Iremos á folga porque unha vez máis as mulleres fomos as encargadas de asumir en exclusiva o traballo de coidado de persoas vulnerábeis, e malia que a pandemia amosou que os traballos feminizados son traballos esenciais para o desenvolvemento da sociedade, porén, as mulleres non fomos obxecto de ningunha política específica destinada nin a protexer a nosa saúde, sobreexpoñéndonos ao virus, nin tampouco se recompensou o noso sobreesforzo cunha revalorización social e económica do noso traballo. Todo o contrario, as únicas políticas adoptadas polos gobernos tanto no estado como na Xunta foron dirixidas a reducir os nosos salarios con reducións de xornada e a asumir de balde os coidados que o sistema deixou de realizar.
Este 8 de Marzo faremos folga de 24 horas, farémonos visíbeis no espazo público, denunciando a sobreexplotación á que estamos sometidas nos nosos traballos asalariados e nos nosos fogares; a precariedade das mozas que intentan acceder ao emprego; a das que suman moreas de contratos a tempo parcial e de curta duración; a infravaloración dos traballos feminizados, os da limpeza, dos coidados das persoas enfermas, dependentes, das persoas maiores, das crianzas; a explotación das traballadoras do comercio, dos sectores sociosanitarios; os abusos ás traballadoras dos centros de chamadas, ás traballadoras do fogar; a situación das que tiveron que renunciar a salarios por ter que coidar da súa familia; os despedimentos realizados de xeito oportunista por unha patronal que veu na pandemia a oportunidade para liquidar os seus contratos; por sermos as máis prexudicadas pola fenda dixital ou pola analfabetización electrónica que tanto nos dificultou no acceso a axudas e prestacións; porque somos as que cobramos pensións máis miserentas; as que estivemos en risco por falta de equipos de protección mesmo nos servizos esenciais. Porque non podemos esquecer que a crise sanitaria pagámola as mulleres. Co noso lombo, co noso traballo de balde, limpando, curando, coidando. Porque coidar a quen nos coida debe ser un imperativo legal, porque é de xustiza.
Iremos á folga para denunciar a situación, tanto laboral como asistencial, das residencias da terceira idade, dos centros de día, dos centros de atención á diversidade, dos servizos de axuda no fogar, etc., servizos que o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a custo das persoas máis vulnerábeis. Para que os recursos e servizos de atención ás persoas pasen a ser revalorizados, garantindo o recoñecemento e dignificación destes traballos como un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas, e en condicións de traballo dignas e estábeis para o persoal encargado dos coidados.
Sóbrannos razóns para ir á folga
O 8 de marzo REBÉLATE, secunda a folga e participa na xornada de loita organizada pola CIG!
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario