
Velaquí tedes o contido da nosa intervención na pasada Xunta xeral de accionistas do BBVA · 2026…
Un ano máis desde a CIG, sindicato maioritario e máis representativo de Galiza, trasladamos a este foro as preocupacións do persoal e compartir algunhas reflexións de tantas boas persoas que constrúen BBVA día a día.
Boas persoas, traballadoras co máximo compromiso con esta empresa xa que, coma sempre lle recordaremos, a súa vida e a das súas familias depende do seu traballo. A súa vida no presente, pero tamén no futuro.
Estas persoas dinnos que temos un problema Sr. Presidente, cando ao noso persoal sénior na REDE, non se lle dá unha saída digna despois de ata 40 anos de oficio. As persoas que se van incorporando, asoman, ven o que hai e marchan sen dicir adeus, nunhas cifras abraiantes. Pero, non nos confundamos, onde non quedan é na Rede. Onde outros competidores están tomando a iniciativa no relevo, aquí seguimos sufrindo o castigo da súa ineficacia.
Sr. Presidente, é moi sinxelo, contratan novo persoal, trasládano dun extremo ao outro do Estado, páganlle as certificacións e, a partir dese momento, xa moitos e moitas comezar recibir ofertas para traballar no sector, con mellor salario e preto da súa casa. Compañeiros e compañeiras que, hai 5 anos nestas datas, vivían un confinamento que, sen dúbida, cambiou radicalmente a súa forma de ver a vida, moito antes do que lles correspondería por idade…
Esa REDE, Sr. Presidente, de boas persoas que puxeron a súa enteira disposición e esforzo, como todo o banco, para intentar chegar onde vostedes non souberon, nunha OPA HOSTIL MAL PARIDA DESDE O INICIO. Sen compensación algunha para o persoal. Pero a recompensa da alta dirección, si será aprobarse unha vez máis un aumento salarial indecente.
O persoal, como premio, pasará 2026 abafado nunha carga de obxectivos que, en moitos casos, aumenta dun 50 a máis dun 100 % dun ano para outro. E se estás en redución de xornada (e salario), pois igualiño que as demais: que se os obxectivos… os mesmos; que se as vendas diarias… as mesmas; que se as citas coa clientela… as mesmas. Todo igual menos o salario e a presión. Isto ten nome e é discriminación directa por cuestión de xénero.
Esa REDE que insisten en desmantelar para favorecer os seus intereses de dixitalización extrema e forzada… por unha inquebrantable vontade de seguir engordando a conta de resultados a costa de todo e de todas: persoal e clientela incluída. Desmantelamento provocado por un desprazamento non consentido (e o consentimento é importante) da clientela e persoal a un modelo, o de ZONA CONTIGO, con clientela secuestrada e co persoal no peor horario de todos con diferenza, coa maior presión por obxectivos e, oh sorpresa, co mellor acordo de empresa asinado por vostedes, segundo as súas propias verbas.
Seguimos falándolles de persoas porque seguimos sendo un banco de persoas para persoas… Ou quizais, xa nin sequera esa sexa unha afirmación correcta. As persoas traballadoras do BBVA estamos moi preocupadas pola implantación da IA no banco, porque somos moi conscientes de que, tralo fracaso da súa OPA, xogámonos moito nesta baza: vostedes as súas poltronas e nós o noso futuro laboral. Non temos moi claro tampouco se a ferramenta é a IA ou, máis ben, nós, as persoas, nutrindo a un xigante chamado a dominar as nosas vidas.
E preocúpanos moitisimo que a nosa compañeira de viaxe, OPEN AI, sexa unha empresa que permitiu liberar a súa IA de calquera límite ou restrición moral para usos militares ou civís, nun novo conflito armado, o que nos leva a un NON Á GUERRA ROTUNDO, A NINGUNHA GUERRA IMPERIALISTA, contraria á legalidade internacional e, o que e máis importante, contraria á vida das persoas. O seu uso en vixilancia masiva de persoas lévanos a recordar o motivo da imputación do Banco e a súa anterior cúpula directiva xunto co comisario Villarejo, contratado até 2017… Antes de onte, coma quen di.
O anterior, lévanos de novo a esas boas persoas que necesitamos, máis que nunca, poñer á fronte. Boas persoas que dean prioridade á situación do persoal nunha REDE de oficinas na que seguimos convivindo con situacións que comprometen a súa saúde: risco por amianto, convivencia con cheiros e augas fecais, todo tipo de humidades, risco eléctrico, filtracións… Sempre coa mesma resposta tipo «Xa se denunciou á CC.PP». Pero se che toca prestar servizo nunha desas sucursais, Poio por exemplo, mala sorte! Non se vai facer nada máis polo persoal. Importa máis manter un contrato de renting que adecuar unha oficina con accesibilidade imposible para persoas con mobilidade reducida.
Abonda de hipocrisías e teñan máis coherencia entre mensaxe e realidade señoras e señores.
Non se confundan, É O SEU SISTEMA E NON O CADRO DE PERSOAL QUEN REBAIXA O RCP.
Eskerrik asko, señoras e señores.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario