoran a calidade na alimentación, nas condicións de habitabilidade nos nosos fogares, da nosa saúde… é dicer, unha deterioración considerábel da nosa calidade de vida. A realidade é que seguimos sendo as mulleres as que nos encargamos do mantemento dos fogares e, por tanto, esta carestía aféctanos dun xeito máis directo e lesivo.
  4. Os servizos públicos non cobren as nosas necesidades debido aos recortes que non paran de aumentar. Esta deterioración é especialmente acusada na sanidade, educación e centros de atención á dependencia, servizos que son vitais para a mellora do benestar e do progreso social. A insuficiencia destes servizos públicos obríganos a moitas a abandonar o emprego ou a reducir a xornada para paliar esta carencia.
    Os recortes afectan especialmente ás condicións de traballo do persoal dos servizos públicos, principalmente mulleres. A Xunta de Galicia e nomeadamente o SERGAS é a maior empresa de traballo temporal do País, experta en precarizar as condicións laborais.
  5. O desemprego feminino é un 16,6 % superior ao masculino. No mes de xaneiro de 2023 o 77,85 % das persoas que pasaron á situación de desemprego foron mulleres.
  6. A precariedade laboral é especialmente salvaxe no colectivo de mozas, que sofren grandes dificultades para o acceso ao traballo remunerado, e este realízase en condicións de semiescravitude, obrigando a moitas delas á emigración.
  7. A nova norma que regula as condicións de traballado das empregadas do fogar non contempla a igualdade de dereitos laborais deste colectivo de traballadoras. Existen flagrantes carencias que non recoñecen os seus dereitos laborais plenos, como o seu paso ao réxime xeral da Seguridade Social, o recoñecemento para o desemprego da súa vida laboral previa ou o dereito á negociación colectiva.
  8. A anunciada coa que pretenden aumentar os anos de cómputo para o cálculo das mesmas, lonxe de minguar a fenda actual, que se sitúa no  34,5 %, vai incrementar esta desigualdade. Os contratos a tempo parcial, fixos descontinuos, a inestabilidade no mercado de traballo, as reducións de xornada,… deriva en que aos 65 anos teñamos como media 24,1 anos cotizados, fronte aos máis de 35 anos cotizados dos homes. Podemos afirmar que a nova reforma condenará a prolongar a vida laboral e á miseria tras a xubilación a moitas traballadoras galegas. Se hoxe as galegas pensionistas cobran 376,20 euros mensuais de media menos que os galegos, de se levar adiante esta reforma, esta diferenza aumentará considerabelmente.

As mulleres pasamos de ser excluídas do traballo remunerado a incorporármonos a un mercado laboral desigual e precario. Os traballos que realizamos, lonxe de representar unha actividade emancipadora, funcionan como un mecanismo de alienación e sobrexplotación.

A crise non a imos pagar as traballadoras, seguindo o exemplo das compañeiras da conserva, do SAF, de Inditex, residencia da terceira idade, Sergas e tantas outras, loitaremos pola erradicación das discriminacións laborais e sociais.


Temos convocadas mobilizacións o 8 de marzo en 12 cidades e vilas galegas; únete a nós e participa!.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]





Folleto 8M 2023 [.pdf • 1'3 MB]



Ningún comentario: