ERE—BBVA · Período de consultas
Na reunión de hoxe, a empresa aceptou unha nova prórroga de negociación até o día 8 de xuño. Fixo novas propostas tanto económicas como de afectación de persoal. E comprométense a darlle unha volta a fondo á cláusula de «equilibrio xeracional», pero non nos contan como vai ser esa cláusula.
Dinnos que non van facer un proceso de prexubilacións e que o día 8 é un prazo que xa non vai admitir pola súa parte máis dilación. Todos estes «avances» son froito das mobilizacións e folgas do persoal do BBVA, que con dignidade e convicción manifestamos na rúa o noso rexeite ante medidas tan desproporcionadas e agresivas.
Este ERE non se enmarca en ningún proceso de fusión como noutras entidade, senón que o seu único propósito é aumentar os seus beneficios. Dixémolo dende o principio e seguimos reafirmándonos: NON TEN XUSTIFICACIÓN.
- A proposta de hoxe contempla compensacións máis altas para as mobilidades xeográficas pero non reducen o persoal afectado polos traslados. Publicarán as vacantes, tal e como pedimos, pero queremos que publiquen todas e non só as causadas polos despedimentos. E ollo, hai letra pequena:
- De 25 a 100 km.: 0,24 euros/km. (día traballado presencial) durante 3 anos; se non hai vacante a oficina de destino será o teu centro de traballo de referencia.
- De 25 a 100 con cambio residencia: 400 euros/mes durante 3 anos.
- De 100 a 250 km.: 500 euros/mes durante 4 anos.
- >250 km.: pago único de 3.000 € máis 500 euros/mes durante 5 anos.
- No que respecta ás indemnizacións para as posibles saídas, a oferta foi:
- 63 anos ou máis: 20 días/ano con tope de 12 meses.
- De 55 a 62 anos a 31–12–21 con 10 ou máis anos de antigüidade: 72 % do Nivel Retributivo Anual, descontando a prestación de desemprego ou subsidio, até os 63 anos. Convenio Especial até 63 anos con revalorización ao 3 %.
- De 53 a 54 anos a 31–12–21 con 10 ou máis anos de antigüidade: 55 % do Nivel Retributivo Anual, descontando a prestación de desemprego, até os 63 anos. Convenio Especial até os 63 anos con revalorización ao 3%.
- De 50 a 52 anos a 31–12–21 con 10 ou máis anos de antigüidade: Pago único de 65 % do Nivel Retributivo Anual x 5 veces, con tope de 250.000 €. Renta temporal de 15.500 € / ano até os 61 anos. Primas de voluntariedade: 2.000 € trienio e fracción. 20.000 € antigüidade de 15 ou máis anos. 15.000 € antigüidade entre 10–15 anos. Prima adicional por difícil recolocación: 15.000 €.
- Resto do persoal (menor de 50 ou maior con menos de 10 anos de antigüidade): 38 días por ano con tope de 24 mensualidades. Primas de voluntariedade: 2.000 € trienio e fracción. 20.000 € antigüidade de 15 ou máis anos. 15.000 € antigüidade entre 10 e 15 anos. 10.000 € para antigüidadeentre 5 e 10 anos. 5.000 € para antigüidade menor de 5 anos. Prima adicional por difícil recolocación, para maiores de 50 anos: 15.000 €.
- Excedencias. Presentaron unha proposta sobre suspensións de contratos retribuídas, algo que levamos reclamando na mesa dende o principio da negociación:
- Propoñen incluír 210 excedencias, cunha duración de 5 anos co 30 % NRA (mínimo 12.000 € máis 3.600 para axuda sanitaria).
- Posibilidade de incorporación a partir dos 3 anos se hai praza (o banco reservase a posibilidade de aceptar, aínda habendo praza vacante).
- Garantía de retorno aos 5 anos e se non aceptas o posto que che ofrecen dentro da comunidade autónoma na que traballabas, a indemnización será como a do persoal menor de 50 anos pero sen primas, tramitándose a túa baixa no banco como baixa voluntaria e sen xerar dereito a desemprego.
- A antigüidade mínima requirida é de 8 anos no banco.
Aínda que pareza que o banco está a dar pasos importantes, a realidade é que o esforzo que intentan vendernos é mínimo.
Non desbotan o condicionante subxectivo das avaliacións para decidir sobre as saídas. A pesar da «volta» que lle van dar á cláusula de «equilibro xeracional», non a retiraron aínda. Iso significa que, tal e como vimos reivindicando, non habería unha voluntariedade total, porque o banco sempre tería a última palabra. Ademais solicitamos o compromiso de non facer contratacións temporais mentres haxa persoal en excedencia.
Con respecto aos horarios dos CSE, seguimos sen poder entender como están propoñendo unha redución tan brutal de persoal e pretenden ampliar horarios a quen quede. Unha vez máis reafirma a nosa idea de que hai traballo para tod@s!
O que é evidente, é que a continua presión das mobilizacións fixo que se movese a Dirección, e nós, como sindicato de clase, temos claro que deberiamos seguir desenvolvendo o noso papel, as nosas funcións, que son empregar todas as medidas ao noso alcance contra calquera tipo de agresión da empresa ao persoal.
Aínda non tivemos contestación á nosa proposta de novas accións sindicais, pero non desbotamos unha nova convocatoria.
NON AO ERE NO BBVA!!!
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario