Por iso consideramos que é preciso involucrarse activamente:
- Individualmente non consentindo actitudes machistas, mesmo denunciando ante a policía, garda civil ou fiscalía, feitos que poidan constituír delitos.
- Como representantes sindicais debemos solicitar a apertura do protocolo contra o acoso e a violencia, exixindo as sancións correspondentes; instando á negociación de protocolos cando estes non existan e solicitando formar parte da comisión instrutora. En caso de inacción ou de resolucións que supoñan vulneración de dereitos, denunciando ante a Inspección de Traballo.
- Colectivamente, desde o sindicato e desde o feminismo galego, seguiremos denunciando as consecuencias lesivas do patriarcado, dos efectos deste na vida das mulleres, xa sexa en forma de violencia directa ou daquela indirecta exercida polas institucións, incapaces de sancionar con rotundidade e de previr situacións de asedio e agresións, ou que mesmo aproban medidas legais regresivas
O silencio fainos cómplices!
É imprescindíbel manifestar tolerancia cero contra as actitudes machistas
A VIOLENCIA machista, en calquera das súas manifestacións, é un problema social. Historicamente, tanto os medios de comunicación como as institucións adoitan poñer o foco sobre as mulleres: analizándoas, revitimizándoas, culpabilizándoas, exhibíndoas… No discurso contra a violencia machista ou ben se apoia ás vítimas ou se advirte das consecuencias, pero con frecuencia esquecémonos de que hai un só executor da violencia: un home, amparado pola complicidade dun sistema xudicial, policial, político e patriarcal que permite a impunidade.
Durante décadas desde a nosa central sindical ocupámonos de previr e identificar as diferentes formas de violencia de xénero, tanto aquelas que están naturalizadas como as máis invisibilizadas, sensibilizando a todas as persoas sobre as consecuencias e chamando a denunciar estes comportamentos. É o momento de responsabilizar directamente a aqueles homes que exercen a violencia, amosar o noso total rexeitamento tanto por parte do resto dos homes, como das mulleres e das persoas non binarias, instando a modificar a masculinidade hexemónica tradicional para acadar novos xeitos de ser homes.
Desde a CIG, como organización sindical feminista, facemos un chamamento aos homes para que se manifesten incómodos tanto con eles mesmos como cos demais, que se resitúen no lado que corresponde, promovendo a transformación das normas sociais, modificando actitudes e comportamentos machistas, visibilizando modelos de referencia alternativos cos que poder identificarse e lograr así unha sociedade máis xusta e igualitaria.
A maioría temos un xefe, un compañeiro, un familiar, un alumno, mesmo un amigo, que sempre «se pasa da raia» cando se trata de mulleres. A maioría dos homes foron ese home algunha vez, viron e calaron ou dixeron ou fixeron cousas das que agora se arrepinten. É importante reflexionar e recoñecermos os erros.
Tamén hai mulleres que son cómplices e artífices desa cultura patriarcal, que tamén xulgan a actitude, a vestimenta, ou o comportamento doutras mulleres, cuestionando a credibilidade daquelas que foron quen de dar o paso e denunciar eses comportamentos violentos.
O lugar de traballo é o espazo onde desenvolvemos boa parte das nosas vidas, logo as posibilidades de ser vítimas ou testemuñas de actos violentos é moi elevada neste ámbito. Sabemos que todo comportamento indesexado, que teña como obxectivo ou efecto perturbar unha persoa traballadora, afectar a súa dignidade ou crear un ambiente intimidatorio, hostil, degradante, humillante ou desestabilizador é acoso. E a meirande parte dos acosos laborais teñen a súa orixe nestes comportamentos machistas, sexa en forma de acoso sexual, por razón de sexo/xénero/expresión ou identidade, sexa acoso laboral. Situacións que non poden ignorarse, nin permitirse, e que deben ser sancionadas e erradicadas.
ÓLLATE NO ESPELLO:
- CONTROLAR é violencia.
- HUMILLAR é violencia.
- INSULTAR é violencia.
- RIDICULIZAR é violencia.
- ILLAR é violencia.
- SOMETER é violencia.
- MENOSPREZAR é violencia.
- PRESIONAR é violencia.
- CHANTAXEAR é violencia.
- VIXIAR é violencia.
- TOCAR O CORPO sen consentimento é violencia.
- ENVIAR OU SOLICITAR IMAXES ou vídeos de contido sexual é violencia.
- ACOSAR é violencia.
Temos convocadas diferentes mobilizacións o 25 de novembro en toda Galiza e facemos un chamamento para que participas na túa comarca, nos actos convocados polo movemento feminista galego durante a xornada do 25N.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario