8 de febreiro de 2018

8 de marzo: MULLERES EN FOLGA

Día Internacional da Muller Traballadora

A CIG convoca folga no marco do PARO INTERNACIONAL DE MULLERES que o 8 de Marzo secundarán máis de 50 países, para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia.

A CIG fai un chamamento a secundar este paro de mulleres para seguir reivindicando neste 8 de Marzo que queda moito por facer pola igualdade e por visualizar a contribución de todas as mulleres ao mundo. Paramos porque non podemos seguir aturando tanta discriminación e violencia. Porque hai que concienciar do traballo que fan as mulleres. Que o noso papel na sociedade non é subsidiario. Que somos a metade de , a metade do mundo. Imos demostrar que o mundo non xira igual se paramos as mulleres. Sóbrannos razóns para ir á folga.

Rexistramos a convocatoria de paros parciais en cada unha das quendas durante o vindeiro 8 de Marzo, dando cobertura legal a todas as traballadoras galegas de todos os sectores produtivos e de todos os centros de traballo, para participarmos neste día de protesta, reivindicación e mobilización: folga no traballo asalariado, folga de consumo, folga de brazos cruzados nas tarefas de coidado, boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista, e a mobilizarse canda nós este 8 de Marzo, coas feministas, coas sindicalistas, participando de xeito activo na xornada.

Facemos un chamamento a que, nun momento dado do día, as mulleres deixemos o que estamos a facer e PAREMOS para que entendan que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos. Visibilizaremos o traballo achegado polas mulleres nun día normal para o seu recoñecemento. Marcharemos XUNTAS en mobilización amosando o poder da nosa UNIDADE.

Sóbrannos razóns para ir á folga:

  • Porque cobramos menos ca un home por facer o mesmo traballo. Nos sectores nos que as mulleres predominamos, os salarios son máis baixos que naqueles nos que son os homes os que teñen unha presenza maioritaria.
  • Porque temos máis contratos a tempo parcial ca os homes. Moitos deles duran menos dun mes, mesmo unha semana. Porque está a aumentar o número de mulleres con ingresos inferiores ao SMI e descende o salario medio destas.
  • Porque se nos impide conciliar, porque vivimos co medo a sermos despedidas cando nos convertemos en nais.
  • Porque temos moitas dificultades para promocionar no traballo (teito de cristal/chan pegañento).
  • Porque temos pensións máis cativas ca os homes e moitas nin sequera chegarán a ter acceso á contía mínima.
  • Porque miles de mozas teñen que emigrar para evitar o desemprego ou para non teren que incorporarse aos traballos non cualificados, temporais e mal pagos que se lles ofrecen.
  • Por todos os traballos precarios que seguen a realizar moitas mulleres sen dereitos laborais nin sociais.
  • Porque seguimos a asumir de xeito maioritario unha dupla ou tripla xornada dentro e fóra do fogar, pola falta de corresponsabilidade nos coidados.
  • Porque somos as que solicitamos excedencias durante anos para coidar as crianzas ou a familiares dependentes.
  • Porque sufrimos de xeito maioritario os efectos dos recortes en servizos públicos (saúde, ensino, dependencia…) e na dotación de cadros de persoal que dificultan a atención aos servizos esenciais.
  • Porque para a CIG, as mulleres do mercado de traballo formal e informal e da esfera non pagada da reprodución social, son todas traballadoras. Porque os traballos de coidados deben estar no centro das políticas, e os dereitos das empregadas do fogar deben equipararse sen demora.
  • Porque hai que rachar coa hipocrisía de quen nos felicita un 8 de Marzo, de quen pon en marcha campañas ou aproba protocolos, plans de igualdade, compromisos ou declaracións de intencións baleiras de contido, e ao mesmo tempo ataca frontalmente os nosos dereitos.
  • Porque sufrimos acoso na rúa, na nosa casa, no lugar de traballo. Porque nos agreden, porque nos violan, porque nos matan, polo mero feito de sermos mulleres.

Por iso queremos que paredes todas: as estudantes, as xubiladas, as desempregadas, as asalariadas, as funcionarias, as fixas, as eventuais… Imos intensificar o esforzo divulgativo en todos os centros de traballo, convocando asembleas nas empresas, informando e convencendo da necesidade de ir á folga. Mais tamén man a man coas asociacións de mulleres, veciñais, nos centros de ensino, nas asociacións culturais e deportivas, coas organizacións e colectivos feministas para lograr que o vindeiro 8 de Marzo as mulleres galegas PAREMOS.

Imos demostrar a FORZA e a CAPACIDADE DE MOBILIZACIÓN das traballadoras galegas.

PARAMOS para lembrar a esta sociedade que somos a metade da humanidade e que a metade nos pertence.

PARAMOS para esixir xustiza. Isto acaba de comezar. O futuro é noso. Avante compañeiras!


cartaz Folga de Mulleres - 2018



➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]








Ningún comentario: