Lembrade que aínda que teñades unha boa avaliación, unha catalogación de REGULAR ou MALO, exclúevos de cobrar «sobre».
En 2011, con constantes aumentos de obxectivos e a imposibilidade de conseguilos (tanto pola crise como pola falla de produtos atractivos para a xa escasa clientela, a escaseza de persoal, etc.), cada vez é máis o persoal preocupado, e con razón, de que o BBVA, para aforrar cartos na paga do AVE de febreiro, faga unhas avaliacións miserentas.
O sistema, como estamos fartos de reivindicar, é perverso: Se a empresa quere remunerar a maiores certas consecucións de obxectivos, NON PODE FACELO VINCULÁNDOO AO NOSO EXPEDIENTE PROFESIONAL. As Avaliacións deberan medir o noso traballo e máis nada.
Isto por non falar da sensación de estafa coa que se queda calquera cando, despois de traballar aínda máis horas, aínda máis duro, aínda con menos e peores medios que en anos pasados, recibe unha mala avaliación baseada nos malos resultados da oficina, e non no esforzo realizado ou na calidade do traballo (cartos aparte, claro).
Como diciamos ao inicio, non é que isto sexa «novo» pero, ademais de que vai afectar a moitas máis persoas, parece que imos tomando conciencia de que A AVALIACIÓN É O NOSO EXPEDIENTE LABORAL, o que, no entorno actual, con posibilidade de fusións, reducións de persoal, etc., pode ter unha relevancia maior e de moita máis gravidade da que tiña ata agora.
Vede agora as nosas recomendacións para conter na medida do posible os posibles efectos nocivos dunha avaliación «en crise»:
- A ENTREVISTA É OBRIGATORIA. Esixide que vola fagan e vos expliquen como e porqué vos xulgan e, se non estades de acordo, dicídeo. Contactade con nós se non é así, e reclamade por escrito. Lembrade que a empresa di que as entrevistas se fan porque non reciben queixas de que non sexa así!
- As avaliacións son o noso EXPEDIENTE LABORAL. Se non estamos de acordo e reclamamos por escrito, tanto se a modifican como se non, amosamos a nosa desconformidade dende un primeiro momento, o que pode ser moi importante chegado o caso de que nos queiran ofrecer unha baixa, un traslado ou un cambio de posto que non desexemos.
- NON ACEPTEDES unha avaliación que entendedes inxusta baixo ningunha circunstancia. Non cobrar o AVE, pode chegar a ser o menor dos vosos problemas, se nun proceso de redución de persoal buscan «criterios obxectivos» para elixir á xente que «sobra».
- CONTACTADE con nós. Aínda que podedes facer a reclamación pola vosa conta, contade con nós para asesoramento ou apoio fronte a empresa, que para iso estamos. Queremos saber, ademais, se o proceso transcorre con normalidade e respectando as normas ou non... para poder tomar medidas ao respecto.
Xa vos diciamos o ano pasado que ao persoal nos ía tocar apandar coas vacas fracas. Coa situación como está, haberá que ter moito coidado de que non nos pille o touro. Protexédevos cando menos.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario