4 de decembro de 2007

Tempo de colleita

Un paso adiante, dous atrás

Pouco máis dun mes hai da sinatura do acordo de BB.SS, nuns termos que os sindicatos maioritarios xa aceptaran nun preacordo no pasado mes de agosto. Hai tempo xa que avisamos de que o único beneficiado é BBVA, que reduce gastos a costa do seu persoal, mais é agora, ao ser realmente operativo, cando parece que sentimos o burato na carteira.

O único trato igualitario acadado é que todos e cada un dos colectivos de procedencia senten que son o máis prexudicado.
Para empezar, manteñen moitos acordos residuais, ben «ad personam», ben procedentes dalgún acordo de fusión: son aqueles que non foron quen de tocar e que non intentaron renegociar posto que NUNCA FIXERON UNHA OFERTA QUE XUSTIFICARA RENUNCIAR A NINGÚN DEREITO.

Por outra banda, a Comisión Interpretativa do acordo estará composta tan só polos asinantes do texto, de xeito que a quen a nosa conciencia non nos permite asinar semellante relación de perdas, non poderemos intervir na súa interpretación.

Non hai un colectivo que non se sinta especialmente prexudicado polo acadado, e é que todos perden, e todos son agraviados dabondo como para ter xerado un malestar que nos comentan a cotío.

Sen ánimo de ser exhaustivos, xa que é seguro que algún nos queda atrás, vede algúns dos «froitos» recollidos no acordo para distintos colectivos:

OS PASIVOS:
  • Nas prazas onde desaparecen os economatos, en lugar de ter unha compensación anual, será única e perderán o dereito.
  • As viúvas e viúvos só terán acceso a apartamentos e hoteis mentres que teñan fillos/as a cargo de ata 17 anos.
  • A compensación económica que se lles dá a cambio de moitas perdas, é so de 175 euros.
COLECTIVOS PROVENIENTES DA ANTIGA ARXENTARIA (BANCO EXTERIOR, CAIXA POSTAL…):
  • Non teñen dereito a premios de antigüidade, o cal é un agravio comparativo coas novas incorporacións dende a data da fusión co BBV, polo que reiteramos a nosa demanda de que TODO O COLECTIVO RECIBA O RESCATE CORRESPONDENTE, CANDO MENOS Á DATA DA FUSIÓN CON BBVA.
  • A perda que foi sufrindo o persoal procedente de BEX e non só en materia de BB.SS é de sobra coñecida (plans de pensións…)
  • Algún colectivo, como o de , non foi equiparado en dereitos aos novos incorporados, polo que non disfrutou en 9 anos de apartamentos e residencias, JAFA…, sendo un dos grupos máis prexudicados nos pasados anos e polo que nunca se considerou tan sequera unha compensación.
COLECTIVO CON DEREITO AO PREMIO DE 45 ANOS DE ANTIGÜIDADE:
  • Aínda sendo un grupo pequeno, no texto do acordo non se atreveron a facer unha oferta de rescate, deixando tan só a porta aberta a que a empresa o fixera. Non é estraño xa que o que están a ofertar é ridículo e insultante para xente que leva tantos anos na empresa.

Esperamos que quen teña dúbidas sobre o rescate deste premio consulte con nós antes de tomar ningunha decisión definitiva.

COLECTIVO BBV:
  • As condicións en que se fai o cambio de beneficios por cartos é claramente prexudicial, así como as condicións do rescate dos premios de antigüidade.

Cando a colleita é desta calidade só nos queda esperar que os asinantes do acordo fagan exame de conciencia, e que o persoal pense en quen pode depositar a súa confianza para a defensa dos nosos dereitos.

Entrementres, contade con nós para calquera consulta ou reivindicación que queirades facer.





➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: