22 de novembro de 2018

Fartas do acoso e da violencia machista

A pesar da rotunda reposta que demos as mulleres nas rúas o pasado 8 de marzo e o certo é que os gobernos só recoñeceron o éxito da convocatoria do mevemento feminista, mais non asumiron ningunha proposta política, social ou económica real do feminismo de clase para combater as desigualdades de xénero.

Desde esta histórica , foron moitas as accións levadas a cabo pola CIG contra as discriminacións por razón de xénero no mundo do traballo no marco dunha campaña sostida no tempo a través da cal se pretende identificar, denunciar, sensibilizar e combater as discriminacións que sofren as mulleres, polo feito de o seren, no mundo laboral.

Como os casos de acoso e doutros tipos de violencia machista seguen sendo esmagadoramente altos, desde o sindicalismo nacionalista levamos moitos anos instando á negociación de protocolos de prevención e actuación ante situacións de acoso laboral, por razón de xénero e identidade afectivo/sexual, de plans de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, con medidas reais a efectivas de prevención e actuación contra este tipo de situacións, mais na meirande parte dos casos, estes documentos ou non se negocian ou son simples declaracións de intencións que fican no fondo dun caixón.

Este ano, berramos #NinUnhaMáis esixindo que non haxa unha muller máis acosada no traballo, agredida física, psicolóxica ou sexualmente, nin unha máis que sufra violencia económica, patrimonial, simbólica, obstétrica ou institucional. Porque imos fartas de acoso e da violencia do traballo. Porque non imos permitir #NinUnhaMáis acosada, nin unha muller máis agredida, violentada, discriminada. Abonda xa!

Para responder a esta opresión non cabe outra saída que a mobilización. Por iso facemos un chamamento a participar nos debates que se producirán no encontro IV Encontro Nacional de Mulleres que terá lugar en Compostela o 22 de novembro ás 10 na EGAP e na mobilización posterior que convocamos ás portas dos Xulgados ás 12 horas), que servirá para facer balance das accións levadas a cabo pola CIG contra as discriminacións por razón de xénero no mundo do traballo desde a folga de mulleres, para analizar a actual situación política e laboral e, ao tempo, abordar o debate e a posta a punto das propostas do feminismo de clase para combater esta situación coa ollada posta nunha nova xornada de loita para o vindeiro 8 de Marzo.

Mentres os gobernos non garantan os dereitos das mulleres a vivir unha vida sen violencia e sen discriminacións, mentres non se garanta que o lugar de traballo é un espazo libre de acoso e hostilidade contra as traballadoras, non imos parar de mobilizarnos.

O 25 de novembro imos sair á rúa participando activamente nas mobilizacións convocadas pola e outro colectivos feministas da Galiza. Mais non imos permitir nin un retroceso máis nos nosos dereitos. Organicémonos. Loitemos contra a exclusión, a marxinación, a pobreza, a violencia e o machsimo que sufrimos como mulleres, como traballadoras, como galegas. Querémonos vivas e libres. Combatamos a violencia machista avanzando un chanzo máis na loita.  #NinUnhaMáis

25N


Ligazóns relacionadas:

Xornal Avantar:
Portal da Secretaría Confederal das Mulleres da CIG



➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Diptico 25N [.pdf • 892 kB]
 


Ningún comentario: